As Illas Atlánticas, a un chanzo de entrar na lista de zonas húmidas de importancia internacional

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural somete a información pública a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na lista Ramsar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/06/2017 | Actualizada ás 10:58

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente vén de publicar no DOG o anuncio do 10 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se somete a información pública a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na lista de zonas húmidas de importancia internacional (convenio de Ramsar).

As Illas Cíes
As Illas Cíes | Fonte: Susana Costas.

O Convenio de Ramsar, relativo ás zonas húmidas de importancia internacional, especialmente como hábitat de aves acuáticas, ten entre os seus obxectivos a conservación e uso racional das zonas húmidas. Cando un país se adhire ao Convenio, contrae unha serie de compromisos xerais de conservación das súas zonas húmidas e ten a obriga de designar polo menos unha zona húmida para ser incluída na Lista de zonas húmidas de importancia internacional.

Para a inclusión dunha zona húmida na Lista Ramsar séguese un protocolo de inclusión que se inicia coa remisión oficial da solicitude e termina co envío á Secretaría Ramsar da documentación técnica e cartográfica xustificativa xunto co Acordo do Consello de Ministros e a súa publicación no BOE. Posteriormente, prodúcese a comunicación oficial da inclusión efectiva na Lista Ramsar e a remisión do certificado de inclusión.

A solicitude de inclusión na Lista Ramsar do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia foi remitida o 6 de marzo de 2014 ao Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e obtivo unha valoración positiva do Comité de Zonas Húmidas durante a súa 21ª reunión (18 de novembro de 2014) e pola Comisión Estatal do Patrimonio Natural e a Biodiversidade na súa reunión do 29 de xullo de 2015. A documentación técnica e cartográfica xustificativa na súa versión definitiva foi remitida ao Ministerio en novembro de 2016.

O Decreto 127/2008, do 5 de xuño, polo que se desenvolve o réxime xurídico das zonas húmidas protexidas e se crea o Inventario de zonas húmidas de Galicia, establece na súa disposición adicional única que a declaración como sitio Ramsar dun humidal levará consigo automaticamente a súa consideración como zona húmida protexida cos efectos inherentes a esta declaración e que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará de oficio o procedemento de declaración desta zona baixo a categoría de zona húmida protexida.

En virtude do establecido no artigo 50 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, agora sométese a información pública a inclusión do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na Lista Ramsar, polo prazo dun mes, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir as súas alegacións mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico iatlanticas@xunta.gal.

REQUISITOS

O Parque Natural Illas Atlánticas cumpre a maioría dos criterios que o Comité de Humidais valora para a inclusión dunha zona húmida na lista RAMSAR. Unha das características máis salientables do parque é o elevado número de núcleos poboacionais de especies protexidas de flora e fauna, entre as que destacan: 6 mamíferos, 97 especies de aves, 14 hérpetos, 5 tipos de peixes de auga salina, 7 de invertebrados e 9 de flora.

No manual da relación RAMSAR tamén se sinala que un humidal deberá ser considerado de importancia internacional se substenta unha poboación de 20.000 ou máis aves acuáticas. Segundo se desprende dos censos de invernada de aves acuáticas, as Illas Cíes e a ría de Vigo constitúen unha das maiores concentracións de aves a nivel estatal, destacando a gaivota patiamarela, que chegou a superar os 20.000 exemplares, o Cormorán moñudo (ata 1.291 aves) e as Vuelvepiedras común.

O proceso para a introdución dun humidal no convenio RAMSAR é longo, xa que abrangue dende unha proposta oficial de inclusión efectuada pola Comunidade Autónoma ou autoridade administrativa responsable da conservación do espazo natural proposto, ata un acordo do Consello de Ministros e a súa publicación no BOE para, finalmente, remitir á Secretaría do Convenio e á UNESCO a solicitude de inclusión, acompañada da documentación técnica requerida.

Galicia conta cos seguintes humidais declarados como Sitio RAMSAR que suman un total de 7.698 hectáreas.: Ría de Ribadeo, Ría de Ortigueira e Ladrido, Lagoa e areal de Valdoviño, Complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo e Complexo intermareal Umia - O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta