Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/07/2017 | Actualizada ás 13:49
Axentes da Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta (UDEV) da comisaría de Ourense rexistran, desde primeira hora deste venres, a sede do Centro Tecnoloxico da Carne (CTC), unha fundación dependente da Consellería de Medio Rural que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia, no municipio ourensán de San Cibrao das Viñas.
A Policía Nacional analizou varios ordenadores do centro e está a solicitar documentación específica no marco dunhas dilixencias de investigación ordenadas pola Fiscalía de Ourense. Polo momento, non tivo lugar ningunha destención pero fontes policiais non descartan que, en base a esa documentación, teñan lugar con posterioridade.
O Centro Tecnolóxico da Carne é unha fundación de interese galega cuxo obxectivo é dinamizar e mellorar a capacidade competitiva do sector agroalimentario de Galicia. A súa actividade xira en torno a servizos a empresas (análises, trazabilidade, seguridade e calidade alimentaria, APPCC, etc), I+D+i, formación e asesoramento e transferencia tecnolóxica, en íntima relación cos axentes do sector. Precisamente, os axentes estarían investigando a relación do centro con varias empresas.
O CTC presta os seus servizos a todos os colectivos sectoriais que forman parte da cadea alimentaria.O Centro desenvolve a súa actividade a través de convenios de colaboración asinados con entidades públicas e privadas, de proxectos presentados a diferentes convocatorias e mediante a oferta formativa coa que conta na actualidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.