Nova traizón á clase traballadora

Coa sinatura por parte de CCOO e UGT con CEOE e CEPYME do denominado 'II Acordo para o emprego e a negociación colectiva', o pasado 25 de xaneiro, profúndase na desregulación do mercado laboral e na precarización das condicións de traballo, do que xa era expresión o anterior acordo equivalente asinado baixo o patrocinio de Zapatero.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 05/02/2012

Comparte esta noticia
Hoxe, como daquela, o sindicalismo entreguista de matriz española xustifica esta nova serie de cesións en beneficio da patronal en base á excepcional situación de crise. Como se a crise sistémica do capitalismo neoliberal fose consecuencia das excelentes e inasumíbeis condicións de traballo e non se desatase pola cobiza especulativa do capital financeiro, baixo o campo aberto que para tal fin creou o neoliberalismo -coa activa complicidade da socialdemocracia oficial- reducindo á mínima expresión a participación pública, dos Estados, na economía.
 
Tal e como está a denunciar a Confederación Intersindical Galega (CIG) e outras organizacións sindicais de clase no Estado, o acordo de Comisións e UGT constitúe obxectivamente un acto de gravísima traizón á clase traballadora que din representar -que se ha de sumar a outros perpetrados con anterioridade-, en tanto que o contido do mesmo articula medidas que lle restan dereitos, dificultan a súa capacidade de loita e resposta, precarizan inda máis as condicións laborais e empobrecen os seus xa miserentos salarios. É ademais un acordo que se asina ás agochadas, deliberadamente de costas á vontade das e dos traballadores -incluíndo mesmo a súa propia base afiliada-. Un novo pacto de salón, desde as altas esferas entre as cúpulas centralizadas. 
 
Máximo empobrecemento dos salarios
 
Unha das principais novidades ten sido a renuncia do sindicalismo español a empregar o IPC como indicador de referencia para a actualización salarial. Isto supón acceder a unha das históricas arelas da patronal xa que os salarios, que son a fonte de sustento económico da clase traballadora, deixarán de estar ligados ao incremento dos prezos dos produtos necesarios para súa propia supervivencia material. Non ten sustento argumental algún que pola contra se coloque como referencia a evolución do Produto Interior Bruto. Se cadra esta mudanza explícaa o feito de que no período 2000-2010 o PIB se teña incrementado un 21,1% fronte o +31,8% do IPC (unha diferenza de case un 11%), polo que o cambio de indicador encerra o propósito de tirar á baixa o baremo sobre o que se han de definir os incrementos salariais.
 
No período no que ficará en vigor este novo acordo social os incrementos máximos (non se fixan pola contra incrementos mínimos) serán sempre menores ao incremento previsto do IPC, fixando para 2012 e 2013 subas salariais de menos do 1%. Ao longo dos 4 anos de duración do acordo o incremento máximo dos salarios non superará o 3,6% mentres que o IPC subirá un 8,4%. O custe da vida incrementarase o dobre do que medrarán os salarios.
 
Este feito profundará no empobrecemento da clase traballadora, que verá aminorado o seu poder de compra (provinte dos salarios) e terá que facer fronte a prezos de consumo cada vez máis altos. Así mesmo proseguirá a transferencia de riqueza das rendas de traballo para as rendas de capital, favorecendo a maior apropiación por parte do empresariado da plusvalía creada polo traballo, alargando polo tanto a explotación. Non é unha dinámica nova. Desde que CCOO e UGT iniciaron os acordos confederais de contención salarial nesta última década, os salarios incrementáronse no Estado español 3 veces menos que a media da Unión Europea; así o sinala a OCDE.
 
Outra das cuestións incluídas no acordo refírese a incorporar unha maior proporción de complementos variábeis no salario, en función dos resultados da empresa, na liña contraria do historicamente demandado pola clase traballadora que ten pulado por incorporar no salario base estes complementos, precisamente para evitar a súa aplicación arbitraria.
 
Máis desregulación e precarización das condicións de traballo
 
Baixo o falso e cínico eufemismo da “flexibilidade interna”, CCOO e UGT veñen de acordar co empresariado novos pasos na desregulación das condicións de traballo. Especial transcendencia ten a desregulación no tocante ao tempo de traballo, xa que permitirá que un 10% da xornada laboral -arredor de 20 días- fique desregulada e que 5 días sexan de “libre disposición” da empresa, dinamitando deste xeito o concepto de calendario de traballo. Con estas medidas afóndase na 'cousificación' e mercantilización da forza de traballo, considerando ás e aos traballadores como meros insumos produtivos, como meras pezas na produción xunto ás materias primas.
 
