O cambio climático pode favorecer o rendemento en carne do mexillón

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC Galicia presentan un estudo que revela que o rendemento en carne do molusco bivalvo depende de condicións climatolóxicas e que este se verá favorecido polo aumento do afloramento costeiro previsto ao longo do século XXI.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 26/06/2017 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

Científicos do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC Galicia presentan un estudo no que comprobaron que o rendemento en carne do mexillón depende de condicións climatolóxicas.

Cultivo de mexillóns en batea
Cultivo de mexillóns en batea | Fonte: RTVE.

O estudo, cuxos resultados se publican na revista Ecological Indicators, releva que en anos con invernos secos, primavera temperá e veráns dominados por ventos do nordés, a produción de mexillóns alcanza un mellor rendemento en carne, na época central de explotación, coa consecuente repercusión no rendemento económico.

Un dos aspectos máis destacados do estudo é o prognóstico de cara aos próximos anos, marcados polo cambio climático. Segundo os científicos do CSIC Galicia, os escenarios climáticos futuros suxiren que no século XXI haberá un aumento do afloramento costeiro, é dicir, un maior deprazamento de masas de agua desde o fondo até a superficie do mar —fenómeno coñecido como upwelling—, especialmente durante os meses de verán, o cal conduciría a unha recuperación do rendemento en carne de mexillón.

O estudo foi feito en colaboración coa empresa PROINSA co obxectivo de establecer a influencia das condicións climatolóxicas sobre os rendementos en carne  do mexillón. Para iso utilizouse un extenso conxunto de datos dos rendementos en carne procedentes de mexillóns cultivados en diferentes zonas da ría de Ares-Betanzos recollidos entre os anos 2001 e 2012.

O traballo modela a variabilidade estacional do rendemento en carne e analiza a súa variabilidade interanual en función das condicións meteorolóxicas na área do estudo, utilizando como variables explicativas a radiación solar, os ventos costeiros e a descarga fluvial. Estas variables meteorolóxicas propóñense como proxies da temperatura da superficie do mar e dispoñibilidade de alimento, sendo as variables que controlan o crecemento de bivalvos, segundo os estudos previos publicados.

O traballo  establece a utilidade de vincular o rendemento en carne do mexillón coas condicións meteorolóxicas para utilizar estas como predictores da variabilidade estacional e interanual do rendemento en carne do mexillón.

"Os ecosistemas mariños afectados polo fenómeno de afloramento, como é o caso da costa galega, son altamente sensibles aos cambios nas condicións climatolóxicas, particularmente ás alteracións no réxime de ventos costeiros. Neste contexto, expúxose un estudo para coñecer se estes cambios climatolóxicos explican a variabilidade observada no rendemento en carne do mexillón e, de explicala, en que sentido", sinalan os científicos.

Para iso, os científicos, que levan máis de dúas décadas desenvolvendo investigacións na ría de Ares-Betanzos no marco de contratos de investigación coa empresa mexilloeira PROINSA, analizaron datos do rendemento en carne do mexillón cultivado nos dous polígonos de cultivo desta ría entre os anos 2001 e 2012 e examinaron a variabilidade interanual do seu ciclo estacional en función das condicións climatolóxicas deses anos.

En concreto, observaron que os mellores rendementos en carne se obtiveron en ciclos de cultivo caracterizados por invernos secos acompañados de primaveras adiantadas e seguidos de veráns dominados por fortes ventos do nordés, responsables do afloramiento nesta zona.

O estudo tamén puxo de relevo diferencias espaciais, dentro da ría de Ares-Betanzos, en relación ao rendemento en carne do mexillón, observándose maiores rendementos na parte interna que no segmento central da mesma.

CAMBIO CLIMÁTICO

"Estes resultados poñen en valor a utilidade de vincular o rendemento en carne do mexillón coas condicións climatolóxicas dunha zona, non só debido a que o rendemento en carne serve para fixar o prezo do produto no mercado, senón por que  permite inferir como podería afectar o cambio climático á calidade do cultivo de mexillón", apuntan.

O traballo confirma que a variabilidade interanual observada no ciclo estacional do rendemento en carne dos mexillóns cultivados na citada ría está vinculada ás variables primarias que definen o clima da zona: achegas continentais, vento costeiro e radiación solar.

Así, as achegas dos ríos afectan inversamente o rendemento anual medio da carne; os ventos do noroeste presentan efectos positivos no aumento do rendemento en carne na primavera e verán; e a radiación solar, que determina a desova de primavera, afecta ao comezo da recuperación do rendemento en carne do mexillón, co que se inicia a época central de colleita.

Estas variables poden ser indicadores para estimar variabilidade estacional e interanual do rendemento do mexillón, e son tamén útiles para discutir o impacto de futuros escenarios climáticos sobre o rendemento en carne do mexillón nas rías galegas.

"Nas últimas décadas o índice de afloramiento costeiro experimentou un descenso na costa galega, o que podería implicar unha retardación da recuperación estival do rendemento en carne desde o seu mínimo de primavera. Con todo, dado que as proxeccións climáticas para o século XXI apuntan a unha intensificación do afloramento, cabe esperar un aumento da recuperación estival do rendemento en carne que redundaría, á súa vez, en maiores rendementos comerciais para o cultivo", avanzan os científicos.

O estudo enmárcase no proxecto europeo ClimeFish (H2020), no que participa o CSIC a través de dous grupos de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas (Vigo): Xeoquímica Orgánica e Ecofisioloxía de Bivalvos, e cuxo labor concreto é determinar os impactos do cambio climático no cultivo do mexillón, como prolongación das investigacións desenvolvidas polo CSIC en colaboración coa empresa PROINSA, a través de contratos de investigación, desde hai máis de dúas décadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta