Temas: BANCA

Ourense e Pontevedra, entre as provincias do Estado que máis sucursais bancarias perderon

Ambas as dúas provincias sitúanse por riba da media estatal en perda de oficinas trala reestruturación do sistema financeiro durante os anos de crise. A ourensá é a cuarta con máis peches, cunha redución do 41,4 por cento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/07/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A provincia de Ourense perdeu o 41,4 por cento das sucursais que tiña durante os anos duros da crise económica, entre 2008 e 2015. Isto supón 9,1 puntos por enriba da media estatal, que se situou no 32,3 por cento. A ourensá é a cuarta provincia do Estado con máis peches de oficinas bancarias, só por detrás de Castellón (42,3%), Barcelona (42,2%) e Girona (41,6%). Tamén Pontevedra se situou entre as 19 provincias que superaron a media estatal en peches de sucursais, cun 34,3 por cento menos.

Banco Pastor-Grupo Banco Popular.
Banco Pastor-Grupo Banco Popular.

Os datos de Ourense e Pontevedra contrastan cos de Lugo e A Coruña, onde se pecharon menos sucursais. De feito, a porcentaxe de Ourense case dobra a de Lugo, provincia na que se perderon o 23,5% de oficinas, mentres que na Coruña a perda foi do 29,9%.

Este datos son recollidos nun estudo do economista Joaquín Maudos, catedrático de Análise Económica da Universitat de València, titulado 'Bank Restructuring and Access to Financial Services: The Spanish Case, en Growth and Change' e que se publica na revista Growth and Change.

Os resultados estatais mostran que aínda que o número de habitantes das localidades sen sucursais bancarias aumentou un 20 por cento en termos absolutos, o impacto da contracción da capacidade instalada foi relativamente pequeno, xa que o aumento equivale a só o 0,4 por cento da poboación total. Así, o 2,4 por cento da poboación do Estado non pode acceder fisicamente a servizos financeiros ofrecidos por unha sucursal bancaria na súa localidade (datos de 2015). 

En 2008, cando comezou crise e a rede de sucursais alcanzou o seu máximo (máis de 45.000 oficinas en todo o Estado), a porcentaxe da poboación sen sucursal bancaria na súa localidade era do 2 por cento e a porcentaxe de todas as cidades sen unha oficina era do 44 por cento. En comparación, en 2015 había 191.774 habitantes máis sen acceso a unha sucursal. Con todo, Maudos salienta que aínda que isto supón un incremento do 20 por cento, "o impacto do esforzo de reestruturación bancaria e a forte contracción da capacidade instalada viuse relativamente reducido, xa que esta cifra representa só 0,4 puntos porcentuais da poboación española".

MÁIS DUN MILLÓNS DE PERSOAS SEN ACCESO

A reestruturación do sector financeiro no Estado, rescatado pola Unión Europea, supuxo a redución da rede de sucursais nun 32 por cento en todo o Estado, o que provocou interrogantes sobre o acceso da poboación aos servizos financeiros. Os resultados do estudo do profesor Maudos mostran que "aínda que a porcentaxe da poboación sen acceso a unha sucursal na súa cidade natal aumentou, o incremento foi pequeno, aínda que marcado por diferenzas significativas dunha provincia a outra", aporta o catedrárico, quen salienta que "as caixas de aforros (incluídas as antigas caixas convertidas en bancos) seguen sendo as institucións financeiras máis importantes en termos de facilitar o acceso das sucursais aos servizos financeiros".

O estudo contabilizou 1.127.853 habitantes sen acceso a unha sucursal bancaria na súa localidade, maiormente en localidades moi pequenas. A nivel provincial, en termos de porcentaxe de poboación sen acceso a unha sucursal bancaria na súa localidade, os resultados mostran moitas desigualdades, que van desde o 25,4 por cento da poboación en Zamora ao cero por cento en Baleares, Cádiz, Xaén, Murcia, Ceuta e Melilla.

Xunto con Zamora, destacan altas porcentaxes de cidadáns sen acceso a oficinas bancarias en Ávila, Burgos, León, Palencia, Salamanca, Segovia, Soria e Teruel, todas elas por enriba do 10 por cento, con tres provincias (Zamora, Ávila e Segovia) con máis do 20 por cento.

OURENSE, ENTRE AS MÁIS AFECTADAS

En termos de porcentaxe de cidades sen sucursais bancarias, destacan Ávila, Burgos, Guadalaxara, Palencia, Salamanca, Soria, Segovia e Zamora, con niveis de máis do 75 por cento.

Por outro lado, o número de cidades sen sucursal bancaria incrementouse en 328. Aínda que a porcentaxe da poboación sen acceso a servizos bancarios na súa cidade só aumentou en 0,4 puntos entre 2008 e 2015, o incremento foi moito maior en provincias como Segovia (6,5 puntos), Ourense (4,8 puntos), Tarragona (3,3 puntos) e Cáceres (3,4 puntos). Nalgunhas provincias, a porcentaxe da poboación que non ten acceso a unha sucursal bancaria na súa cidade diminuíu, nalgúns casos "non porque o número de cidades sen sucursais diminuíse, senón porque esas cidades perderon residentes", argúe o autor do estudo, quen engade: "De feito, o número de cidades sen sucursais diminuíu en só seis provincias (Albacete, Almería, Conca, Guadalaxara, Huesca e Málaga)".

