A resistencia á derrota de Mercedes Peón, Mónica de Nut e Ana García

As tres intérpretes realizaron unha memorable actuación na Festas do Apóstolo nunha grande actuación conxunta. Logo dese espectáculo falaron con GC.

Por Galicia Confidencial | Noia | 04/08/2017 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

Sábado, 14 de xullo de 2017. É o primeiro día das Festas do Apóstolo en Compostela. Chegada a noite, na Praza da Quintana cantan con pandeiros as simpáticas compoñentes da formación folclórica Raigañas, que procede da Costa da Morte. Gustan os pequenos aturuxos e comentarios espontáneos ó estilo dun impromptu que alumean os cantos que baila unha parte do público.

mercedes peón, womex
mercedes peón, womex

A continuación, os compoñentes da Warsaw Village Band ofrecen, con toques de jazz e de aventura, unha selección de temas tradicionais polacos, que son realzados polas intervencións dunha violinista prodixiosa que fai solos que serían do agrado de Jimi Hendrix. Na sombra da Catedral, un dos músicos agradece en inglés a Galicia o agasallo en repercusión para o mundo dun instrumento musical, a zanfona ou “hurdy-gurdy” como di el, que sería unha variante do organistro esculpido que aparece no Pórtico da Gloria.

Unha segunda violinista toca a zanfona, e nos últimos números canta cos de Varsovia a nosa Mercedes Peón, sempre chea de sorrisos e dun contaxioso entusiasmo que anticipa o que vén a continuación: unha forza cósmica para a cal non estamos preparados. En ningún sentido. Cando para algúns o eido da música folclórica galega se resinte dunha certa monotonía e resignación, dunha eiva de innovación, chegan tres mozas que responden a un S.O.S. invisible. Son unha padronesa, Ana García, unha viguesa, Mónica de Nut, e a coruñesa Mercedes. O que ofrecen aos afortunados que estamos na praza é unha sucesión de ondas xigantes de son, con tecnoloxía de vangarda aplicada a voces cantadas que son sacadas de raíces ancestrais galegas. O efecto é moi potente, arrasan cos sentimentos, e percíbese unha furia latente nas tres guerreiras que non dubidan en improvisar cando o público pide máis. É, en definitiva, un concerto que semella abrir paso cun lume benéfico ao futuro da música galega.

Uns días despois, Mercedes Peón e Mónica de Nut concederon unha entrevista para Galicia Confidencial, na cal como compositora Mercedes contesta a tódalas preguntas agás a derradeira.

Cando sae o disco?

- Non hai présa, sairá seguramente en outubro.

Mónica de Nut
Mónica de Nut

Quen compón ou como foron compostos os temas?

- Ola son Mercedes, compoño eu. 

O proceso de composición foi un proceso longo, laborioso, en soidade. O que escoitastes na Quintana é o resultado da busca da miña propia esencia compositiva e de como facer plataformas sonoras para expandir esas células na escena.

Para o novo disco quería provocar outras sensacións, tentando sorprenderme para conseguir frescura e esa ilusión polo novidoso dende un punto de vista do timbre.

O primeiro que fixen foi buscar provocacións sonoras e facer unha escolla. Pedín que me deixaran entrar en Navantia para gravar o proceso de construción nesa cidade-industria. Achegueime coas miñas gravadoras, na nave da prancha fina e percorrín un portaavións en construción. Todos eses sons penetráronme e comecei a producir polirritmias cos martelos batendo nas pranchas, ambientes coas rebarbadoras, cos pasos subindo escaleiras metálicas, ventiladores etc. 

Isto sería o espazo a onde levo a Mónica, a Ana, ou por exemplo a Fernando Abreu co seu clarinete. Imaxínome os departamentos en construción con Fernando sentado co seu clarinete baixo, a carón dunha radial que corta metal para un departamento, ou a Mónica chea de vexetación ferrosa na cima do porta-avións, ou a Ana facendo sons cun tubo de fontanería paseándose polo tremendo buque. Ir pasando polos distintos departamentos e que na radio saia a voz de Yolanda Castaño cos ritmos vogais de María Reimondez, etc.

Cada tema ten un micro mundo e enlázanse entre si nese espazo, nun espazo industrial. Acontecen cousa marabillosas e de súpeto estamos onde estamos, nun buque de  guerra.

Cales son as posibles ou seguras influencias para os temas interpretados por vós na Quintana?

Primordialmente a miña orixe musical vén das tocadoras de Galicia, das mulleres músicas da nosa creación colectiva.

