Cae unha rede internacional con conexión en Galicia que comerciaba carne de cabalo non apta para consumo

Os detidos elévanse ata os 65 nunha operación iniciada en abril e desenvolvida en coordinación con Francia, Portugal, Bélxica, Italia, Romanía, Suíza, Holanda e Reino Unido.

Por E.P. | VALENCIA | 16/07/2017 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

A Garda Civil, en colaboración con Europol, desmantelou unha rede que comerciaba con carne de cabalo non apta para consumo que era distribuída por Europa, nunha operación que foi desenvolvida en coordinación con Francia, Portugal, Bélxica, Italia, Romanía, Suíza, Holanda e Reino Unido. En España foron detidas 65 persoas por malos tratos animais, falsidade documental, prevaricación, contra a saúde pública, branqueo de capital e organización criminal en sete comunidades autónomas, entre elas Galicia.

Loita entre cabalos na rapa das bestas de Sabucedo
Loita entre cabalos na rapa das bestas de Sabucedo | Fonte: Óscar Dacosta

Segundo informou a Benemérita, en 2013 foron detectadas en Irlanda hamburguesas de vacún que contiñan carne de cabalo e púxose en marcha unha investigación para determinar a orixe, na que se viron afectadas empresas comercializadoras, fabricantes de produtos conxelados e restaurantes de comida rápida, chegando á conclusión de que detrás desta trama podería estar un cidadán holandés moi coñecido no mundo da comercialización de carne de cabalo que naquel momento estaba en paradoiro descoñecido.

Aínda que nalgunhas análises se detectou fenilbutazona, ao ser a súa presenza moi leve descartouse que puidese ocasionar problemas de saúde e a investigación centrouse na fraude alimentaria. Este descubrimento xerou certa alarma social nos países afectados ao comprobar que non era un feito puntual senón que casos similares estaban a darse na maioría dos Estados europeos.

Por mor destes feitos a Garda Civil estableceu unha rede de alerta e control sobre este tipo de alimentos e o pasado verán detectáronse indicios atípicos no sector da comercialización de carne de cabalo que chamaron a atención tanto de profesionais como dos axentes do Seprona, o que deu inicio á operación 'Gazel'.

Axentes da Unidade Central Operativa de Medio Ambiente da Garda Civil comprobaron a existencia dunha trama que adquiría cabalos en malas condicións, vellos ou, simplemente, baixo a cualificación de 'non aptos para consumo' e sacrificábaos en dous matadoiros concretos.

Estes animais procedían de Portugal e de varios puntos do norte de España e eran distribuídos de diversas formas, aínda que principalmente a súa carne era manipulada nunha planta e desde alí enviada a Bélxica, sendo este o maior exportador de carne de cabalo de toda a Unión Europea.

UN EMPRESARIO HOLANDÉS EN CALPE

No transcurso da investigación a Garda Civil consegue localizar ao empresario holandés, relacionado no ano 2013 co caso das hamburguesas detectadas en Irlanda, en Calpe (Alacante), onde levaba unha vida discreta.

Desde alí mantiña liñas de negocio que enlazaba coas actividades que xa controlaba en países do norte de Europa. Esta persoa manexaba todo o complexo desde a sombra, cos seus homes de confianza en cada un dos territorios nos que operaban.

No verán de 2016 tívose coñecemento dalgunhas actividades irregulares desta trama. Este empresario consolidara unha relación con quen sería o seu home de confianza en toda a trama española, que lle abriría vínculos con gandeiros, procuraríalle as compras de animais a través de tratantes de diversas zonas, e xestionaría o sacrificio e posterior despezamento pondo a disposición do xefe o traslado das pezas a Bélxica, e a súa posterior distribución a outros países.

Este grupo criminal alteraba a identidade dos equinos substituíndo os seus microchips ou falseando os seus pasaportes.

Os investigadores concluíron que a parte española da trama era unha pequena porción dunha estrutura estendida por toda Europa baixo o control do cidadán holandés.

DETENCIÓNS E REXISTROS

Por iso, a Garda Civil despregou a máis de 300 axentes do Corpo de distintas especialidades en 18 provincias, entre elas Ourense, rexistrando simultaneamente 29 localizacións e realizando unha vintena de inspeccións. Nesa primeira xornada foron detidas máis de 20 persoas, oito das cales ingresaron en prisión tras declarar ante a xuíza instrutora.

A detención do xefe da trama foi realizada en Bélxica, nun servizo coordinado entre a Policía Federal deste país e a Garda Civil. Ademais, realizáronse actuacións en Francia, Portugal, Bélxica, Italia, Romanía e, en diferentes graos, en Suíza e Reino Unido.

As actuacións posteriores fixeron crecer a cifra de persoas investigadas e detidas ata superar os 65. Nesta fase de explotación da operación tres compoñentes de Europol estiveron presentes nos operativos desenvolvidos en Alacante e León.

Como resultado de todos estes operativos foron tamén bloqueadas diversas contas bancarias e bens inmobiliarios, así como incautados cinco vehículos de alta gama de recente adquisición.

COORDINACIÓN CON EUROPOL

Por mor das investigacións nas que aparecían referencias a conexións con outros países a Garda Civil solicitou a Europol que participase na operación. Este organismo traballou activamente en todas as accións necesarias de comunicación, posta en marcha das investigacións en cada un dos países afectados, de coordinación de servizos e de convocatoria e xestión das reunións multilaterais celebradas na súa sede na Haia, onde se analizaban dos datos que se ían obtendo e orientando nas coincidencias que afectaban aos diferentes países afectados.

Durante os rexistros procedeuse á toma de mostras das canles existentes nos matadoiros, así como da carne xa transformada na planta de Toledo.

Os datos recollidos permiten confirmar que o destino destas carnes situábase sempre fóra de España, dado que as mostras recollidas en España se corresponden con partidas que entrarían na liña de exportación.

Os resultados analíticos foron achegados polos laboratorios oficiais do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e da Subdirección Xeral de Coordinación de Alertas e Programación do Control Oficial da Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición (AECOSAN).

A operación foi dirixida polo Xulgado de Instrución número 4 de Ponferrada (León) e desenvolvida por axentes da Unidade Central Operativa de Medio Ambiente da Garda Civil contando co apoio de diversas Unidades do Corpo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta