Os avisos

Hai un conto do que apenas me lembro, case só recordo o remate. A historia vai dun home moi rico, ou dun rei, que pacta coa Morte que o avisará con tempo antes de o veña levar. Un tempo que precisaba para preparar as cousas terrenais, para despedirse dos seus e para prepararse espiritualmente.

Por Emilio Martinez | Lugo | 02/06/2017

Comparte esta noticia
Unha noite a Morte chega xunto o home co que fixera o pacto e ordénalle acompañalo. O home moi sorprendido négase, e xustificase co argumento de que a Morte tiña incumplido a súa parte do trato, que non o avisara con tempo suficinte tal e como tiñan acordado moitos anos antes. A Morte moi seria mira para o home, unha persoa xa consumida pola idade, consumida polo paso do tempo, que precisa para camiñar bastóns, ao que calquera esforzo lle costa, e dille moi calma: “Non viches nestes anos pasados cando te mirabas ao espello que a túa pel, antes tersa, agora está toda enrugada?, fai canto tempo non tes aquel cabelo preto do que estabas tan orgulloso?, fai canto tempo tes que alimentarte de sopas e cousas lixeiras porque xa non tes dentes?. Fai canto tempo os teus osos che fan sufrir cando chove ou fai un pouco de frio?. Non che parecen sinais suficintes?”.
 
O conto ten moitas lecturas. Tamén políticas. Seguireino buscando e cando o atope compartireino cos membros do Consello das Mareas… a ver si son quen de sacarlle o partido que a historia merece.
 
En Marea acadou nas eleicións xerais de 2015 a frioleira de 410.698 votos, o 25,01% do total. Apenas uns meses despois os resultados minguaron ata 347.552 votos, o 22,18% deixándose polo camiño a simbólica segunda praza, a favor do PSOE, e perdendo un deputado e un senador. Poucos meses despois, nas eleicións autonómicas En Marea obtivo 271.418 votos, o 19,67%, apenas 18.000 votos mais que o PSOE. Ninguén ve os avisos?.
 
En agosto de 2016, o atrapallado procedemento veraniego para escoller cabeza de cartel electoral  e listas eleitorais nas eleicións galegas de apenas mes e medio despois (¡!) saldouse cunha participación de máis de 10.000 persoas que moi maioritariamente respaldaron a Luis Villares, 8.804 votos, o 86,7%. Catro meses despois a elección do Consello das Mareas pasou con pouca gloria entre a base social da organización, as tres candidaturas presentadas (Máis Alá, Somos Quen e Queremos Participar) sumaron 1.524 votos. Ninguén ve os avisos?.
 
En maio de 2017 o Consello das Mareias convoca ás súas bases a unha consulta sobre a moción de censura anunciada por Podemos. Do exiguo censo de 2.061 inscritos e inscritas tómanse a molestia de votar 763, das cales 649 fanno a favor de respaldar a moción, o 85,06%. Os dirixentes da formación non teñen problema en afirmar na súa web e nos seus comunicados de prensa que o resultado significa “un apoio claro das bases” a respaldar a moción. Outra lectura sería decir que apenas a unha de cada 535 persoas das que votaron a En Marea en 2016 importoulle algo a consulta convocada. Ou a exactamente, outra forma de decir o mesmo, importoulle o suficinte como para participar ao 0,1867% dos seus votantes. Os dirixentes de En Marea están a punto de redescubrir o “asemblearismo de amiguetes”, unha variación hipster do despotismo ilustrado, con rastas e brincos dilatadores.
 
Tal vez a baixa participación débase a que as persoas gostan de ver o circo, pero non tanto de participar nel ou ben non gostan de saltar simplemente porque outro toca o silbato. Dame que non axudou moito que convocada unha consulta o sábado e o domingo, 20 e 21 de maio, o día antes, o venres 19, o deputado de En Marea, Antón Gómez-Reino, xa estaba apoiando a presentación da moción no Rexistro do Congreso, como estaba facendo o posible na Porta do Sol madrileña, o sábado 20, para sair na foto con Pablo Iglesias, demostrando que antepón a súa militancia en Podemos á representación dos milleiros de galegos e galegas que o fixemos deputado.
 
O catedrático de Filosofía Política e Social, Daniel Innerarity no seu libro “A política nos tempos da indignación” (Galaxia Gutemberg 2015, do que hai edición portuguesa: Dom Quixote, 2017) escribe: “Unha das formas nas que a sociedade opina sobre a política estriba precisamente na intensidade da súa participación ou interese”, sigue decindo: “O desinterese é tamén unha forma respetable de opinar ou decidir, e non necesariamente unha falta de compromiso político. Convén non equivocarse neste punto si queremos entender a sociedade na que vivimos”. Esforzanse quenes dirixen En Marea en interpretar ás suas bases?. Os avisos están hai. 
 
En Marea non foi quen, no ano e medio pasado, de fidelizar corpo electoral nin de encandilar á súa base social. O facer no Parlamento Galego ten todas as trazas de ser un “remake”, pero ainda mais cutre, da penosa experiencia de AGE, co cal a ninguén debe estranar que unha deputada prefira servir hamburguesas de lacón os fins de semana que dedicarse a facer o traballo para o que foi electa. 
 
Os avisos están hai, pero en En Marea parece que non hai quen os interprete. Ou é que non apetece interpretalos porque simplemente non coinciden co mundo paralelo no que semella que moitos viven?. Da a impresión de que os marcos ideolóxicos, popularizados por George Lakoff para explicar o comportamento dos votantes conservadores en Estados Unidos, pero tamén aplicables ás esquerdas, impidenlle asumir que a realidade é a que é, non a que eles queren que sexa. Ou estamos ante unha actualización daquela brincadeira sobre os partidos comunistas que viña decindo que si as bases non estaban dacordo co comité central a solución é buscar outras bases?.
 
Non é a primeira vez que pasa. Cerca, no BNG, en tempos recentes, temos exemplo de como uns dirixentes políticos toman as decisións basándose nunha realidade cuxa análise manipulan para que encaixe no seu molde.
 
Hai outro conto que protagoniza a Morte que me gusta, titúlase “A Morte Madriña” dos irmans Grimm, tamén del os dirixente de En Marea poderian tirar algunha analoxia. No conto a Morte non perdoa que tenten enganala, nen sequera perdoan a aquel a quen queren… o pobo tampouco perdoa, nin siquera a quenes pretenden ser os seus absolutos e únicos interpretes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.