Temas: AP-9 FEIJóO

Feijóo suxire que os “problemas territoriais” de España “condicionan” transferir a AP-9

O presidente garante á oposición que pode "contar" co PPdeG, co seu Goberno e con el mesmo para reivindicar o traspaso da autoestrada.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2017 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deu a entender este mércores que "problemas estruturais e territoriais" do Estado español poderían "condicionar" o traspaso a Galicia da Autoestrada do Atlántico (AP-9), pero advertiu que "non" o aceptará e seguirá demandando a transferencia, unha loita para a que pediu a "unidade" dos grupos galegos.

Atasco na AP-9
Atasco na AP-9 | Fonte: Europa Press

Nun escenario no que o foco da política estatal está posto sobre o desafío soberanista de Cataluña, Feijóo garantiu aos seus rivais políticos, que cuestionaron sucesivamente na Cámara o seu peso político en Madrid, que poden "contar" co PPdeG, co seu Goberno e con el mesmo para reivindicar o traspaso, á vez que subliñou que "nunca" cambiou de postura.

"Se queren falar en serio da transferencia conten connosco, pero se queren só facer ruído, alá vostedes. Eu estou moi satisfeito e tranquilo coa miña postura, que é honesta", reflexionou, antes de remarcar que este é "o peor momento para falar de transferencias" en España.

"Que non é o mellor momento para pedir transferencias, que hai moitas autoestradas do Estado cuxa transferencia pide a Generalitat de Cataluña, que é o peor momento para falar de transferencias... Aceptando todo isto non podo aceptar que a transferencia dunha autoestrada vital para Galicia estea condicionada a problemas estruturais e territoriais do Estado español", proclamou.

En fronte situáronse os portavoces de PSdeG, BNG e En Marea, quen criticaron a postura da Xunta. Así, o portavoz da forza rupturista, Luís Villares, cualificou de "bochorno" a situación tras o segundo veto do Goberno a debater a iniciativa unánime galega para o traspaso da AP-9 no Congreso.

Mentres, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga e a nacionalista Ana Pontón puxeron en dúbida o peso político de Feijóo en Madrid e no PP. Ao tempo, apuntaron ao papel da presidenta do Congreso e deputada popular por Pontevedra, Ana Pastor, á hora de levantar o veto do Executivo que dirixe Mariano Rajoy e debater a proposta que partiu do Pazo do Hórreo.

"EMBAIXADA PACÍFICA" E PLENO EXTRAORDINARIO

Villares, quen formulou a súa pregunta por separado, mentres que as de PSdeG e BNG foron acumuladas, preguntouse de que serviu a Galicia "a maioría absoluta" do PPdeG se Feijóo "nin sequera é capaz de facer valer a posición unánime da Cámara e do país". "Bochorno prodúcenos a situación na que nos deixa o debate da AP-9", lamentou.

Previamente, o socialista Xoaquín Fernández Leiceaga ironizou con que parece que a "estrela política" de Feijóo "brilla menos" agora na política española. "Está a pesar pouco; digo pesando, non pensando", chanceou, antes de incidir en que o PP "non deixa de dar malas noticias" ao presidente galego, primeiro cos investimentos dos orzamentos e despois coa AP-9.

Así, reprobou, entre outras cuestións, o segundo veto a debater a iniciativa da AP-9 "con premeditación, aleivosía e reiteración". Todo iso, baseándose o Ministerio de Fomento en "falacias, disparates conceptuais e seudoargumentos" para "vestir a posición previa" que xa adoptara o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, a quen apostou por considerar "persoa non grata".

"Fomento desprézanos, despreza á Cámara e a vostede. Mentres vostede manteña unha comisión bilateral que lle serve de coartada e non considere persoa non grata ao ministro, vai parecer cómplice", advertiu Leiceaga, antes de apuntar que "pode" que Feijóo non o sexa e só sufra "mera impotencia" á hora de defender os intereses de Galicia "ante Rajoy".

