Oportunidade histórica para a paz en Euskal Herria

“ETA decidiu declarar un cesar-o-fogo permanente e de carácter xeral, que pode ser verificado pola comunidade internacional”. Até aí o fragmento máis difundido (inda que de xeito parcial e mesmo ultraresumido) do comunicado de ETA feito público no día de onte.

Por Xabier P. Igrexas | Vigo | 12/01/2011

Comparte esta noticia

Sen restarlle a relevancia que ten ese cacho o texto que lle sigue encerra tamén un elevado significado que está a ser obviado.

“Este é o compromiso firme de ETA cun proceso de solución definitivo e co final da confrontación armada” prosigue.

Lidas e escoitadas innumerábeis, e lamentábeis, intervencións que cualificaron –nalgúns casos por un enfoque errado e noutros por desprezo e oportunismo- este anuncio de insuficiente, demandando un maior énfase na adxetivación dos enunciados do comunicado, un só pode preguntarse se pode existir unha solución definitiva que non sexa irreversíbel. Non existe sinonimia entre ambos conceptos?

Nas vindeiras semanas haberá un alude de análises e opinións sobre o anunciado onte, a lexión de tertulianas/os do sistema de seguro reiterarán o argumentario que onte daba a sensación que Rubalcaba distribuíra. Vendo a curiosa coincidencia, na literalidade, nas reaccións de coordenadas ideolóxicas pretendidamente antagónicas (o exemplo paradigmático foi a comparecencia de Cayo Lara) a tese dunha coordinación intencionada das mensaxes colle forza. Moitas voces, mesmo aparentemente diversas, reproducindo unha e mil veces o mesmo discurso.

O comunicado de ETA, asinado o mesmo día (8 de xaneiro) que se celebraba unha multitudinaria mobilización en Bilbo onde milleiros de vascas e vascos saíron á rúa a defender os dereitos dos presos –e que o Partido Popular equiparou con defender violadores e pederastas-, alén de ser unha moi boa noticia é a manifestación concreta dun paso decisivo, de calado histórico, que avanza no camiño marcado pola esquerda abertzale.

Precisamente que se obvie algo tan salientábel como é o feito de que ETA por vez primeira se someta ás posicións da esquerda abertzale evidencia a pobreza, interesada, do debate que se está a desatar. Quen até onte denunciaba a submisión do abertzalismo á estratexia violenta de ETA hoxe nin tan sequera valora que a dinámica sexa a inversa.

O certo é que o compromiso político, que particularmente eu acredito firme, da esquerda abertzale coa resolución pacífica e por vías estritamente democráticas (xa que logo en ausencia completa de violencia) do conflito vasco –que existe por máis que se invisibilice- arranca xa ben atrás. A declaración de Anoeta, de novembro de 2004, representa o inicio dunha nova vía –que se truncaría co fracaso da tregua de 2006-  xa que nela se incluía como un dos principios que asumía a hoxe ilegalizada Batasuna “que a utilización de vías exclusivamente políticas e democráticas permitirá a materialización, sen límites nin restricións, de todos os proxectos políticos”. Nesa liña seguiría a proposta presentada por Arnaldo Otegui a finais de 2009 en Venecia nun acto multitudinario, ou o documento Zutik Euskal Herria no que a esquerda abertzale aposta sen paliativos pola vía estritamente política e democrática –asumindo os Principios de Mitchell- de febreiro do pasado ano, e sobre o que se está alicerzar este novo momento político en Euskal Herria.

A declaración de Bruxelas de marzo de 2010, asinada por varios premios Nobel da Paz, e mesmo coa adhesión de Nelson Mandela, solicitaba a ETA precisamente un cesar-o-fogo “permanente e verificábel”, e requiría que unha vez realizado o Goberno Español o atendera para permitir “que os novos esforzos políticos e democráticos avancen, as diferenzas sexan resoltas e se acade unha paz duradeira”.

Mais sería o histórico acordo de Gernika, suscrito por Esquerda Abertzale, EA, Aralar, AB, Alternatiba, LAB e outras trinta organizacións políticas, sindicais e sociais de Euskal Herria en setembro do ano pasado, o documento que concretase as condicións necesarias que esixe a solución pacífica do conflito. Condicións que implican, como é lóxico, tanto a ETA como ao goberno español.

Cales son esas esixentes e prepotentes condicións?  De entrada a fin de toda forma de violencia (incluídas ameazas, extorsións…) como expresión de vontade para un definitivo abandono das armas, aspecto ao que de entrada ETA deu resposta adoptando un cesar-o-fogo xeral. Mais tamén a normalización política en chave estritamente democrática, que só pode pasar polo fin do estado de excepción instaurado de facto en EH, coa negación de dereitos civís e políticos fundamentais (ilegalizacións ao abeiro da Lei de Partidos, tribunais especiais…). E por último que se deixe de vulnerar dereitos fundamentais no ámbito xudicial e penintenciario, nomeadamente no referido á situación do colectivo de presas e presos.

U-la prepotente chantaxe? U-las esixencias inadmisíbeis? As condicións da esquerda abertzale son estritamente democráticas e deberan ficar xa satisfeitas se o presunto Estado de Dereito que rexe a democracia formal española non fose tan feble e inconsistente como ela. Tal é así que a propia Amnistía Internacional demandou ao goberno español o achegamento das/os presas/os e a fin do réxime de incomunicación e outras conculcacións penintenciarias.

A valoración do escenario que se abre tralo cesar-o-fogo declarado por ETA, como sinalei antes, só pode ser positiva por ser un paso ben importante que viabiliza o arelado final do conflito. Hai que operar con altura de miras e con xenerosidade para aproveitármonos esta oportunidade histórica, como con atino reclamou ERC nunha das poucas reaccións acertadas ao comunicado.

Mais para iso, quen acreditamos no imprescindíbel fin da violencia e tamén pola normalización política e democrática de Euskal Herria, debemos principiar por esixir ao goberno español que atenda e responda ao paso dado por ETA, isto é: que dea tamén pasos comezando por cesar de inmediato a violencia estrutural que aplica contra unha parte importante do pobo vasco, privados de poder levar adiante un proxecto político, o da esquerda abertzale, que por máis incómodo que sexa para as clases dominantes é absolutamente lexítimo e democrático.

Iso pasa irremisibelmente pola concorrencia electoral da esquerda abertzale nos comicios municipais do vindeiro mes de maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xabier Pérez Igrexas Vigo (1984). Activista social e político. Comunista e nacionalista galego. Foi secretario xeral dos Comités Abertos de Estudantes, membro da Dirección Nacional de Galiza Nova e Secretario da Federación Veciñal de Vigo. Na actualidade, entre outros, fai parte da Dirección Comarcal da CIG en Vigo e é o Responsábel de Acción Social na Executiva Local do BNG de Vigo. Autor do blogue blogue Contradiscurso En twitter: @contradiscurso