Por outra banda a desregulación horaria destruirá postos de traballo, na medida en que colocando a organización do tempo de traballo ao servizo dos intereses da empresa esta cubrirá máis horas con menos traballadoras/es. Todo, co agravante de que o acordo inclúe tamén un novo retroceso no que atinxe á mobilidade funcional dentro da empresa, que xa non estará limitada pola categoría profesional senón polo grupo, o que será aproveitado pola patronal para restrinxir inda máis as substitucións e como un novo instrumento de presión contra das e dos traballadores. Outro factor enormemente preocupante é a aposta polo denominado “teletraballo”, que en sectores como a banca ten sido unha das aspiracións da patronal.
 
Este novo pacto social non só non achega solucións ao problema da estrutural precariedade do emprego, por mor da elevadísima taxa de temporalidade ou a contratación a tempo parcial, senón que ao contrario a agrava. É demencial que como mecanismo para poñer fin a taxa de desemprego récord na mocidade, CCOO e UGT conveñan co empresariado en estimular os contratos formativos, ultraprecarios e cunha remuneración miserenta, que representan unha palpábel forma de subemprego que xa se ten demostrado absolutamente inútil como fórmula de creación de emprego. Precisamente é no segmento dos menores de 30 onde se dan complementariamente os maiores índices de precariedade e desemprego. 
 
Centralización e desactivación da negociación colectiva
 
Novamente as centrais sindicais españolas volven insistir en centralizar a negociación colectiva a través dos convenios estatais, que alén de obviar as diferenzas existentes no seo dun Estado plurinacional como o español afastan o proceso de negociación de quen debera ser o seu suxeito activo: a propia clase traballadora. Deste xeito permitirase a reedición de acordos asinados polas cúpulas centrais destes sindicatos coa patronal, impedindo a participación directa das e dos traballadores na toma de decisións e laminando ao sindicalismo combativo existente en diferentes territorios do Estado, como Galiza ou Euskal Herria.
 
Así mesmo, e malia facer unha impostada defensa dos convenios de sector de ámbito provincial, CCOO e UGT aproban que os principais elementos da negociación se transfiran ao ámbito da empresa. Ámbito onde a capacidade de organización, resposta e loita por parte das e dos traballadores é menor e está máis complexizada, pola división que xera e dado que a acción coactiva e represiva da empresa é máis forte. Isto favorecerá que as condicións laborais nas empresas nun mesmo sector, e nun radio xeográfico próximo como é a provincia, sexan moi desiguais.
 
Outro dos elementos máis preocupantes do articulado do acordo é o que se refire ao descolgue por parte das empresas dos convenios colectivos que lle sexan de aplicación. Mediante a fórmula da “inaplicación de convenios” permitirase, en base a unhas causas obxectivamente arbitrarias  e moi dificilmente verificábeis, que as empresas incumpran as condicións acordadas no convenio no que atinxe ao horario, ás quendas, ao sistema de remuneración, ao sistema de traballo e rendemento e á estrutura de postos e funcións. Ademais o incumprimento do convenio nas cuestións sinaladas, todas cun innegábel impacto sobre as condicións de traballo, poderá facerse durante nada menos que tres anos. Ao cabo, CCOO e UGT reitéranse no propósito de desactivar e inutilizar a propia negociación colectiva.
 
Contraindicacións para superar a crise
 
Hai que engadir tamén que as medidas recollidas no articulado do acordo non só non servirán para axudar a superar a crise, senón que ao contrario están obxectivamente contraindicadas para tal fin. 
 
Empobrecendo as rendas salariais redúcese o poder adquisitivo da maioría social -o que hai que sumar á queda do crédito-, como xa se sinalou, e polo tanto contribuirá a unha maior contracción do consumo interno, o que acelerá a recesión, provocará unha inda maior merma produtiva que volverá resultar en máis desemprego. Unha espiral que condenará á miseria a amplas capas das clases populares, que se verán condenadas á exclusión e que agudizará o colapso produtivo en beneficio unicamente do grande capital financeiro transnacional.
 
Dar resposta a esta nova agresión
 
Todo o enumerado ilustra de xeito evidente a grave agresión que constitúe este acordo para as traballadoras e os traballadores, e volve retratar a COOO e UGT no seu papel de cómplices necesarios -e activos- neste novo ataque contra dos dereitos da clase traballadora. Ataque que de seguro será agravado cunha nova contrareforma laboral, que ven de ser anunciada polo Goberno Central en mans do Partido Popular, e que se cinguirá aos ditados antisociais da troika neoliberal da UE, o BCE e o FMI.
 
A resposta, en chave de mobilización, áchase pois indispensábel e esta debe ser contundente. Non podemos ficar quedas e quedos mentres seguen a apertarnos o noso cinto -malia que non quede onde apertar- para seguir a engordar ás clases dominantes, aos poderosos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Pérez Igrexas Vigo (1984). Activista social e político. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsábel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue blogue Contradiscurso En twitter: @contradiscurso