Liberdade, nación e democracia

No caso dun territorio diferenciado culturalmente que non ten estado propio, como o galego, os aliñamentos ideolóxicos soen constar de dous elementos ou de dous eixos

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 24/09/2010

Comparte esta noticia

, en primeiro lugar o da definición ideolóxica que de si mesmo fai un individuo cando se define como liberal, como democratacristán, como socialdemocrata, como conservador, como comunista, como falanxista, como anarquista, etc; algo que en Galicia é común a calquera outro lugar do mundo salvo nas proporcións de cidadáns que se identifican dunha ou doutra maneira, pero ademáis nas nacións culturais ou naturais que non quixeron ou non puideron constituirse como estado, producese outro elemento de diferenciación político que é o identitario, refirese a cal das duas identidades nacionais en presenza; a nación natural ou a nación construida conta coa nosa identificación.

En moitas ocasións hai quen me di que o liberalismo é oposto ao nacionalismo, o argumento fundamental que espoñen estas persoas é que o liberalismo focaliza no individuo, na liberdade individual, e o nacionalismo na colectividade, nada que obxectar a estes observadores se o que entenden como nacionalismo é a subordinación total e involuntaria do individuo a un proxecto colectivo, se entenden como nacionalismo a afirmación do propio a costa do desprezo do alleo ou se entenden por nacionalismo a construción dun proxecto colectivo non definido democraticamente. Na miña opinión o PP, o PSOE e o BNG son nacionalistas exactamente neste sentido, nacionalistas de estado os dous primeiros e nacionalista dun territorio que non o ten o segundo.

Non concordo cos conceptos esencialistas de nación, aqueles que pretenden definir a nación como un elemento incontrovertible e que debe a sua lexitimidade á historia ou a unha serie de elementos obxectivos como unha língua, un territorio e unha cultura. Estes elementos son moi importantes porque conforman a base dunha nación da vontade, quer dicir, forman a base para que a cidadanía poida manifestar democraticamente a sua vontade de constituir realmente sobre eses elementos unha nación definida democraticamente. Igualmente tampouco comparto criterios historicistas, igualmente esencialistas e antidemocráticos, representados no arcaico centralismo que aquí padecemos, e que pasan polo arco do triunfo a vontade democrática dos pobos afirmando que a existencia durante cincocentos anos dun estado-nación, como España, de límites invariables proba automaticamente a existencia dunha única nación no mesmo territorio.

Sen embargo, se ser nacionalista é defender o dereito e a vontade democrática dunha maioría de cidadáns dun pobo asentado nun territorio a manifestar a seu desexo libre de se agrupar, autoorganizar e decidir democraticamente cal é o marco xurídico do que se quere dotar, incluindo a decisión de compartir ou non a sua soberanía, non me importaría para nada en absoluto  definirme como nacionalista. Porén, e como de momento, a miña definición do que significa nacionalismo é francamente minoritaria en relación ao nacionalismo que, coa única diferenza do nome da nación (España ou Galicia), exercen o 100% dos deputados da cámara galega, hai algún tempo que decidín deixar de definirme como nacionalista e comezar a facelo como galeguista ou simplemente como galego.

O liberalismo e a defensa política da existencia dunha nación son, baixo este punto de vista, perfectamente compatibles e ainda diria, que mutuamente enriquecedores. É innegable que o individuo libre ten unha tendencia natural a agruparse en comunidades nacionais e tamén creo que as posibilidades de desenvolvemento individual dependen enormemente do desenvolvemento dunha determinada comunidade nacional, a evidencia empírica é dificilmente negable, as liberdades individuais, incluindo os dereitos humanos que o liberalismo proclamou, son papel mollado onde a colectividade fracasa, onde non hai unha colectividade de individuos libres capaces de se dotar dun estado que funcione, onde a colectividade é incapaz de se organizar. África é un bo exemplo disto polo que debo concluir que o colectivismo democrático e liberal é imprescindible para a plena realización do individuo en liberdade e democracia.

Ainda diria máis, os que cremos na liberdade individual como un valor supremo non podemos deixar de sentir unha fonda simpatía racional por aquelas nacións ou territorios culturais que o devir da historia forxou de forma indirecta, aquelas nacións que eu definiría como naturais, que non foron froito de decisións directas de construcción colectiva antidemocrática, ninguén decidiu nun despacho ou nunha reunión que se falase o mesmo idioma de Ribadeo á Guarda ou de Ponteceso á Mezquita, mentres que que se fale o mesmo idioma desde A Coruña ata Murcia, desde Girona a Huelva ou desde Brest a Perpiñán responde a unha decisión constructivista e intervencionista tomada en despachos de forma antidemocrática, esta sí, unha verdadeira imposición autoritaria contra a liberdade dos cidadáns e esta sí, unha forma de nacionalismo abertamente oposta ao liberalismo. Na dicotomia nación natural VS nación construida os amantes da liberdade sempre nos identificaremos coa primeira, compartindo, desta maneira, os anceios de liberdade individual cos anceios de liberdade colectiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA