Feijóo súmase á teoría do cambio climático con duras criticas ao “ecoloxismo ilustrado”

Destaca que Galicia leva anos "dando pasos" cara as enerxías limpas e márcase o reto de que o 100% da electricidade proceda de renovables.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2017 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou este venres que o cambio climático é "un feito incontestable", baseado en "verdades científicas incontrovertidas", e marcouse como horizonte de traballo que o 100% da electricidade consumida en Galicia proceda de fontes renovables. Non obstante, rexeitou un "ecoloxismo ilustrado" que non conte coa "implicación" do pobo".

Feijóo na presentación da estratexia contra o cambio climático
Feijóo na presentación da estratexia contra o cambio climático | Fonte: Europa Press

Durante a presentación da Estratexia galega de cambio climático e transición enerxética 2050, Feijóo defendeu a necesidade de reducir paulatinamente a dependencia dos combustibles fósiles para que nese ano o noso modelo produtivo estea "practicamente libre" de emisións de gases de efecto invernadoiro. No camiño para lograr ambos os dous obxectivos, dixo, Galicia leva anos dando pasos grazas á "vontade" social, ao "compromiso" das empresas e aos "investimentos" da administración.

Ata o punto de que, proseguiu, é a terceira comunidade que máis reduciu as súas emisións desde 1990 e as renovables supoñen xa o 52,6 por cento da electricidade que se xera. Ademais, o consumo de enerxía primaria con renovables, segundo apuntou, alcanza o 20,7 por cento, por encima do obxectivo marcado para España no horizonte de 2020.

Por tanto, desde o convencemento de que loitar contra o cambio climático deixou de ser "unha opción" para converterse "nunha obriga", o máximo mandatario autonómico salientou en presenza de numerosos expertos na materia que Galicia está a dar pasos neste sentido e seguirán facéndoo.

"Unímonos a todos os pobos do mundo que queren seguir cambiando para seguir avanzando. A terra chámanos e temos que responder", salientou Feijóo, para quen esta xornada de traballo é "o punto inicial do cambio".

ECOLOXISMO "ILUSTRADO"

É por iso que prometeu que o seu goberno "fará seu" o documento que saia das distintas mesas de traballo, para facer fronte a "unha ameaza que non coñece fronteiras". Partidario de actuar en "mitigación, adaptación, formación e sensibilización", o que rexeitou é un "ecoloxismo ilustrado" que non conte coa "implicación" do pobo e, por tanto, deixe a este "a mercé de demagogos, pseudocientíficos e localistas" que ven na loita contra o cambio climático "unha rémora para o crecemento" ou "unha desvantaxe fronte a outros territorios".

Así é que apelou a converter esa loita "nunha forma de vivir", tomando como referencia as palabras de Barack Obama sobre que esta é a primeira xeración que percibe as consecuencias do cambio climático e a última que pode facer algo para combatelo. "Non podemos lavar as mans", advertiu o xefe do Executivo galego, sen deixar de facer fincapé en que o cambio climático "non é ciencia ficción nin unha mera hipótese".

Fronte a "bulos carentes de todo fundamento" que desde o "interese mezquino" ou a "ignorancia atrevida" tratan de pór en dúbida o cambio climático, o presidente recorreu o "vínculo íntimo" dos galegos coa súa terra para "seguir coidando o patrimonio".

"QUENCEMENTO GLOBAL"

E é que o quecemento global, lembrou, afecta ao noso mar, e con iso á pesca e o marisqueo; ao noso viño, o noso leite, a nosa masa forestal; e tamén ao "activo incalculable" que supón o noso medio ambiente. De feito, coa vista posta no futuro, sinalou que "a diferenza entre países" residirá nas súas "condicións ambientais".

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, advertiu de que o mundo se atopa hoxe "nunha encrucillada histórica" na que "é preciso actuar" fronte a unha "ameaza" que non é "futurista", senón actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José Enrique

Fixense si está comprometido co medio ambiente que, ano tras ano aumentan as hectáreas de monte queimado polos lumen, consecuencia do recorte nas políticas de prevención, tan necesarias, eficaces, rentables, etc, para o noso país, como indican infinidad de informes técnicos, e realidades na aplicación desta política preventiva.