Os eucaliptos de Feijóo

Hase dicir alto e claro: A incontrolada expansión do eucalipto é un dos principais problemas de Galicia. Está na man de Núñez Feijóo reverter o proceso. Sirva este artigo como carta aberta ao presidente da Xunta ao respecto.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 24/08/2017

Comparte esta noticia

Sr. Núñez Feijóo:

Vostede, así o parecen indicar as súas repetidas declaracións públicas nos últimos meses, leva tempo dándolle voltas á política forestal de Galicia. Teñen no caixón un borrador de Lei e prevén ademais crear unha Axencia Forestal. A sentenza que repite con máis frecuencia é “racionalizar a superficie ocupada polo eucalipto observando as necesidades da industria”. Debe saber que a frase agocha un oxímoron: a industria forestal galega pretende continuar espallando a presenza do eucalipto mesmo en contra do medio natural e da economía de Galicia.
Vostede, que debe valorar a transcendencia de conservar as esencias que configuran a identidade deste país, ha saber que o eucalipto xa modificou drasticamente a paisaxe –e a fauna e flora– das provincias de A Coruña e Pontevedra así como do norte de Lugo, mentres que as bisbarras do interior empezan a sufrir as primeiras escaramuzas da especie australiana. Mesmo zonas de elevado valor medioambiental encóntranse en proceso de deturpación, nalgúns casos incipiente e noutros incluso avanzado.

Vostede, que como presidente buscará o progreso económico e social de Galicia, ha saber que en contra das manifestacións simples e intereseiras, o eucalipto só trae miseria non só ambiental e paisaxística; tamén económica. Calquera das grandes potencias madereiras de Europa exclúe o eucalipto entre as especies que explota. O caso galego, canda o portugués, son exemplos únicos no mundo de monocultivo forestal con especies alóctonas ou alleas ao seu medio propio. Ha saber que o cultivo de especies autóctonas e a potenciación da produción agraria sería notablemente máis produtivo para a economía galega –para o noso desenvolvemento– que a plantación masiva de eucalipto, o cal se dedica a pasta de papel e outros produtos sen valor engadido.

Vostede, que conta cun nutrido equipo de técnicos e asesores, debe saber que, con moi honrosas excepcións, o sector madeireiro galego compite principalmente a partir do acceso barato á madeira e que o seu obxectivo é reducir aínda máis os custos mediante o espallamento sen límites nin control do eucalipto. Vostede é consciente da presión que a industria está exercendo para convencer o seu goberno de paralizar as “medidas de racionalización”. Deica vostede seguramente teñan chegado manifestacións públicas de representantes do sector segundo as cales o futuro no interior do país pasa “polo eucalipto ou pola pobreza”, nun exemplo insólito de obcecación e extravío.

Vostede, cuxas decisións son fundamentais para o futuro deste país, ha ter en conta que máis do 80% das árbores que se plantan en Galicia son eucaliptos. E que de seguir esta progresión, o medio natural galego se terá convertido nun inmenso eucaliptal en poucas décadas. Con iso, Galicia renunciaría á súa identidade, á conservación do medio propio, á fonte básica da súa riqueza e ás súas posibilidades de desenvolvemento e progreso.

Vostede, que semella querer preservar o medio natural galego fronte á estratexia de depredación, debe saber que as normas que o seu goberno pretende implantar contra a posición da industria, non son suficientes en absoluto. O campo galego debe representar un grande proxecto de riqueza a partir da potenciación das súas enormes capacidades. E para iso, un requisito fundamental será reducir dun xeito drástico a presenza do eucalipto. Hai que paralizar a súa plantación pero ademais hai que eliminar os exemplares que invaden bosque outrora autóctono, que ocupan terreo de potencial produción agrogandeira e que deturpan as zonas de valor ambiental e paisaxístico.

Vostede, Sr. Núñez Feijóo, debe decidir: se dobrarse ante os intereses da industria e deixar que estas empresas continúen competindo nos tramos baixos do sector a partir dunha materia prima barata e abundante, ou pensar no futuro do país, recuperar o terreo entregado ao eucalipto e articular de vez unha política de desenvolvemento económico e social a partir das grandes potencialidades do rural galego.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego