Un sobrenome para Riazor

O Concello acepta que o Estacio Municipal leve un apelido comercial para que o Deportivo, que xa negocia con varias firmas, obteña máis ingresos. O club investirá arredor de sete millóns na remuda da fachada exterior. Deportivo e Concello firman un acordo "sen precedentes na cidade", nas verbas de Tino Fernández.

Por gcdeportes | A Coruña | 29/06/2017 | Actualizada ás 08:19

Comparte esta noticia

“Un exemplo de colaboración público-privada sen precedentes na cidade da Coruña”, asegurou Tino Fernández. “O que é bo para o Dépor, é bo para o deportivismo; e o que é bo para o deportivismo, é bo para A Coruña”, sentenciou Xulio Ferreiro. Presidente e alcalde, máximos dirixentes de Deportivo e Concello, compareceron en Riazor para amosar a súa sintonía e presentar a ampliación do convenio de colaboración firmado entre as dúas institucións no 2000.

Tino Fernández e Xulio Ferreiro, presentando o convenio en Riazor.
Tino Fernández e Xulio Ferreiro, presentando o convenio en Riazor. | Fonte: coruna.gal

O acordo subscrito por club e Concello ten por finalidade estreitar a colaboración na promoción da práctica deportiva, mellorar as infraestruturas deportivas e fomentar o deporte base. “Damos un paso máis alá na relación entre o Concello e o Deportivo e entre o Deportivo e a cidade, que ata o de agora estaba demasiado limitada ás cuestións do estadio e que agora se ampliará ao crear este novo marco”, indicou o rexedor.

O acordo alcanzado, e que se plasma nunha addenda ao subscrito en agosto do 2000, levará o Dépor a impulsar o deporte base a través de achegas -entre elas técnicas- ás Escolas Deportivas Municipais. Do mesmo xeito, o club promoverá accións de promoción do Estadio como imaxe representativa da cidade. A ese fin, o Concello comprométese a realizar, con cargo ao seu orzamento, as obras de renovación das cubertas de Riazor, a fin de dotar a infraestrutura da calidade e a seguridade requeridas, e o Deportivo, pola súa banda, realizará no Estadio obras complementarias para mellorar a imaxe exterior, con intervencións na fachada, e asumirá --unha vez remate e se entregue a obra agora prevista-- os custos de mantemento e conservación da cuberta, actualmente a cargo do concello.

Ademáis, o presidente deportivista anunciou algunhas melloras no interior do estadio, como “a incrustación dos bancos nas bancadas”, que se esperan estean listos xa para o Teresa Herrera. En total, Tino Fernández asegurou que o Deportivo multiplicará nos vindeiros cinco anos por dous a inversión realizada ata agora no Estadio, de preto de 3,5 millóns de euros.

Sobrenome para Riazor

O presidente Tino Fernández anunciou a inclusión dun apelido comercial para o Estadio de Riazor, algo que xa solicitou ao Concello. “É algo no que estamos traballando, mantendo sempre a denominación de Riazor. Non vai desaparecer nunca ese nome, e xa recibimos o apoio do Concello”. Nese senso, Xulio Ferreiro apuntou que “o nome oficial seguiría sendo Estadio Municipal de Riazor, e se finalmente se autorizase ese nome, non xeraría ningún conflicto coa cidade”. Ferreiro ten claro que o acordo comercial sería “un desafogo económico” para o Deportivo. “Estamos traballando en buscar solucións económicas para que o Deportivo mellore a súa competitividade”, apuntou Tino Fernández.

“O Dépor é un símbolo popular da cidade e con este acordo tamén queremos desde o Concello axudar a que dea un salto de calidade", engadiu o alcalde Xulio Ferreiro.

En virtude do acordo subscrito, o Deportivo recoñece o Concello da Coruña como colaborador, de xeito que a súa identidade corporativa figurará como tal nos actos deportivos ou de comunicación que se leven a cabo no marco dos espectáculos organizados polo club.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Peludo

La pasta es la pasta y la pela es la pela

1 Faraldo

Cando menos Ferreiro debía esixir que se normalizase o nome do Deportivo e deixase de ser de La Coruña