Por gcdeportes | Compostela | 23/07/2017 | Actualizada ás 09:39
Uxío Abuín (Olímpico de Vedra) logrou en Banyoles o título de campión de España de tríatlon na distancia esprinte nunha proba espectacular. O galego estivo sempre nas primeiras posicións e foi, xunto a Antonio Serrat (que quedou descolgado nos últimos quilómetros), un dos actores principais da competición. A proba tivo como vencedor a Rostyslav Pevtson, nun emocionante esprinte con Uxío, pero o ruso non contaba para o campionato de España. “Muy contento de poder conseguir uno de los títulos nacionales que me faltaba... Campeón de España de tríatlon sprint!!”, celebrou Uxío Abuín no seu twitter a vitoria en Banyoles. Ademáis, Galicia conta con outro campión de España: Inés Castaño logrou o título na categoría júnior feminina.
A última das probas do día foi a elite masculina, cunha destacada participación, xa que na liña de saída había moitos internacionais. Partía como gran favorito David Castro, nun momento doce, pero unha inoportuna caída nos últimos metros da bicicleta deixouno sen opcións de loitar polo triunfo, aínda que rematou a proba.
Uxío Abuín e Antonio Serrat estiveron nas primeiras posicións dende a natación, e incluso no inicio da bicicleta parecía que lograban escaparse nun grupo de catro, pero axiña o pelotón principal reaccionou e xa non houbo máis opcións. Así, chegouse a T2 con todo por decidir, e novamente Uxío e Antonio foron valentes e buscaron as primeiras posicións.
De entrada formouse un grupo de cinco deportistas (Uxío, Antonio, Roberto Sánchez, o ruso Pevtson e Camilo Puertas), que foi perdendo integrantes para quedarse finalmente o ruso e o deportista de Lestrove loitando polo triunfo. Aínda que o título xa estaba asegurado, Uxío tamén quería vencer e aumentou o ritmo a falta duns 200 metros, pero o ruso non cedeu e atacou nos intres finais para lograr a vitoria nun fermoso sprint.
Destacar o gran final de Pablo Dapena, que veu remontando posicións, nunha distancia que non é a súa (agora especializado na longa distancia), e logrou rematar na quinta posición da proba (cuarto no Campionato de España). Ademais, Antonio Serrat, que se afundiu no tramo final da carreira a pé, foi oitavo (sétimo no Campionato).
En categoría feminina, escapouse a medalla para o tríatlon galego por pouco. Camila Alonso foi cuarta no Campionato de España (sexta na proba). Carolina Routier proclamouse campioa de España e Camila quedou moi preto do podio, ao chegar á meta na sexta posición (cuarta do campionato de España). Ademais, Melina foi undécima; Sara Guerrero, 14ª e Carmen Gómez, 19ª no Campionato de España.
A outra boa nova chegou na proba feminina júnior, na que Inés Castaño (Arcade Inforhouse) deu a sorpresa para acadar o título de campioa de España. Dende o inicio, a viguesa Iria Rodríguez, que inda está a recuperarse dunha fractura por estrés nun pé, estivo entre as primeiras, saíndo da auga na segunda posición e con Anna Carvajal moi preto. Así, moi pronto ambas as dúas se puxeron en cabeza, cun grupo por detrás no que estaban a galega Inés Castaño, Lucía Salafranca, Tania Álvarez e Sharon García. Cando faltaban algo máis de 5 quilómetros de ciclismo, Iria desfondouse e o grupo perseguidor logrou poñerse en cabeza.
Da T2 xa saíron xuntas as tres deportistas que lograron subirse ao podio: Inés, Sharon e Tania. Correron xuntas todo o segmento ata que a falla dun quilómetro Tania atacou e Inés Castaño respondeu perfectamente sen perder as súas costas, ata que esperou o seu momento para atacar e chegar a meta na primeira posición cun tempo final de 1h:08:32. Pola súa banda, Iria Rodríguez rematou na novena posición.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.