Todos a celebran, pero por separado: guía de actos políticos para o Día da Patria

A tradicional desunión entre os nacionalistas e as evidentes fendas dos socios de En Marea marcan a axenda deste 25 de Xullo no que PSOE, PP e Esquerda Unida evitarán a capital.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2017 | Actualizada ás 23:06

Comparte esta noticia

A distancia entre as forzas da órbita nacionalista e tamén a división entre as formacións da esquerda rupturista ligadas a En Marea quedará en evidencia este martes 25 de xullo, con motivo da celebración do Día da Patria, unha data para a que, cada organización, prepara os seus propios actos. 

Manifestación do BNG na Praza da Quintana, en Compostela, no Día da Patria 2016
Manifestación do BNG na Praza da Quintana, en Compostela, no Día da Patria 2016 | Fonte: @GorettiSRei.

Na banda do nacionalismo, eonxe do escenario de 2015, cando as distintas formacións nacionalistas confluíron nunha convocatoria unitaria, na cita do próximo martes reeditaranse os actos diferenciados do pasado exercicio. Pero neste ano, o foco non só está sobre o nacionalismo, senón tamén sobre o espazo de confluencia que se xestou, como En Marea, para as últimas eleccións autonómicas.

Aínda que recoñece que tería preferido un acto unitario e aspira a poder impulsalo nun futuro, En Marea manifestou que "a posición" do BNG non é próxima a participar xunto a outras forzas políticas na marcha do Día da Patria.

Pero tamén as formacións ligadas ao partido instrumental, cuxa asemblea fundacional se celebrou pouco despois do 25 de xullo de 2016, terán os seus actos propios, salvo no caso de Cerna.

En Marea explicou que, desde a coordinadora, houbo "intentos" para organizar un acto conxunto para este 25 de xullo, pero finalmente non puido levar a cabo debido á "limitación temporal" e a que os diferentes partidos xa tiñan "cousas en marcha".

Acto do PSdeG en Rianxo polo 25 de Xullo
Acto do PSdeG en Rianxo polo 25 de Xullo

PODEMOS AÍNDA ESTÁ PECHANDO A SÚA AXENDA

A formación morada aínda non concretou o formato da súa celebración. Fontes do partido, indicaron a GC que en todo caso será unha celebración da matria galega na que se buscará destacar o papel de figuras femininas claves para a construción de Galicia como nacionalidade, como parte do "compromiso de Podemos coa feminización da política e da pluranacionalidade".

ANOVA NO PARQUE DE GALERAS

Con antelación xa avanzara Anova os seus actos, que arrincarán o 24 cunha xornada de debate en Santiago na que Xosé Manuel Beiras, a deputada da CUP no Parlament catalán Anna Gabriel e a parlamentaria no Congreso de EH Bildu Marian Beitialarrangoitia disertarán sobre unidade popular e procesos constituíntes.

En Marea chega a este 25 de xullo coas costuras máis a vista que en ningunha outra ocasión. Malia que por vez primeira a confluencia organiza unha celebración propia polo Día da Patria, os seus socios montarán eventos de seu por separado.

Anova organiza actos tanto o 24 como o 25. Na primeira xornada na facultade de filosofía haberá unha primeira mesa para facer balance das mudanzas nos concellos e “os desafíos que teñen por diante as ferramentas da Unidade Popular”.

Logo será o momento para os invitados, cun debate entre Anna Gabriel da CUP, Marian Beitialarrangoitia de Sortu e o histórico Xosé Manuel Beiras.

O día 25 no Parque de Galeras haberá un acto político e un xantar de confraternización. O evento terá lugar a partir das 13.00 horas no Parque de Galeras. ANOVA salienta que o evento non está pensado “soamente para a nosa militancia”.

ESQUERDA UNIDA EN MUGARDOS

Izquierda Unida en Galicia anunciou unha homenaxe ao alcalde republicano mugardés Juan Prieto Balsa fusilado polos golpistas de 1936. O prinicpal obxectivo é recuperar a memoria dos dirixentes do Partido Comunista de Galicia que colaboraron na organización do referendo sobre a autonomía.

O acto terá lugar en Mugardos a partir das 12 horas, e contará coa participación da alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, e o membro da executiva de Esquerda Unida, Xabier Ron.

MANIFESTACIÓN E ACTOS DO BNG

Pola súa banda, o BNG promove a habitual manifestación do Día da Patria, que percorrerá as rúas da capital galega. Espera que este sexa o 25 de xullo "máis masivo dos últimos anos" e afirma que "suma récord" de delegacións políticas e colectivos sociais que o acompañarán nos actos que organizou, coa presenza doutras forzas nacionalistas e independentistas de España e de Europa.

