En defensa das multas

En 1987 Alianza Editorial publicou o libro de Mario Benedetti “Subdesarrollo y letras de osadía”, unha selección de dezaseis artigos publicados nos anos anteriores en diversos xornais e revistas de México, La Habana, Lima ou Madrid.

Por Emilio Martinez | Lugo | 02/08/2017

Comparte esta noticia
Fai uns meses rescatei un dos artigos para preparar un seminario que tiña que impartir nunha universidade perto de Guayaquil: “Maniobras y mecanismos de desinformación”,. unha peza breve,  apenas oito páxinas, nas que Benedetti  fai un resumo das formas que  algúns medios de comunicación utilizan para desinformar, ´é dicir: manipular as novas ao seu propio gusto, e ao servizo dos seus propios intereses, que non se corresponden coa proclamada máxima do xornalismo de informar de forma veraz. Benedetti cita por exemplo o recurso a  informar do contrario do acaecido; informar só dunha parte do que sucedeu; suprimir unha parte importante dunha cita para facer variar o seu senso; aillar a cita do seu contexto; distorsionar un feito acaecido; titular unha nova de forma inexacta ou tendenciosa ou desequilibrar os datos con determinada intención política…
 
A hora de preparar os materiais para o seminario tiña que seleccionar algúns exemplos reais de manipulacións da información, de desinformación, cos que facer algún exercicio práctico, e preto tiña unha fonte inesgotable deles, El Correo Gallego, o xornal da capital de Galicia convertido en voceiro da oposición conservadora local. 
 
A finais de xuño El Correo Gallego publicaba unha nova sobre o importe das sancións impostas pola policía local compostelana no ano 2016 e a titulaba así: “El afán sancionador de Compostela Aberta se salda con casi 3 millones de multas de tráfico”.  Información inexacta?, titular tendencioso?... Burda manipulación?.
 
A realidade é moi diferente á que o titular de El Correo Gallego pretende pintar.
A mesma nova recolle algúns datos, entre eles que en 2016 foron impostas 12.389 multas de tráfico, delas 1.340 por un medio automático como son as cámaras instaladas en algúns, poucos, semáforos do casco urbán.
 
En Santiago de Compostela hai en activo 137 policiais municipais, aínda que o cadro teórico é de 167 axentes, os mesmos que hai 20 anos, o que supón que non se cubre sequera o mínimo de 1,5 axentes municipais por cada 1.000 habitantes, é un  número de axentes claramente insuficiente tendo en conta que Santiago de Compostela recibe cada día miles de vehículos, e miles de persoas, dos municipios que a rodean (por traballo, xestións administrativas, compras, hospitais, estudantes), ten unha poboación flotante numerosa, e recibe de media varios miles de visitantes e turistas diarios.
 
Con estes datos atopámonos que de media póñense na capital de Galicia 34 multas, atopámonos con que cada policía local pon da orde de 90 multas anuais, o que nos da unha media de 0,43 multas cada un dos 210 días que, descontados festivos, libranzas e vacacións, deben traballar ao ano. Con estes datos non parece que os axentes municipais compostelanos sexan uns psicópatas das multas, ou rápidos desenfundando o bolígrafo, mais ben todo o contrario.
 
Calquera persoa que percorra Compostela pode ver, aínda non sendo moi observadora, que existe unha ampla minoría de cidadáns que se toman as normas de tráfico de pura broma: coches en dobre fila que impiden o paso de autobuses ou dificultan a circulación, coches aparcados nas aceiras, condutores que non respectan os pasos de cebra, condutores que se saltan de forma sistemática os semáforos ou os cedas, condutores conversando polo móbil mentres  conducen ou mesmo whatsapeando, condutores que tiran as cabichas pola fiestra, por non entrar xa noutros comportamentos como conducir bebido, ou excesos de velocidade moi rechamantes no propio casco urbano…  
 
O número de 12.389 multas en Santiago de Compostela chama a atención, si que a chama, pero non polo alto do mesmo, senón por todo o contrario, polo irrisorio, pola enorme diferenza entre os actos sancionables e os que se chegan a sancionar, o que case nos pode facer falar da impunidade da que goza o transgresor/a.
 
Toda persoa que conduce un vehículo é coñecedor das normas de circulación, o incumprimento das mesmas provoca en non poucos casos situacións de risco para outros automobilistas ou para os peóns, ou supón  conductas incívicas sancionables (por exemplo tirar as cabichas pola fiestra como fai un número importante de fumadores). É un deber da policía local perseguir estas faltas, e sancionalas, e é de agardar dos responsables políticos do concello que velen porque os axentes apliquen a lei, que sen dúbida fará de Santiago unha cidade moito mais habitable. Por moito que lle pese a Agustín Hernandez ou ao medio de comunicación que pastorea.
 
E si o número de sancións en relación ao tráfico é ridículo, mais ridículo é o número de sancións por outras cuestións de competencia municipal: cantas multas se teñen posto desde que en 2006 se modificara a normativa  por mexar na rúa?. Cantas se teñen posto por non recoller as cacas dos cans?. Cantas se teñen posto por causar molestias aos veciños con celebracións a altas horas?. Seguramente moitas menos das que se debera.
 
Santiago de Compostela necesita campañas de educación e de concienciación, que tanto gustan a Compostela Aberta, para facer a cidade un lugar mais vivible, pero tamén necesita que as normas, que garanten a convivencia, se fagan cumprir, e para iso precisa, como primeiro paso, con urxencia, incrementar o cadro de persoal da policía local.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Santa Uxia de Riveira, 1965) foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento entre os anos 1998 e 2005. Profesionalmente estivo ligado á xestión de innovación na Universidade de Santiago de Compostela e foi director xerente da S. A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, entre 2006 e 2009. Na actualidade é vicexerente de Recursos Humanos na Universidade de Vigo. Como consultor ten participado na avaliación do I Plan Galego de Cooperación ao Desenvolvemento así como na identificación e formulación de distintos proxectos de cooperación. Ten publicado distintos artigos sobre esta materia en revistas como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior”, “Revista Galega de Emprego”.