“A Xunta fragmenta os expedientes dos eólicos para obviar a avaliación conxunta”

Petón do Lobo denuncia a existencia de até cinco expedientes distintos para dous parques eólicos ubicados moi próximos entre sí en concellos limítrofes: o de Pena Forcada –Catasol II, en Laxe, e o de Mouriños, que afecta a Cabana e Zas. A asociación ambiental e cultural pide unha tramitación conxunta.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 21/08/2017 | Actualizada ás 16:30

Comparte esta noticia

Alomenos cinco expedientes distintos para dous parques eólicos ubicados moi próximos entre sí en concellos limítrofes. Isto é co que se atopou a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, que acusa á Xunta de Galicia de "fragmentar" os expedientes dos polémicos proxectos Pena Forcada –Catasol II, en Laxe, e Mouriños, en Cabana e Zas. Para os ambientalistas, o Goberno de Feijóo pretende así "obviar a avaliación conxunta e sinérxica dos impactos significativos de ambos os dous proxectos".

Vistas do esteiro do Anllóns dende o Miradoiro do Pico de Sinde, afectado polo parque eólico Mouriños
Vistas do esteiro do Anllóns dende o Miradoiro do Pico de Sinde, afectado polo parque eólico Mouriños | Fonte: Salvemos Cabana.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria está causando, con esta "fragmentación", unha "confusión de gran magnitude", advirte Petón do Lobo. "Os defectos de tramitación son tan evidentes que causan a nulidade de pleno dereito de todos eles. Esta tramitación defectuosa e que ignora os dereitos da cidadanía estalle a producir a esta unha total indefensión no que aos seus dereitos se refire", alerta esta asociación.

Así por exemplo, en relación ao proxecto de Laxe, denuncian que "a cidadanía non tivo acceso ao informe de impactos sobre o turismo", que "se ben consta no expediente", salientan que "foi elaborado por Gas Natural Fenosa á marxe da cidadanía afectada, do sector turístico e da hostelería e, por suposto, do propio Concello de Laxe, que como administración interesada tiña moito que dicir, pero nen sequera foi sometido a información pública", critican.

Esta simultaneidade da tramitación administrativa de alomenos cinco expedientes diferentes deriva, segundo Petón do Lobo, da "ausencia de planificación por parte da Xunta de Galicia".

"Na Consellería de Industria actúan sobre da marcha, en función dos intereses das empresas promotoras, neste caso Gas Natural Fenosa e a súa filial", engaden os ambientalistas, que poñen como exemplo máis recente a publicación no BOP de A Coruña , este luns, do anuncio relativo ao Acordo do 14 de agosto de 2017 da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas (expediente IN407A 2016/877-1), vencellando ambos proxectos a través da mesma liña de evacuación.

Val de Traba, en Laxe
Val de Traba, en Laxe | Fonte: Petón do Lobo.

Isto, para Petón do Lobo, "vén a demostrar que a tramitación de ambos os dous proxectos debera facerse de forma conxunta, posto que ambos os dous están estreitamente relacionados pola liña de evacuación que os une, para así avaliar os efectos sinérxicos e conxuntos de ambos". Porén, "a día de hoxe aínda non se sabe cales das tres opcións que proporcionaba incialmente Fenosa é a escollida para a evacuación da enerxía do parque Pena Forcada-Catasol II e a que núcleos de poboación e valores naturais afectará; sen embargo, a declaración de impacto ambiental deste parque xa hai semanas que foi aprobada", expón a asociación.

Por isto, Petón do Lobo solicita á Consellería de Economía, Emprego e Industria que volva iniciar o proceso coa tramitación dun único proxecto, que "é o que inicialmente xa debera ter feito", optando por "outras localizacións máis adecuadas" para os parques eólicos e "esixindo as medidas tecnolóxicas axeitadas para frear a mortandade da fauna silvestre".

EXPEDIENTES

Expediente IN661A 2011/10-1: ACORDO do 19 de xuño de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do proxecto modificado do parque eólico Mouriños, nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas, na provincia da Coruña (expediente IN661A 2011/10-1).

Expediente IN407A 2017/046-1: Acordo do 3 de xullo de 2017, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción, declaración de utilidade pública, en concreto, declaración de impacto ambiental e autorización do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Cabana de Bergantiños e Zas (expediente IN407A 2017/046-1).

Expediente IN661A-2010/3-1: Anuncio do 18 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se notifica a varios interesados a solicitude de declaración de utilidade pública do parque eólico Pena Forcada Catasol II (expediente IN661A-2010/3-1).

Expediente 2010/0127: Resolución do 26 de xuño de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se dá publicidade á declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 8 de xuño de 2017, relativa ao proxecto do parque eólico Pena Forcada-Catasol II, no concello de Laxe, promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U.

Expediente IN407A 2016/877-1: Acordo do 14 de agosto de 2017 da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica nos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños e Zas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta