Erimsa insiste en impulsar un mega proxecto mineiro de 6.700 ha en catro concellos da Coruña

De ser aprobado poría en perigo numerosas explotacións agrícolas e gandeiras da comarca. Un proxecto semellante xa foi rexeitado durante o franquismo, precisamente, polo impacto sobre a agricultura e a gandeiría.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 19/07/2017 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

ERIMSA, empresa norueguesa de capital chinés, insiste en explotar unha mina de seixo en Xanceda (Mesía), o que poría en perigo a produción agrícola e gandeira desta rica comarca do interior da Coruña. Unha explotación que, ademais, xa foi rexeitada durante o franquismo.

Reunión sobre a mina en Xanceda organizada por Erimsa
Reunión sobre a mina en Xanceda organizada por Erimsa

Este é só parte do seu proxecto. A empresa pretende a concesión da explotación derivada do permiso de investigación "Xanceda 7138" de 761 hectáreas. Pero esta forma parte dunha iniciativa máis ampla que abranque outras 6000 hectáreas nos concellos de Frades, Ordes e Oroso. O macro-proxecto, convintemente fragmentado en partes menores, pretende beneficiar o seixo metalúrxico presente en forma de croios uns metros no subsolo baixo as fincas. “A súa extracción comportaría importantes modificacións no perfil do solo e no nível freático así como unha alteración da súa permeabilidade, afectando gravemente á fertilidade e á produtividade biolóxica”, apuntan desde Adega.

A totalidade das parcelas agrícolas afectadas teñen a consideración de chan rústico de especial protección agropecuaria, e foron declaradas Zonas de especial interese agrario (Decreto 206/2007) pola Xunta. Moitas delas ademais delas están en ecolóxico (110 hectáreas). O CRAEGA (Consello regulador da agricultura ecolóxica de Galicia) deixou moi claro que o aproveitamento mineiro é incompatíbel cos estándares ecolóxicos, polo que as parcelas certificadas perderían o selo e deberían solicitalo de novo logo de rematados os labores. Aínda así, terían que agardar dous anos para que os terreos puideran "reconvertirse" en ecolóxicos.

A organización ecoloxista lembra que nalgunhas parcelas xa explotadas pola empresa no mesmo concello de Mesía (lugar de Lanza), 15 anos despois de pasar ERIMSA aínda están sen restaurar. E noutras oficialmente "restauradas" a produtividade agrícola descendeu notablemente, ficando practicamente improdutivas durante anos.

Proxectos rexeitados de ERIMSA

Proxectos mineiros proxectados na mesma área (Mesía, Ordes e Cesuras) foran xa rexeitados durante o franquismo (1974) baixo o argumetno que se trataba de "acciones incompatibles, las del aprovechamiento del subsuelo, y las del cultivo y explotación agrícola y ganadera". “Las explotaciones mineras convierten labradíos y prados en eriales, transformando una zona ideal para la explotación agrícola y ganadera en una zona desértica sin posibilidad alguna de recuperación", indicaba entón o expediente franquista.

Traballos mineiros da empresa ERIMSA, que pretende instalarse en Xanceda
Traballos mineiros da empresa ERIMSA, que pretende instalarse en Xanceda

Máis recentemente, en xaneiro deste ano Erimsa viu tamén rexeitada unha explotación de seixo na Terra Cha (Cospeito) polo TSXG ao considerar o tribunal "unha relevante afectación á estrutura agrolóxica do terreo, a maioritaria, que incorpora un solo de alta produtividade agrícola ou gandeira, característico do solo rústico de protección especial agropecuaria".

E non son os únicos proxectos que os tribunais tombaron a Erimsa: en 2013, O Tribunal do Contencioso-Administrativo nº1 de Lugo desestimou unha demanda da empresa que reclamaba a licenza urbanística para unha canteira en solo protexido na Pastoriza, considerando os informes periciais achegados por ADEGA. Outras demandas similares formuladas por ERIMSA reclamando licenzas de obra para outras explotación mineiras nos concellos de Castro de Rei e Cospeito foron tamén desestimadas por sentenzas xudiciais. 

“En total son xa 6 fallos xudiciais contra ERIMSA nos últimos 10 anos por pretender abrir canteiras en terreos con diversa protección”, apunta Adega.

Como está a situación?

O Concello de Mesía informou favorabelmente (febreiro de 2017) ao proxecto mineiro dentro do prazo legal, através dun informe técnico de 2 parágrafos asinado polo arquitecto municipal. Pero, tras as protestas de veciños, sindicatos agrarios e os colectivos ecoloxistas, o concello emitiu un novo informe. Así, xunto co informe técnico do arquirtecto (favorábel) figuraba tamén un escrito do alcalde que daba conta da "postura política" do equipo de goberno, contraria ao outorgamento da autorización. 

Os veciños denuncian que a empresa utilizou "artimañas" para enganar aos veciños e critican que a súa instalación provocará "graves danos" nas explotacións agrogandeiras. Pola súa banda, a empresa destaca que crearán "numerosos postos de traballo" e que respetarán os traballos agrícolas.

Para a explotación, a empresa precisa de dous permisos; un de Industria e, ao tratarse de solo rústico de especial protección, outro de Medio Rural, que xa informou que o seu informe será desfavorable. Con todo, é o concello de Mesía o que ten un papel determinante.

Non só a Lei 3/2008 da Minaría de Galicia confire ao concello a posibilidade de informar preceitivamente sobre a procedencia ou non dun dereito mineiro no seu territorio, senón que pode facelo en calquera momento mesmo fóra do prazo legal, sempre que Industria non resolvera. Ademais, se o informe municipal fora negativo, a decisión final sobre o proxecto correspondería ao Consello da Xunta e non a Industria.

ADEGA pídelle ao concello de Mesía que exerza as súas competencias e rexeite “sen ambigüidades un proxecto que incumpre as determinacións do PXOM e ataca ao cerne do xeito de vida de moita da súa veciñanza”.  Tamén pídelle a Medio Rural e Industria que “non sexan cómplices” dun novo espólio des recursos naturais. 

Traballos mineiros de ERIMSA
Traballos mineiros de ERIMSA | Fonte: Adega
Tags: MINA ERIMSA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Chú Norris

no os preocupéis gallegos: vuestros hermanos españoles (IU, Puedemos, Anueva, etc...) velarán por vuestros intereses.....ya que por vos mesmos non tedes capacidade para facelo!!! Qué hermosa región de España!