Se alimentamos o odio gañan eles

Cando estudaba Económicas en Santiago, mediados dos 80, tiña un amigo, militante naquela altura do MCG, o Movemento Comunista de Galicia, que era un lector impenitente da Revista de Defensa, una publicación especializada en tecnoloxía militar, forzas armadas, etc, así como un erudito en todo o relacionado coa II Guerra Mundial. Acabei tamén enganchado a aquel vicio, un tanto friki para un coma min que foi logo obxector de conciencia, rodeado ademais de amigos que foron insubmisos.

Por Emilio Martinez | Lugo | 29/08/2017

Comparte esta noticia
Pasaron xa moitos anos e sigo dedicándolle tempo a lectura de libros sobre historia e estratexia militar, unha dedicación que vai por temporadas, pero o caso é que este verán ando mergullado na lectura dalgunhas das obras de David Kilcullen, un autor australiano ao que descubrín XA hai algúns meses.
 
David Kilcullen é un militar australiano, tenente coronel, agora na reserva, e un dos maiores expertos a nivel mundial en loita contra insurxente, contando con experiencia práctica en escenarios bélicos como Timor Leste, Boiugainville ou Irak. Desde que en 2005 deixou a actividade militar ten sido conselleiro en cuestións de defensa para os gobernos de George Bush e Barak Obama en Estados Unidos, mantendo posición críticas tanto coa invasión de Irak como co uso, e abuso, de dones  na loita contra insurxente. Foi tamén  conselleiro do xeral David Petreus en Irak. Kilcullen doutorouse en Política no ano 2000, na Universidade de Nova Gales do Sur, cunha tese na que estudaba as consecuencias políticas das operacións militares en Indonesia entre 1945 e 1999.
 
O último libro publicado, en 2016, por David Kilcullen é “Blood Year” no que a analiza as causas do éxito do Estado Islámico, ISIS, e os erros cometidos na denominada “guerra ao terrorismo”. Anteriormente publicou “Contrainsurgence”, en 2010, e “Out of the mountains. The coming age of urban guerrilla”, 2013. Todos eles na editorial Oxford University Press.
O libro co que estou estes días é o primeiro que publicou: “The Accidental Guerrilla”, de 2009, no que defende a súa teoría da necesidade de repensar a loita contra insurxente en cada escenario concreto como unha peza dun escenario mais global, o que obriga a empregar en cada lugar e momento medios que non supoñan gañar batallas pero que na realidade son pasos para perder a guerra. As teorías de Kilcullen levan tanto a diferenciar terrorismo de insurxencia como a entender que tanto o un como a outra forman parte dunha única estratexia de grupos como Al Qaeda ou o Estado Islámico, que si nalgo se teñen demostrado efectivos é na capacidade para adaptarse ás circunstancias de cada lugar e aos medios dispoñibles en cada momento.
 
Nun dos capítulos do libro centrado nas tácticas de Al Qaeda Kilcullen expón as catro tácticas básicas utilizadas pola organización yihadista, común a calquera outro movemento insurxente: provocación, intimidación, prolongación e esgotamento. 
 
Sen animo de estenderme demasiado en que consiste cada unha destas tácticas, o que excedería o espazo do que dispoño, sinalaremos que a provocación significa a comisión de atrocidades, accións extremadamente provocadoras (pénsese nos trens de Madrid, os autobuses de Londres, ou o mais recente atentado das Ramblas) que buscan a reacción, ou sobre reacción, buscando a represión xeralizada sobre determinados colectivos ou territorios, ou o conflito entre comunidades, sexan estas étnicas, políticas ou relixiosas (pénsense por exemplo nos atentados contra símbolos sagrados chiis cometidos por extremistas sunis en Irak), o fin é sacar réditos da inestabilidade. 
 
