A morte de vieiros

Na década dos anos setenta do pasado século, a televisión pública pretendeu chamar a atención sobre o perigo dos incendios forestais mediante un lema que fixo fortuna:”cuando un monte se quema, algo suyo se quema”.Pouco despois, o humorista Jaume Perich aproveitou a ocasión para engadir unha lúcida referencia crítica (“...señor conde”) que perdeu gran parte do seu sentido co paso do tempo.

Por Xesús Veiga | Santiago | 02/08/2010

Comparte esta noticia

Coa morte de Vieiros non teño dúbidas sobre a pertinencia dunha versión actualizada daquela máxima televisiva..Cando desaparece un medio de comunicación feito en galego algo perdemos todas aquelas persoas que desexamos a progresiva consolidación dun espazo comunicacional realizado na nosa lingua.Pero é que, ademais, Vieiros era a demostración práctica da compatibilidade entre un compromiso explícito coa identidade nacional galega e o respecto pola pluralidade existente no seo do que poderiamos chamar a sociedade nacionalista.Vieiros contribuía a facer Pais sen utilizar unha trincheira partidista.

Mais alá das circunstancias específicas e conxunturais que podan explicar a caída desta publicación dixital, estamos ante a repetición dun fenómeno que revela a existencia de eivas estruturais de importancia no conxunto do universo social de orientación galeguista.O nacemento das organizacións políticas que configuran o nacionalismo galego moderno non se viu acompañado pola existencia dun tecido económico e asociativo amplo e estábel (agás no eido do sindicalismo obreiro).Esta asimetría sumada á cultura política na que foron educados os cadros dirixentes das novas organizacións orixinou unha dupla concepción asumida como verdade indiscutíbel:a superioridade da acción política organizada sobre calquera outra actividade social e a necesaria subordinación das asociacións ubicadas no universo nacionalista ás decisións adoptadas na dirección da formación política hexemónica de cada momento.
Durante moito tempo, o nacionalismo político galego mantivo un discurso dual e contraditorio a respeito dos medios de comunicación:por unha banda outorgáballe unha grande responsabilidade nas dificultades que experimentaba para obter un rápido medre electoral e por outra parte non era quen de contribuír ao nacemento dunha rede de medios alternativos.E cando algúns destes vían a luz, aparecía un dos virus mais destrutivos que habitan na galaxia nacionalista:o sectarismo que prefire a desaparición daquel ente que non se somete á lóxica da “correa de transmisión”.

A morte de Vieiros pode servir para corrixir vellas deficiencias e comezar a enterrar o cainismo que nos acompaña dende hai corenta anos.Tamén pode ser o comezo dun longo deserto cheo de frustracións e abandonos.A ver se é verdade, agora, que “cando un Vieiros se queima, algo noso se queima”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.