Temas: CAN

Tentan protexer o can de palleiro, unha raza autóctona en perigo de extinción

Medio Rural destina 5.000 euros anuais ata o 2020 para promover e difundir esta raza.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/08/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Actualmente, e segundo o libro xenealóxico, en Galicia están rexistrados arredor de 1.000 exemplares de can de palleiro. Trátase dun animal que destaca como can de pastor, de compaña e de garda do gando. Dadas súas características morfolóxicas e de estabilidade psíquica, podería chegar a desenvolver funcións de policía, en catástrofes, guía, narcotráfico ou exército.

Can de palleiro, raza en perigo de extinción
Can de palleiro, raza en perigo de extinción | Fonte: can-gatos.com

Por iso, o Consello da Xunta autorizou este xoves a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e o Club Can de Palleiro para a realización de actividades de promoción, fomento e difusión desta raza autóctona e en perigo de extinción para o período 2017-2020. Este acordo supón unha axuda de 20.000 euros, a razón de 5.000 euros por ano.

Ao non tratarse dunha raza gandeira ou de produción (consideradas como tales as razas de aproveitamento) ata o día de hoxe careceu de axudas públicas para desenvolver os traballos necesarios en todo programa de conservación. Por iso, e a través deste convenio, preténdese seguir traballando na recuperación, conservación e fomento desta especie, que, segundo apuntou o propio presidente galego, “ten un grande interese social e cultural para Galicia”.

As actuacións que recolle o dito acordo pasan pola busca de animais no campo que poidan responder ao prototipo racial do can de palleiro para solicitar a súa inscrición no rexistro fundacional da raza e comunicar os seus datos. Así mesmo, o Club Can de Palleiro terá que organizar, coordinar e supervisar os cursos de formación de xuíces especialistas para poder valorar os exemplares dos propietarios que desexen inscribir os animais no libro xenealóxico.

Tamén deberá organizar exposicións, concursos morfolóxicos, xornadas técnicas e charlas informativas para facilitar información aos criadores; así como a difusión nos medios de comunicación das actividades que realicen con esta raza. O fin último deste convenio é conservar os recursos zooxenéticos de Galicia.

Temas: CAN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Pedro2

Deberáinlle dar un nome máis publicitario. Mellor que can de palleiro (que para moita xente ten connotacións negativas) podería chamárselle pastor galego ou gardián galego.