Crean en Italia biomateriais antioxidantes e antiinflamatorios con algas de Galicia

Científicos do Istituto Italiano di Tecnologia, en Xénova, presentan os resultados dun experimento cos produtos da empresa galega Algamar para o desenvolvemento de solucións biomédicas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/08/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A combinación de enxeñaría, bioloxía e medicina está dando lugar ao desenvolvemento de biomateriais, substancias de orixe orgánica ou sintéticas cuxa misión é substituír unha parte ou algunha función do noso organismo, de forma segura e biocompatible. Nesta liña de investigación e innovación, científicos do Istituto Italiano di Tecnologia, na cidade de Xénova, veñen de crear biomateriais antioxidantes e antiinflamatorios a partir de algas mariñas de Galicia.

Algas
Algas | Fonte: DUVI.

Os científicos prepararon novos biomateriais a base de algas utilizando un método simple baseado na disolución selectiva en ácido trifluoroacético de polímeros específicos e substancias bioactivas de algas vermellas, verdes e marróns. Esas algas procedían de Galicia e foron adquiridas á empresa Algamar, que traballa na ría de Vigo.

En concreto, utilizáronse tres especies comercializadas por Algamar para avaliar o seu potencial como biomateriais: Porphyra yezoensis (alga vermella), Ulva lactuca (alga verde) e Saccharina latissima (alga parda), cada unha das cales representa un dos tres grupos de algas mariñas.

Nos seus experimentos demostraron que as algas vermellas, verdes e pardas poden ser explotadas para a preparación de biomateriais compostos destinados a usos biomédicos. Para iso, desenvolveron un método sinxelo baseado na solución das algas mariñas en trifluoroacético e mesturado con celulosa. 

Os biomateriais a base de algas mariñas demostráronse totalmente biodegradables en auga de mar nun mes. Os científicos tamén comprobaron que a capacidade antioxidante dos biomateriais desenvolvidos coas algas galegas foi moito maior que a dos materiais prístinos. Por último, os biomateriais de algas pardas mostraron exitosos niveis de biocompatibilidade e actividade antiinflamatoria, cun efecto antiinflamatorio similar aos fármacos comerciais dispoñibles no mercado, o que confirma o potencial destes biomateriais para a fabricación de solucións biomédicas.

ALGAS, UN RECURSO PARA A BIOMEDICINA

Os autores deste experimento enxalzan o potencial da biomasa de algas mariñas para a biomedicina, xa que é un recurso tremendo como materia prima renovable para moitas aplicacións neste campo. De feito, subliñan, as algas son ricas en polisacáridos sulfatados que foron estudados en detalle debido ás súas actividades biolóxicas, como a capacidade antioxidante e actividades antiinflamatoria, anticoagulante, antiviral e contra o cancro, entre outras.

Hoxe en día hai unha tendencia crecente a utilizar polímeros naturais para a fabricación de recursos médicos. Con todo, os investigadores do Istituto Italiano di Tecnologia consideran que non existe información suficiente aínda sobre a explotación total de todas as substancias naturais presentes nas algas mariñas para a fabricación de produtos biomédicos.

Agora, os científicos demostraron que os novos biomateriais a base de algas son totalmente biodegradables e presentan unha alta capacidade antioxidante, ambas as características importantes para a preparación de biomateriais. De feito, a sustentabilidade dos biomateriais é clave para evitar os problemas ambientais relacionados cos materiais tradicionais baseados no petróleo. 

Os resutados preséntanse na revista Algal Research (Volume 27, novembro 2017, páxinas 1-11) nun artigo titulado 'Facile production of seaweed-based biomaterials with antioxidant and anti-inflammatory activities'.

ALGAMAR

A empresa Algamar, cuxa sede se atopa en Pazos de Borbén (Pontevedra) é pioneira no procesado de algas. De feito, foi a primeira empresa no Estado que se especializou exclusivamente na recolección, secado e elaboración de algas mariñas para uso alimentario como verdura.

A sociedade, rexistrada pola Autoridade de Control oficial (CRAE) como Produtor Ecolóxico, foi fundada en 1996 polos irmáns Clemente e Fermín Fernández Sáa e naceu co obxectivo de dar a coñecer o gran valor nutritivo das algas mariñas autóctonas.

No ano 2008, o Departamento de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Santiago de Compostela concluíu e certificou que as algas de Agamar "reúnen as características esperadas dun alimento saudable", cun alto contido de sales minerais e fibra dietética total, apreciable contido de proteínas e baixo contido de Iípidos totais.

En 2009, o Ministerio de Medio Ambiente concedeulle o Premio Biodiversidade como exemplo de innovación e solidez na xestión e respecto dos recursos naturais. Un ano despois, en 2010, como novidade para todo o sector ecolóxico, as algas da empresa galega recibiron a Certificiación Ecolóxica europea, reguada pola Comisión Europea.

Xa no ano 2013, a Fundación Félix Rodríguez de la Fuente recoñeceu a Algamar como Experiencia Exemplar e en 2014 foi seleccionada como unha das empresas protagonistas da economía verde a nivel mundial.

A súa zona habitual de traballo coas algas é a costa sur de Galicia, onde a súa extracción está regulada e supervisada pola Xunta de Galicia cada ano. Desde os seus inicios, a empresa colabora coas Confrarías de Pescadores locais, ofrecendo unha alternativa innovadora fronte a pesca convencional.

Por outro lado, Algamar apostou en 2013 por cubrir a súa fábrica de placas fotovoltaicas de alta eficiencia, que xeran electricidade para a empresa de forma limpa e renovable. En 2014 construíuse unha segunda fábrica e incorporáronse novos secadoiros con sistema de caldeira de biomasa, alimentada con restos forestais da zona, co ánimo de dar un paso máis en favor dos recursos locais e renovables e pola soberanía enerxética.

Nesa liña de coherencia ecolóxica, as publicacións de Algamar (impresión dos seus libros, pósters, catálogos e folletos) fanse en papel certificado ecolóxico FSC, procedentes dunha xestión forestal responsable.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta