Por Walter Burns | Madrid | 19/05/2010 | Actualizada ás 19:04
Dende a chegada do PPdeG ao poder na Xunta, o Goberno Galego contratou en até tres ocasións a empresas directamente vinculadas con Carlos del Álamo Jiménez, quen fora conselleiro de Medio Ambiente na lexislatura final de Manuel Fraga.
A Nosa Terra informou este mércores que a consellería de Agustín Hernández adxudicara o control dunha obra por 138.000 euros a Tecnoma.
Tecnoma empresa está presidida por del Álamo, pero o seu accionista ao 99% é outra compañía, Técnica y Proyectos SA (Typsa). Del Álamo é conselleiro en Typsa, matriz dun importe grupo de empresas.
Pois ben, Typsa tamén recibiu dúas adxudicacións da Xunta de Alberto Nuñez Feijóo.
En xaneiro a Empresa Pública de Obras e Servizos Hidraulicos (dependente da Consellería de Medio Ambiente) adxudicaba a dirección de obras na provincia de Ourense. Foron máis de 1,1 millóns para unha UTE participada por Typsa.
Ademais, Typsa recibiu unha adxudicación de 425.000 euros para o mantemento da "rede foronómica de Galicia Costa". Outorgoulla en Outubro Augas de Galicia, tamén dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Cómpre salientar que nin Tecnoma nin a súa matriz Typsa nunca foran contratadas antes pola Xunta, salvo unha adxudicación realizada por Medio Ambiente a Tecnoma en 2001. Daquela Del Álamo xa era conselleiro responsábel de Medio Ambiente, posto no que continuou até que o levou por diante a tormenta do Prestige.
Pachi Vázquez, líder do PSdeG, denunciou este martes que a suposta austeridade da Xunta non se aplicaba por igual a empresas "de amigos e familiares" dos conservadores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.