O dirixente socialista trasladou a Feijóo que non quere que lle "explique" por que o seu xefe de filas e presidente estatal teno "castigado", pero advertiu que este "castigo" prexudica a Galicia. Ao tempo, apelou a "pechar un gran parto en infraestruturas" e subliñou que é preciso un "acordo" para vencer a "resistencia" do Goberno sobre o traspaso da AP-9.

"Non hai nada máis antidemocrático que impedir un debate. O PP en Madrid compórtase como un partido antisistema", advertiu Leiceaga, quen apostou por conformar unha comisión, cun integrante político por grupo, que se dirixa á Mesa do Consello e explique a Pastor as "razóns" para demandar este traspaso.

"Demos a coñecer con esta embaixada pacífica as razóns e a dignidade deste Parlamento, que non hai escusas para que a iniciativa deixe de tramitarse", pediu, antes de avanzar que, se Feijóo non "rompe relacións institucionais" co ministro e desactiva a comisión bilateral co Estado sobre a AP-9, o PSdeG pedirá ao resto de grupos convocar un pleno extraordinario sobre a transferencia "nas próximas semanas".

"TEN O INIMIGO EN CASA"

Pola súa banda, Pontón arrincou cunha "queixa formal" pola acumulación das preguntas de PSdeG e BNG. Engadiu que non é de recibo que "se é a mesma pregunta, o presidente teña o dobre de tempo" e denunciou que o PP "alterar as regras do xogo". O xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, defendeu a súa decisión, na que "o presidente non entra", e sinalou que os tempos se axustan aos outorgados "historicamente" nun debate acumulado.

Sobre a AP-9, a dirixente nacionalista instou a Feijóo a abandonar o seu "método de submisión a Rajoy" e instoulle a, como proclamaba o seu "slogan" na campaña electoral, exercer de militante de Galicia.

Tamén esixiu ao xefe do Executivo e líder do PP galego que "levante o teléfono" para reclamar a Ana Pastor que "non falte ao respecto a quen lle votou". "Isto non vai de informes xurídicos, senón de facerse respectar como país", manifestou Pontón, quen advertiu ao presidente galego que "ten o inimigo en casa".

"Aconséllolle que non se confunda de inimigo porque o ten en casa. Un sentado no Ministerio de Fomento, outra na Presidencia do Congreso e outro na Presidencia do Goberno. Cambie de guión. Está disposto a enfrontarse co tridente ou vén aquí a ver se botan atrás isto en Madrid e así se quita un problema de encima? A decisión depende da Mesa e o voto de Pastor é decisivo", advertiu.

"INSISTIR E PERSISTIR", PERO SEN "INCREMENTAR" O GASTO

"Moi satisfeito" coa súa postura, a pesar das críticas dos seus rivais políticos, Feijóo advertiu que el "sempre" defendeu o traspaso fronte a PSdeG e BNG --aínda que durante o debate Pontón reivindicou que o Goberno bipartito foi o primeiro en pedila--, e pediu "unidade" ao redor de tres obxectivos. Dous deles, que "non se fagan investimentos sen contar coa Xunta" e que sexa o Estado o que pague a rebaixa das peaxes de Rande e A Barcala, cun aforro para as arcas galegas de 180 millóns, deunos "por conseguidos".

No terceiro, conseguir a transferencia dunha autoestrada "vital" para Galicia, asegurou que, aínda que non sexa "o mellor momento" para pedir traspasos ao Goberno, está disposto a "insistir e persistir todo o tempo que faga falta", para o que apelou á "unidade" da oposición.

Iso si, anticipou que non aceptará unha transferencia que supoña que Galicia ten que volver custear a rebaixa das peaxes. "Pero non conte comigo para pactos espurios que supoñan un incremento de gasto para os galegos. Limpemos a transferencia e sigamos pedíndoa", remarcou.

Finalmente, censurou que o PSdeG pida agora que De la Serna sexa "persoa non grata", cando "non quixeron reprobar á ministra do Plan Galicia de mier...", en alusión a Magdalena Álvarez.

Temas: AP-9 FEIJóO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta