Por Manuel Vilas | Mesía | 05/04/2017 | Actualizada ás 14:00
Cantas persoas, familias ou granxas estiman vostedes que están afectadas polo proxecto mineiro?
Esta explotación mineira, aínda que só afecte a parte do Concello, en realidade afecta ao conxunto de Mesía porque aquí tamén hai empresas de servizos agrarios, electricistas, fontaneiros, o bar da zona, obreiros que fan cortes ... É dicir, o 85% da poboación de Mesía e Frades viven directa ou indirectamente da gandería e da agricultura.
Dende Mesía Unida acusan á empresa promotora de utilizar "artimañas". A que se refiren en concreto?
Artimañas é contar o que non é. Din que a terra produce igual e iso é mentira, non falan do impacto ambiental, cambios de fontes, etc. Isto xa sucedeu na nosa zona.
Vostedes tamén indican que o alcalde de Mesía está do lado da mineira ao ocultar información. Que feitos lle fan pensar isto?
O alcalde non deu información, dicímolo ben claro. Non comunicou os afectados este proxecto, sabendo que afectaba directamente a moitos e indirectamente a máis. O Concello informou o día 10 de Marzo delegación provincial de que non había alegacións. Isto deixa claro a súa postura, xa que nin sequera avisou Aos propietarios. Non houbo alegacións porque ninguén se decatou, nin sequera parte dos concelleiros do seu grupo, segundo eles, e os da oposición tampouco. Parécenos unha traizón.
Como lle explicaría a un veciño que non traballa as súas leiras agora que a mina non é unha boa idea, se coa expropiación ou coa súa cesión á Erimsa ao fin e ao cabo pode sacar uns cartos, non moitos, pero mellor ca nada …
Algunha xente non é consciente do dano que se causa na zona, de que se moven centos de hectáreas e as terras quedan de por vida distintas. Nunca volven a producir coma antes e así poden arruinar o futuro dos fillos, aínda que perciban un diñeiro, que por certo é bastante pouco en relación co valor do material no mercado. Incluso podemos dicir que e un espolio.
Erimsa argumenta que devolverá os terreos unha vez finalizada a explotación da mina e que eses terreos seguirán sendo igual de produtivos. Confían nesta promesa? Que experiencia teñen os veciños doutras zonas nas que traballou a mineira?
Erimsa estivo traballando na parroquia de Lanzá, a uns escasos 5 quilómetros de Xanceda, preto de 20 anos, ou máis. Alí fixéronse barbaries de todo tipo, secaron as fontes, cambiaron o curso do río, as escavacións en moitas zonas pasan dos vinte metros de profundidade, desniveles das fincas enormes que os levou a ter que cerrar algunha finca logo de que denunciaran os propietarios , escorrentas das terras que afectaron as fincas ao seu carón, terras que aínda hoxe non producen practicamente nada, nin producirán porque no barro é moi difícil que se dea algo, como moito algo de herba… sen mencionar o famoso caso do cemiterio das vacas tolas que alí fixeron. En Lanzá houbo de todo, só fai falta achegarse alí para ver como quedou.
Saben se Erimsa ten proxectos semellantes pensados para outras zonas do país?
Este e un dos tres proxectos que ten preparados na zona Erimsa. Este afecta a 771 hectáreas, os outros son máis grandes, afectan miles de hectáreas, todo nunha zona das máis gandeiras de Galicia, é unha barbarie.
Cales son os plans de Mesía Unida para seguir a mobilizarse contra a extracción de seixo?
De momento esta asociación quere informar e crear conciencia do dano e do espóleo que isto supón para zona, e que os políticos tomen conciencia do tema. Se o alcalde se informara debidamente en defensa do interese xeral, tal como e a súa obrigación, isto non pasaba.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.