Temas: SANIDADE

Acusan á Xunta de entregar a sanidade á empresa privada

A Coordinadora Antiprivatización da Sanidade expresa o seu apoio ás mobilizacións convocadas contra a reforma das áreas sanitarias do Sergas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2017 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

A Coordinadora Antiprivatización da Sanidade cargou contra a reforma do sistema sanitario galego anunciada pola Xunta, á que acusa de regalar "cun lazo" a sanidade pública á empresa privada.

Clínico, Chus
Clínico, Chus | Fonte: Europa Press

A través dun comunicado emitido este sábado, a plataforma expresou o seu apoio ás mobilizacións convocadas en diferentes puntos da xeografía galega para protestar contra unha reforma que, entre outras cuestións, reducirá o número de áreas sanitarias a sete.

Así, denunciou que o anteproxecto "garante definitivamente a participación do sector privado no ámbito da investigación e a educación con axuda de orzamentos públicos", á vez que critica que os consellos de saúde "sigan sendo meros órganos consultivos" sen capacidade efectiva para "a defensa do carácter público da sanidade".

"Non é unha medida de mera reorganización, senón que dá un paso máis na concentración das capacidades de xestión cara á total privatización da sanidade; un camiño no que veñen transitando, desde hai moitos anos, os diferentes gobernos do 'PPSOE'", sinala o comunicado.

Deste xeito, a plataforma apunta que "as reorganizacións administrativas non son neutrais", senón que a reforma "só ten un obxectivo: desmantelar os servizos públicos para beneficio da empresa privada".

Así as cousas, realizou un chamamento a acudir ás manifestacións convocadas nas áreas sanitarias do Salnés, Valdeorras e A Mariña para reclamar a retirada do anteproxecto de lei e, deste xeito, "frear a privatización do sistema".

Con todo, sinala que a hipotética marcha atrás da Xunta na reforma do sistema sanitario galego "só sería un paso" no camiño por conseguir "unha verdadeira sanidade 100% pública", xa que para isto sería preciso a derrogación "da lei 15/97, o decreto do 2012, o artigo 90 da Lei Xeral de Sanidade e o artigo 135 da Constitución".

Temas: SANIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta