Aquel 15 de xuño de 1977

A lembranza das eleccións do 15 de Xuño de 1977 organizada polo actual Congreso dos Deputados exemplifica as luces e as sombras da chamada transición á democracia.

Por Xesús Veiga | Compostela | 04/07/2017

Comparte esta noticia
Algunhas cuestións concretas foron destacadas en diversos medios de comunicación para ilustrar os cambios e as continuidades rexistradas nas últimas décadas: a utilización -por primeira vez dende hai 40 anos- do termo “ditadura” por parte do actual Xefe do Estado; a carencia dunha homenaxe explícita aos demócratas antifranquistas nos discuros de Ana Pastor e Felipe de Borbón; a condecoración ao ex-ministro Martín Villa (responsábel político dalgúns dos mais relevantes episodios de violencia policial nos primeiros anos do posfranquismo); a pasiva inhibición de Alberto Garzón e outras persoas de IU ante as loubanzas explícitas de Santiago Carrillo realizadas pola presidenta da Cámara. E para completar o cadro das singularidades ocorridas no acto, a sorprendente indignación de Juan Carlos I por non estar convidado a esta cerimonia.
 
Nas primeiras eleccións xerais celebradas despois da morte de Franco, as persoas que mantiveran unha actividade máis intensa e militante contra a ditadura tiñan unha posición asentada sobre dúas conviccións básicas. Por unha banda non aceitaban as restriccións que caracterizaban esa convocatoria electoral (non legalización de todas as organizacións políticas, inexistencia dunha ruptura total co réxime franquista, unha regulación dos comicios pensada para favorecer ás forzas que pactaran o proceso de transición) pero tamén querían aproveitar a oportunidade para superar esas limitacións mediante un bo resultado nas urnas. Por iso, ademais do PSOE e do PCE, todas as formacións de esquerda e nacionalistas (excepto as vinculadas a ETA Militar) decidiron participar na cita do 15 de Xuño de 1977. O boicot era unha opción teórica que non foi asumida pola práctica totalidade do universo antifranquista.
 
As forzas participantes na cita electoral sabían que a composición do Congreso e do Senado resultarían determinantes na futura configuración do sistema político que estaba a nacer. Máis concretamente, eran conscientes de que o papel da nación galega no futuro artellamento do Estado español dependería dos votos que recibisen as candidaturas que defendían o dereito de autodeterminación e a creación de institucións de autogoberno.
 
O coñecemento que tiñan as organizacións antifranquistas da sociedade galega derivaba da súa participación na mobilización social desenvolvida nos últimos anos da ditadura e no axitado tempo transcorrido desde a morte física de Franco (20 de Novembro de 1975). Non estaban dispoñíbeis -como aconteceu despois- as ferramentas analíticas derivadas dos estudos demoscópicos especializados. Con esa bagaxe, tomaron a parte polo todo e pensaron que existía unha maioría social que desexaba unha ruptura frontal co pasado e que, por tanto, non ía secundar as propostas formuladas por aquelas opcións que pactaran un programa moderado de reformas cunha parte dos herdeiros do réxime franquista (dirixidos, primordialmente, por Adolfo Suárez e a UCD).
 
Os resultados do 15 de Xuño foron un desmentido radical de semellantes expectativas. Gañou a “nova” dereita creada polos sectores máis intelixentes do vello réxime (e no territorio galego o triunfo aínda foi máis esmagador), fracasaron rotundamente o PCE e os nacionalismos de esquerda e conseguiu un peso relevante o PSOE de Felipe González, pouco visíbel nos anos duros da ditadura, dopado financeiramente dende a socialdemocracia alemá e depositario da confianza dos sectores populares que desexaban un cambio pero que tiñan medo a Carrillo, Pasionaria e a outras figuras que evocaban os tempos da tráxica guerra civil.
 
O nacionalismo galego presentouse dividido naquela cita electoral (PSG, BNPG, PG) a pesar de que  un ano antes existía unha plataforma -o Consello de Forzas Políticas Galegas (CFPG)- que agrupaba forzas diversas (UPG, PSG, Partido Galego Socialdemócrata, MCG e Partido Carlista de Galicia) e tiña un programa con propostas ambiciosas nos ámbitos da política e da economía. A desaparición do CFPG abriu unha dinámica divisionista que finalizaría no comezo da década dos noventa coa presenza dun Bloque refundado mediante a converxencia da case totalidade dos segmentos antes fraccionados. Foi precisamente no ano 1996 cando o nacionalismo político conseguiu a presenza  no Congreso que non fora capaz de facer realidade o 15 de Xuño de 1977. 
 
A carencia dunha representación política nacionalista no Parlamento que ía redactar unha carta constitucional tivo, obviamente, importantes consecuencias no desenvolvemento posterior do novo réxime na Galiza. Poden apuntarse dous grandes factores explicativos de semellante ausencia:a pouca importancia que lle deu unha ampla maioría do corpo social galego -a diferenza do que sucedeu nos territorios vasco e catalán- á necesidade dunha presenza específica do galeguismo nas Cortes e a incapacidade das formacións políticas existentes nese universo para ofrecer unha alternativa unitaria e atractiva nun momento tan decisivo da historia galega contemporánea.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.