O BNG cre que os PGE deixan a Galicia "muda" e acusa a Feijóo de "defender o indefendible"

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu a criticar as partidas destinadas a Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), que deixan á comunidade "muda" por culpa do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de "defender o indefendible" ao servizo dos "intereses" do PP a nivel estatal.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/05/2017 | Actualizada ás 14:00 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A portavoz nacional, Ana Pontón, volveu a criticar as partidas destinadas a Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado (PGE), que deixan á comunidade "muda" por culpa do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de "defender o indefendible" ao servizo dos "intereses" do PP a nivel estatal.

Este luns en comparecencia de prensa, Pontón cargou contra uns orzamentos que, na súa opinión, supoñen unha "labazada na cara" de Galicia ao recibir "a cifra máis baixa de investimentos do século XXI".

Para a líder frontista, a "responsabilidade" deste "recortazo" corresponde ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e a súa "estratexia de submisión e servilismo" á dirección nacional do seu partido. "Se gobernase o PSOE, (Feijóo) estaría a botarse as mans á cabeza", apostilou.

Así, ironizou, parafraseando unha canción do artista Manu Chao, con que a Galicia "chámanlle a desaparecida" polo seu pouco peso nas contas mentres cae "unha choiva de millóns" no País Vasco ou Canarias derivada dos pactos alcanzados polo PP para sacar adiante o PGE nas Cortes.

Pontón aseverou que o PGE evidencian "as prioridades políticas" do PP, como o incremento "de 7.000 millóns de euros" para gasto militar; e, doutra banda, "desmontan unha das mentiras" dos populares: "que os recortes son inevitables".

E é que, para a nacionalista, o Executivo de Mariano Rajoy mantén "os recortes sociais" e a priorización "do pago de débeda" a pesar de que os ingresos tributarios contemplados nos PGE alcanzan niveis "de 2007".

AXENDA GALEGA

Así as cousas, Ana Pontón propuxo un "cambio de estratexia" para impulsar unha "axenda galega" que permita "mellorar as condicións de vida" dos galegos.

Entre os puntos desa "axenda", citou un cambio no concerto económico para a comunidade que permitiría un aumento dos ingresos "de máis de 3.500 millóns de euros", así como establecer unha tarifa eléctrica "propia", a modernización das liñas ferroviarias, o saneamento das rías e maior investimento en I+D+i.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta