Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2017 | Actualizada ás 18:54
O sindicato educativo ANPE fixo balance ao finalizar este curso 2016/2017 e "suspendeu" á Consellería de Educación pola xestión levada a cabo durante este curso en Galicia. Así o reflivte nun comunicado enviado este sábado, coincidindo coa execución das oposicións de Educación, no que insistiu en que "finaliza un curso sen ningún tipo de avances nas condicións laborais e retributivas do profesorado".
Neste sentido, indicou que os profesores galegos "continúan sendo dos docentes peor retribuídos de España", ademais de seguir "sen recuperar pagas extras desde o ano 2013". Nesta mesma liña, apuntou que "os docentes galegos son dos que máis horario lectivo teñen en España".
Tamén achacou a "falta de negociación" do calendario escolar e a "falta de respecto" aos opositores, así como a "nefasta" xestión do proceso de oposicións.
É por iso que o sindicato ve "necesario" retomar o diálogo e a negociación que "leva anos ausente", limitándose a Consellería, lamentou, "a manter reunións nas que apenas se negocia, sendo o seu carácter informativo e desatendendo as propostas realizadas pola parte social".
"UN CURSO SUSPENSO"
ANPE insistiu en que o departamento dirixido por Román Rodríguez ten "moitas tarefas pendentes", polo que "suspendeu este curso" e, por tanto, terá que "traballar duro para recuperalo".
Por último, mostrou o seu "total rexeitamento" ás actuacións levadas a cabo pola Administración educativa galega na política de peches dos centros de ensino de Outes (A Coruña), As Pontes e O Porriño (Pontevedra).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.