Alerta nuclear

Fai semanas que Fidel Castro está a advertir de xeito reiterado sobre o risco de real de que estale un conflito nuclear de consecuencias catastróficas para a humanidade.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 14/08/2010

Comparte esta noticia

Os puntos quentes de risco son, novamente o Golfo e a península de Corea. No primeiro caso, a advertencia de Fidel -do que ninguén pode cuestionar a súa sempre afinada faceta como analista político-, ten a ver coa contenda que se orixinará se os EUA, alentados por Israel, deciden proceder a unha inspección forzosa dos barcos mercantes de Irán, na teima por impedir por todos os medios o desenvolvemento do programa de enerxía nuclear para usos civís e pacíficos daquel país (Irán é asinante do Tratado de Non Proliferación Nuclear, do que curiosamente non forma parte o veciño Israel).

En varios textos, no marco das súas periódicas e sempre interesantes “reflexións”, o líder da revolución cubana ven debullando os posíbeis escenarios e as súas consecuencias.

Se ben existe unha -ao meu xuízo inxusta e equivocada- resolución das Nacións Unidas que insta a realizar estas inspeccións, a mesma sinala que deberán ser baixo aprobación iraniana. Con todo non parece probábel que os EUA desistan da súa intención de intervir, alén dos límites do dereito internacional, contra de Irán, e toma corpo a posibilidade dunha abordaxe violenta que sería entendida lexitimamente pola República Islámica como un acto de guerra, ao que esta xa anunciou que respondería co ataque con mísiles contra da frota estadounidense no Golfo. É obvio o que se desencadearía a continuación.

Fidel deu un paso máis na súa campaña de sensibilización e mobilización internacional contra dun posíbel holocausto nuclear, comparecendo nunha sesión plenaria da Asemblea Nacional do Poder Popular (parlamento de Cuba) da que é deputado, tras catro anos de ausencia por motivos de enfermidade, na que deu lectura a unha contundente declaración. Castro apelou ás e aos deputados da asemblea a se mobilizar con todos os medios ao seu dispor para desenvolver unha campaña internacional que disuada ao presidente Barack Obama. Conta co apoio tácito da República Popular China e máis de Rusia, que segundo informou, están tamén a traballar activamente na mesma dirección, e coa credibilidade gañada pola experiencia histórica de Cuba en crises desta natureza (lembremos a Crise dos Mísiles de 1962 entre os EUA e a URSS).

Os media sinalaron que Fidel compareceu 12 minutos, máis en realidade o comandante foi interpelado durante case dúas horas por varias deputadas e deputados, e no marco dese diálogo (o vídeo está dispoñíbel en Youtube), centrou maxistralmente a cuestión formulando tres preguntas fundamentais, que reproduzo a continuación: ¿Cre alguén que o poderoso imperio (en alusión aos EUA) retrocederá na demanda de que os mercantes iranianos sexan inspeccionados? ¿Cre alguén que aos iranianos, pobo de milenaria cultura moito máis relacionada coa morte ca nós (os cubanos), lle faltará o valor que nós tivemos para resistir ás esixencias dos EUA? e ¿Hai algunha solución para esta contradición?

Non se trata de ningún disparatado exercicio de ficción. Tendo en conta a cuestión xeoestratéxica, así como a necesidade dos EUA -como centro do sistema capitalista- de resolver a vixente crise sistémica ao seu favor, e atendendo ao precedente da Segunda Guerra Mundial, non é ningunha arroutada senón un escenario posíbel que debe ser evitado. Máxime se se ten en conta que o actual armamento nuclear ten unha capacidade que multiplica por 350.000 a capacidade destrutiva das bombas atómicas, coas que os EUA perpetraron un magnicidio en Hiroshima e Nagasaki hai 65 anos.

Nese senso Fidel facía un apuntamento importante. Se se consegue impedir que este conflito estale, ademais de ter salvado millóns de vidas e a sobrevivencia planetaria, o capitalismo entrará na súa fase terminal e acusará o seu inevitábel derrube.

Todo indica, pois, que un dos flancos polos que debemos enfrontarnos ao vixente imperialismo senil é na revitalización e activación dos movementos en favor da paz e polo desarme, tal e como veñen sinalando numerosos partidos comunistas no mundo. Mais, desta volta, será fundamental articular e coordinar esa resposta a nivel internacional, inserindo a actuación local nunha estratexia global en chave internacionalista.

A vindeira cimeira da OTAN en Lisboa, este outono, pode que sexa unha boa oportunidade para contribuírmos desde Galiza a esta causa crucial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Pérez Igrexas Vigo (1984). Activista social e político. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsábel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue blogue Contradiscurso En twitter: @contradiscurso