Coa intimidación os insurxentes buscan evitar que a poboación local, dun colectivo concreto, coopere co goberno e as súas forzas de seguridade, policiais ou militares, executando, en casos extremos, aos que son sinalados como “traidores” ou “colaboradores”, ou presionando por outros medios que forcen a abandonar as comunidades ou a converterse en espectadores pasivos. Non temos que ir moi lonxe para atopar exemplos desta táctica, común tamén en grupos terroristas: o País Vasco dos anos de chumbo.
 
Coa prolongación e o esgotamento o que se busca é tanto acabar cos recursos do goberno, recursos materiais, recursos en persoal, como debilitar o seu apoio político e social. Pénsese que a organización do atentado das Torres Xemelas custou, segundo o informe do Congreso dos Estados Unidos, arredor de 1 millón de euros, mentres o dano material  causado foi de miles e miles de millóns.
 
Hoxe cando a prensa se fai eco de que varias mesquitas, Granada, Sevilla ou Logroño, así como negocios rexentados por musulmáns,  sofren agresións de distinto tipo, ou cando minorías de extrema dereita, criminalizan a toda a comunidade islámica das barbaridades cometidas por uns poucos, moi poucos, hai que recordar o que escribía David Kilcullen. Quenes comenten eses actos  convértense en monicreques, actores, do guión escrito por Al Qaeda ou ISIS. Coas súas accións o que fan é darlle pulo ao fundamentalismo yihadista, converterse en elementos imprescindibles da propaganda radical dos islamistas.
 
Eu estou convencido que a inmensa maioría dos musulmáns que viven en España, sexan españois de orixe ou inmigrantes marroquís, paquistanís ou libaneses, son persoas que repudian os actos de violencia, o terrorismo en todas as súas formas, e que en nada se senten representados por barbaridades como as que unha minoría comete en nome do Islam. 
A comunidade islámica en España, en Bélxica, en Francia e en calquera outro pais europeo é fundamental para combater o terrorismo yihadista. Un combate no que teñen que ser unha comunidade activa, que non permita que os terroristas a usen como agocho, que rexeite contundentemente as proclamas radicais, que se mobilice contra os axitadores extremistas.
Á comunidade musulmán hai que gañala, non criminalizala, non discriminala, non facela allea ao noso país.
 
A loita contra o terrorismo islámico, contra a insurxencia extremista, é unha loita que ten que abordarse de forma conxunta desde moitos ángulos: o militar, o policial, son pezas fundamentias, sen dubida, pero tamén o son a perspectiva social, a político, a cultural, a relixiosa…. Na loita contra o extremismo islámico somos necesarios todos e todas, sen distinción de relixión. O único que sobran son os extremismos, tamén os dos nosos concidadáns.
 
Como sociedade temos que ser conscientes que a convivencia entre diferentes culturas, diferentes modos de vida, entre diferentes relixións non sempre é doada, pero como sociedade democrática que somos temos os recursos para solucionar os conflitos, un deses recursos é social: dar respecto e esixir respecto na diferenza. Como sociedade aconfesional que somos todos temos que saber que por riba do credo relixioso de cada un está a lei común de todos, as normas das que nos dotamos sustentados nuns principios fundamentais.
Dentro da nosa sociedade no cabe criminalizar, facer responsable, a toda unha comunidade polo que fan un poucos. Si así o fixéramos serían eles, os extremistas, os que estarían acariñando da vitoria, serían eles os que levarían as de gañar.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Santa Uxia de Riveira, 1965) foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento entre os anos 1998 e 2005. Profesionalmente estivo ligado á xestión de innovación na Universidade de Santiago de Compostela e foi director xerente da S. A. para o Desenvolvemento Comarcal de Galicia, entre 2006 e 2009. Na actualidade é vicexerente de Recursos Humanos na Universidade de Vigo. Como consultor ten participado na avaliación do I Plan Galego de Cooperación ao Desenvolvemento así como na identificación e formulación de distintos proxectos de cooperación. Ten publicado distintos artigos sobre esta materia en revistas como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior”, “Revista Galega de Emprego”.