Maudos destaca tamén o caso da provincia de Ourense pola importancia do papel desempeñado polas caixas de aforros á hora de facilitar o acceso aos servizos bancarios. Así, salienta que na provincia ourensá o 17,5 por cento da poboación ten acceso a unha sucursal bancaria grazas ás caixas. Ourense é seguida por Cáceres (15,9 por cento), Guadalaxara (13,3 por cento), Lleida (11,7 por cento) e Tarragona (11,4 por cento), provincias nas que as caixas de aforro son responsables de proporcionar acceso a sucursais a máis do 10 por cento da poboación. O estudo tamén destaca que nunhas 33 provincias (dun total de 52) son as caixas de aforros e as fundacións bancarias as que garanten o acceso aos servizos bancarios a través dunha sucursal.

CAÍDA TRAS UN PERIÍODO DE EXPANSIÓN

Entre 2000 e 2008, a rede de sucursais no Estado aumentou en tamaño nun 17 por cento, aínda que, como saluenta Maudos, enmascarando diferenzas substanciais entre bancos, caixas de aforro e cooperativas de crédito". Así, as caixas de aforro e as cooperativas de aforro e crédito tiveron un notable crecemento, expandindo as súas redes nun 30 por cento e 31 por cento, respectivamente, nos anos de bonanza, pero no período 2008 a 2015 a rede de sucursais de caixas de aforros e das cooperativas de aforro e crédito caeu un 43 por cento e un 34 por cento, respectivamente, fronte o 21 por cento dos bancos comerciais.

En total, as institucións de depósito reduciron as súas redes de sucursais en España de 45.662 sucursais a 30.921, entre 2008 e 2015. Con todo, a redución foi desigual a nivel provincial, como constata este estudo. En xeral, apunta o autor, a corrección foi maior naquelas provincias onde o número de sucursais en anos anteriores aumentou máis. Ademais, as provincias nas que se pecharon máis sucursais corresponden a aquelas de entidades financeiras que recibiron asistencia pública do Fondo de Reestruturación Ordenada de Bancos (FROB) e que se viron obrigadas a emprender un plan para pechar sucursais, sobre todo fóra das súas rexións de orixe.

O estudo subliña que malia a forte contracción da rede de sucursais, os niveis de densidade actual seguen sendo elevados no contexto da zona euro. En concreto, con cifras de 2015, no Estado español había 1.494 habitantes por sucursal, fronte a unha media de 2.168 na zona euro e de 2.486 na UE dos 28.

CARACTERÍSTICAS DAS POBOACIÓNS EXCLUÍDAS

Especificamente, o 95 por cento dos municipios excluídos economicamente en 2015 teñen menos de 1.000 habitantes. Máis detalladamente, as localidades sen sucursais bancarias son as menores en termos de poboación, con só 291 habitantes de media e teñen unha menor densidade de poboación (20 habitantes por km2, en comparación con 319 no resto).

A probabilidade de que unha localidade sexa excluída economicamente diminúe co aumento do número de poboación, non sendo estatisticamente significativo o efecto da densidade da poboación. Os resultados do estudo indican que para unha localidade de 750 habitantes, a probabilidade de ter polo menos unha sucursal bancaria é do 50 por cento. A probabilidade é inferior ao 20 por cento para as de menos de 270 habitantes, mentres que é superior ao 90 por cento para as que teñen máis de 1.500 habitantes e o 100 por cento para as de máis de 6.700 habitantes. 

A BANCA EN LIÑA, A NOVA ALTERNATIVA

Nos últimos anos, o uso de Internet en xeral e de plataformas de banca en liña en particular aumentou significativamente no Estado. Centrándose no período de análise, entre 2008 e 2015, a porcentaxe da poboación que usa Internet aumentou dun 55,9 por cento ata un 78,7 por cento. Dentro deste universo, a metade usaba esta canles para fins bancarios en 2015, comparado con 33.9 por cento en 2008.

Da poboación total entre 16 e 74 anos, a porcentaxe de plataformas de banca en liña aumentou do 19 por cento ao 39.4 por cento entre 2008 e 2015. Esta porcentaxe oscila entre un mínimo do 29,5% en Murcia e un 49% en Cataluña (media: 39,4%), o que supón unha diferenza moi significativa de 20 puntos porcentuais. Ademais de Cataluña, a parte alta desta clasificación está ocupada por Madrid (47 por cento), Navarra (46,6 por cento) e Euskadi (46,3 por cento), Castela A Mancha (30,5 por cento) e A Rioxa (30,6 por cento), sitúanse na parte máis baixa, por enriba de Murcia. E Galicia ocupa o posto 13, cunha porcentaxe do 36,7 por cento.

Segundo o autor do estudo, estas porcentaxes indican unha "correlación positiva entre o PIB per cápita e o uso da banca en liña e entre o uso da internet e o uso de banca en liña".

Para Maudos, "o significativo crecemento da penetración da banca online en España nos últimos anos é unha boa noticia e mitiga os efectos adversos da significativa redución da rede de oficinas en España desde 2008". Con todo, destaca, "o nivel de penetración do uso da Internet e da banca en liña é menor nos segmentos máis antigos da poboación e nos segmentos con menor nivel de educación e con menores ingresos, que en moitas ocasións son relativamente máis significativos nas cidades máis pequenas e de menores ingresos". 

Temas: BANCA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Farto de choromicas

Será porque en Ourense non vive nin dios? Empadroados si, e a votar van a aldea. Pero vivir viven en Vigo e Pontevedra. Mentres tanto a Deputación a repartir cartos sen xustificación.
Padrón obrigatorio na residencia habitual XA!