Temas: RELIXIóN

O cura de Xestoso pide que se excomulgue aos corruptos

"Moitas persoas que se declaran cristiás ou católicas e van a misa os domingos son corruptas. Aí créase un problema de conciencia grave. Deben escoller entre a vida mafiosa ou a católica porque son excluíntes", apunta Luís Rodríguez Patiño.

Por Galicia Confidencial | Xestoso | 11/07/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

"A vida dos corruptos e a católica son excluíntes". Así de tallante se amosa Luís Rodríguez Patiño, o cura de Xestoso, un párroco moi coñecido polas súas contundentes críticas contra os corruptos, os privilexios da xerarquía eclesiástica e polas súas opinións sobre asuntos espiñentos para o catolicismo, como o preservativo ou a homosexualidade.

Luis Rodríguez, cura de Xestoso, en Guitiriz
Luis Rodríguez, cura de Xestoso, en Guitiriz

"Sería necesario que se aprobe un decreto universal por parte da Santa Sé porque podería influír nas dinámicas dos políticos e banqueiros que se declaran católicos", apunta. "Vivimos nunha sociedade secularizada e quizá a excomunión pode ser vista como algo secundario. Para algúns, que a Igrexa se pronunciara sobre este tema conta pouco, pero moitas persoas que se declaran cristiás ou católicas e van a misa os domingos son corruptas. Aí créase un problema de conciencia grave. Deben escoller entre a vida mafiosa ou a católica porque son excluíntes", asegura.

Así, destaca que só existiría o perdón contra os corruptos se "reparan o dano causado, restitúen o diñeiro e piden perdón ás súas vítimas". E o certo é que para Rodríguez Patiño, "non é posible que un corrupto poida ser padrino de bautizo". "Excomulgar a estas persoas é unha pena medicinal", indica e lembra que o Papa di que a corrupción é unha enfermidade da que hai que curarse. "A enfermidade é grave e é necesaria unha medicina pesada. Tamén é necesario prohibir os funerales relixiosos ou que os corruptos non poidan facer de padrinos de bautizo ou nos matrimonios", engade.

Non é a primeira vez que o cura de Xestoso carga contra os corruptos. Hai uns meses pedía firmas, a través de change.org, para esixir aos "ladróns e corruptos" que devolvan o diñeiro subtraído das arcas públicas. A súa petición ía dirixida ao Defensor do Pobo paa que "os ladróns e corruptos devolvan o que roubaron", e engadía unha segunda petición para "que os políticos perdan os seus privilexios".

Este mesmo sacerdote foi protagonista doutra acción destaca, cando instalou un portal de Belén precintado por desafiuzamento e embargado polos bancos, con escrache ao Rei Herodes e o neno Xesús en mans da beneficencia, porque os seus pais carecían de medios para alimentalo, no que pretendía ser un eco da realidade social de moitas familias en graves dificultades económicas.

Temas: RELIXIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 9 comentarios

3 Antinostrus

Moi Ben por este Crego Loitador...e que non se esqueza de incluir na Lista de Apestados aos Porcus Nostrus e Glorias Metílico de turno, paladíns do Vendedismo Galaico.......

2 Berro de forza

Pode ter razón, pero gustariame saber se non coñece nengún cura que cobre polas misas sen declarar a Facenda

1 Efixio

Como dicía a minha nai: Os curas, outra cousa non farán, que non che sei, pero dan bos conselhos, que é o que tenhen.

1 Ateafarta

Coñeces á persoa? Pois creo que deberías antes de opinar. Xa sei que está moi de moda entre os máis novos un anticlericalismo que vos ofrecen os que non teñen máis que ofrecervos (medidas económicas esquerdistas de verdade) pero francamente xa empeza a ser molesto ata para os que somos ateos esa simpleza anticlerical vosa.

2 Ateafarta

É unha mágoa que os que están dispostos a ver a palla no alleo non vexan a viga no propio. Menos altos cargos e máis aforrar e pensar nos que o están a pasar mal coma o cura de Xestoso fai día a día. El non é dos que piden sen dar trigo, senón que predica co exemplo... Non coma outros. Que vergonza de anticlericalismo simplista e demagogo para esconder as vergonzas dunha seudoprogresía caviar cada día máis afastada das necesidades dos galegos. Que vos podan votar é o gran misterio desta miña terra que unha e outra vez semella elixir o peor de todos os peores. Non, non é misterio... E que os vosos votantes son coma vós e ven moita tele. http://www.lavozdegalicia.es/notici...

3 Ana

Kollona, tés un odio ás Mareas de Podemos enfermizo. Faite mirar! Que tén que ver o curiña mediático que obedece á igrexa Apostólica da Dictadura Vaticana e de expresión Castellana cos mareados? Xa sei, que os asesores e mantidos das Mareas imposibilitan colocar mantidos do BNG-PSOE! Triste reparto, hai fame na progresía!

4 Ateafarta

Beeee

5 Ateafarta

Non, non odio ás Mareas. Outra cuestión son os sentimentos que poida ter aos que ían nunha lista á que eu votei e se pasaron para outra "naquelas circunstancias" e neste caso non é odio, senón unha sensanción de ser burlada. Con respecto ás Mareas aplico o sentido crítico, ese que algúns semellades ter atrofiado. En xeral, as persoas que coñezo que fan gala dese anticlericalismo simplista e demagóxico utilizado para defender a inexistencia dunha alternativa xa non de esquerdas, senón progresista, pertencen a este grupo/conglomerado/sinerxia ou o que veñan sendo. E lóxico son os de moda entre a seudoprogresía e desafortunadamente, certa progresía. Fago estensible a miña crítica a calquera que faga gala dun anticlericalismo trasnoitado e demagóxico.

6 Ateafarta

Eu, coma o gran Curros Enríquez sei distinguir entre as institucións e as crenzas e coma el respecto moito as crenzas. Neste caso en concreto criticaba o grave descoñecemento do que facía gala con respecto a este cura que é un exemplo de civismo e cristianismo. En fin... A seguir ben de trolliño e/ou dinamizador. Unha aperta.