Por outra banda estou impregnadas por unha interaccións de teorías, conceptualizacións e movementos ideolóxicos, como os feminismos, a contrasexualidade, o movemento queer, a tensión global local, a preocupación pola uniformación, a desaparición do propio, a reflexión sobre a fantasía de aceptación, as representacións sociais etc.

Considerades (coma min) que estes temas son unha revolución na música galega? Coñecedes a algún artista galego que faga algo semellante?

Só podo dicirche que os procesos que elaboro son singulares e orixinais. Máis que semellanzas busco sinerxía como con Janét Novás ou a mesma Mónica de Nut, ou María Reimondez, Yolanda Castaño, Fernado Abreu, ou mesmo WVB.

A intuición fai pensar nunha reivindicación nas intencións? É así? Xunto coa paixón, hai furia na vosa actitude?

Máis ben, no meu caso, hai resistencia á derrota.

Cales foron as vosas sensacións na Quintana?

Estamos moi ledas polo noso encaixe e polo encaixe co público. Mesmo cos problemas técnicos que tivemos a sintonía entre nolas tres foi quen de suplir esas carencias ou dificultades.

Tedes medo de que o disco non sexa tan potente como a versión en directo... Que se rebaixen as cancións en duración ou en intensidade?

É unha pregunta aguda e complexa de contestar con brevidade.

O CD é onde investigo, relaciono, compoño, probo etc. É o resultado dun laboratorio e unha declaración de intencións e de posicionamento socio-político.

O que escoitastes na Quintana foron cinco temas. Só un deles "Déixaas" é do novo disco, precisamente dálle título ao mesmo.

Certamente o tratamento que lle dou aos directos non ten que ver co CD, aínda que obviamente se parta de temas editados ou editables. Son fenómenos distintos. É un reto ao que estou afeita, e saboreo moito ese proceso porque nada se repite, estás nese instante creando novamente, improvisando, pechando segundos que funcionan a perfección etc. 

A nivel de rango sonoro abrangue moito máis espazo nos directos e as sensacións para os ouvidos non ten nada que ver.

De que maneira se emprega a música pre-gravada? Son samples ou foi feita expresamente por ou para vós?

Fágoa eu, fago esas mostras ou samplers, investigo os graves, medios e agudos e fago un arranxo para directo. Pensando en como se poden levar esas composicións ao escenario coa dinámica que requiren. Todos os sons que escoitades están gravados, ou tratados, ou producidos por min. Cóntovolo e xa me fatigo só de pensalo. É pura artesanía.

Os loop son curtos, cada páxina do sampler componse de 9 pads e cada pad ten dous sons. Paralelamente conviven con outro pad que ten 13 sons por páxina e todo iso combínase e nunca na mesma orde. É como se estiveras tocando un instrumento con dixitacións, de cada vez, distintas.

Que foi o que vos fixo chegar a ter tanta sintonía entre vós?

En certa medida creo que xa estaba establecida. Pola miña banda chameinas para este proxecto polas características musicais e porque intuía que algo ía a acontecer.

A Mónica pedinlle que levara o peso dos baixos, aínda que non sempre. É un ser que adora a música, ela en si mesma é pura musicalidade. Abro portas para as súas improvisacións, deixámonos levar pola súa enerxía ou composición do momento e ela sempre atenta a non perder o fío. Ímonos pasando a pelota musical con amabilidade, admiración, e emoción. É un verdadeiro pracer compartir a escena con elas.

Ana está encargada de levar o peso máis tradicional, aínda que non sempre. Percusión, palabra, voz, performance etc. Tamén manexa sampler pero aínda estamos niso. É unha peza fundamental nesta relación a tres que aínda está por chegar a toda a súa potencialidade.

Unha pregunta para ti, Mónica: de onde sacas eses efectos e esas notas baixas que fan sentir calafríos no que eu chamo "o estómago do cerebro"? Entre os teus teclados e os solos da violinista polaca do cabelo solto o concerto foi moi emocionante e mesmo diría que psicodélico para min.

Levo pedaleira de dobre delay e outra de multiefectos, harmonizador e loop para a voz. O teclado é un sintetizador con sons de moi boa calidade para facer, sobre todo, liñas de baixo. Os sons de teclado están pensados para que empasten cos sons das bases electrónicas que crea Mercedes Peón para as súas composicións. Síntome moi a gusto co que fago con ela e con Ana porque conecto moi ben cos seus xeitos de manifestarse e porque Mercedes deixa un gran espazo de liberdade para facer nosos os temas. Falo dende o punto de vista musical e tamén máis alá do sonoro; este aspecto paréceme tanto ou máis importante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 além

Parabéns. Haberá que estar moi atentas e este trio de mozas !!