O novo rumbo da sanidade galega

O goberno de progreso fixo globalmente unha boa xestión da sanidade galega.

Por Pablo Vaamonde | A Coruña | 06/07/2010

Comparte esta noticia

Foron catro anos de intenso traballo co obxectivo de afortalar o sistema público e de reducir a dimensión dos principais puntos negros: as excesivas demoras, as ineficiencias e os parasitismos. Puxéronse en marcha numerosos proxectos que agora empezan a ser percibidos pola cidadanía. Se cadra o máis salientable é a potenciación das tecnoloxías da información, onde se realizou un avance notable que nos sitúa na avangarda neste terreo. Pero non se soubo contar. Ninguén explicou de xeito adecuado o que se estaba a facer e cales eran os obxectivos. Faltou debuxar o que Lakoff chama o "marco conceptual" que permitise darlle coherencia á narración de tanto esforzo colectivo. A oposición fixo moito ruído durante a lexislatura e o goberno non soubo crear un relato propio que puxese en valor o seu traballo.

Despois de gañar as eleccións, o PP deseguida deseñou o seu escenario: "estamos en crise, non hai diñeiro". O presidente prometeu facer unha política de austeridade que non ía afectar á sanidade e á educación, piares básicos do Estado do benestar. Non cumpriu a súa promesa, e reduciu os orzamentos destes dous departamentos para o presente ano por primeira vez na historia da autonomía. A crise tamén serve de excusa para paralizar todos os proxectos en marcha (a renovación tecnolóxica, a mellora da atención primaria) e para baixarlle o salario aos traballadores da sanidade por enriba do proposto polo Goberno central.

Tamén paralizaron os proxectos construtivos que tiña en marcha o goberno anterior (Hospital de Vigo, centros de saúde da área sur), para ser substituídos de inmediato por outros nos que participan empresas privadas, e que van ser moito máis costosos para as arcas públicas. Todo parece indicar que, neste terreo, non se persigue a austeridade senón o beneficio particular a expensas dos orzamentos públicos. Así procederon hai anos os gobernantes de Madrid e de Valencia: hoxe atópanse coa sanidade pública ao borde da quebra.

A austeridade tampouco afecta ao afán propagandístico. A Consellería acaba de anunciar  no BOE a contratación, por vía de urxencia, dunha campaña publicitaria sobre a modernización da sanidade pública en Galicia –impulsada e realizada polo goberno anterior-. Custo total: un millón de euros. A conselleira ten unha posta en escea moi definida: o integrismo relixioso e a beatería. Pero detrás desta representación agóchanse os principais vectores desta nova etapa política: o negocio e a propaganda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Pablo Vaamonde Nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.