Á cita acudirán, entre outros, Jordi Salvador, Joan Capdevila, Xavier Eritka e Javier Castelá, por parte de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC); Albert Botran, de Candidatura d'Unitat Popular (CUP); e Pep Cortell, do Bloc Nacionalista Valencià.

Tamén representantes do PNV, EA e EH Bildu, ademais de colectivos sociais como os traballadores de Ferroatlántica, os mariñeiros de Long Hope, de Solidaridade Galega con Pobo Saharauí ou do colectivo estudantil Erguer, entre outros.

Ademais, a formación nacionalista indicou que a programación deste ano do Festigal acolle unha mesa de debate que leva o título de 'O escenario pre e pos-referendo de Catalunya para as nacións sen estado', presentado pola portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda.

Galiza Nova tamén estará presente nos actos. O seu secretario xeral, Alberte Fernández, compartirá escenario con Pontón na Praza da Quintana. Na véspera haberá unha homenaxe a Rosalía e Castelao, en Santo Domingo de Bonaval.

CXG: CONVIDADOS DE PNV E DO PS PORTUGUÉS

Compromiso por Galicia (CxG) tamén elixiu a capital galega para os seus actos centrais con motivo do Día de Galicia, que arrincarán o 25 cunha ofrenda floral no Panteón dos Galegos Ilustres. O acto político, con invitados do PNV e do PS portugués, terá lugar no Parque Euxenio Granell.

Nel intervirán o presidente de CxG, Xoán Bascuas; a alcaldesa de Muros, María Xosé Alfonso; o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña; o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro Docampo; así como o senador do PNV José María Cazalis e Paulo Pisco, deputado na Assambleia de Portugal.

A celebración contará tamén cunha comida de confraternidade e unha sesión de xogos tradicionais.

PSDEG: HOMENAXE EN RIANXO

Os socialistas galegos, un ano máis, renderán homenaxe a Castelao na localidade coruñesa de Rianxo con motivo do Día de Galicia nun acto ao que acudirá a vicesecretaria xeral do PSOE, Adriana Lastra.

Lastra desprazarase a Galicia para participar neste acto, que tamén contará coa presenza de cargos orgánicos e institucionais do partido na comunidade, ademais de alcaldes, portavoces e militantes da formación.

Intervirán a responsable do partido en Rianxo, Mari Carmen Figueira; a presidenta da xestora en Galicia, Pilar Cancela; e a vicesecretaria xeral do PSOE.

Rianxo é a localidade natal de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un dos intelectuais galeguistas de referencia, a quen tradicionalmente os socialistas renden homenaxe con motivo do 25 de xullo.

O PP ADIANTOU A SÚA CELEBRACIÓN

O PPdeG, pola súa banda, adiantou a súa celebración cun acto o venres 21 en Vilalba (Lugo), localidade natal do seu presidente fundador, Manuel Fraga, ante cuxo busto realizaron unha ofrenda floral. Na súa intervención, o secretario xeral do partido, Miguel Tellado, reivindicou o galeguismo.

Tamén é habitual que o seu xefe de filas e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen exercerá pola mañá do 25 de delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo que acolle a Catedral de Santiago, participe na tradicional misa de Rosalía no Panteón dous Galegos Ilustres.

Ofrenda floral do PPdeG ante o busto de Fraga
Ofrenda floral do PPdeG ante o busto de Fraga
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 66 comentarios

3 Fartodalingua

Es que lo que para la gran mayoría de gallegos es el Día de Galicia o el Día del Apóstol, para unos pocos es el Día da Patria Galega.Por mucho que griten, la gran mayoría de gallegos no les escucha y así les va.

2 Nexus 6

Pues imagínense ustedes lo que ocurriría si esa pandilla de sujetos anclados a nomenklaturas de la Gá, tuviesen la oportunidad de gobernar,Si ni siquiera son capaces de ponerse de acuerdo para gritar por la calle ¿cómo iban a serlo para regir a nuestra querida región española? La disparidad de actos es la muestra más palpable de la mezquindad que les caracteriza. Eso sí, todos muy listos, muy demócratas, a vangarda ideolóxica e social do pobo asoballado e bla, bla, bla...

1 Gamela

Alucinante... eu sabía que os galegos amábamos o minifundio, pero non tanto! Claro que CERNA se retrata coma o que é: infiltrados ao servizo de Paco Rodríguez antes en AGE e agora en En Marea (mentras o paspallás de Villares mirando para Cuenca!) Mira tamén como saca peito a Vicepresidenta da Cámara en Mugardos (seica existe o Partido Comunista de Galicia) ... En fin, ao BNG sempre lle quedará a Quintana!