Puxa para saber cal é a mellor vaca, a Rubia Galega ou a Asturiana?

Lugo recupera a esencia das súas grandes feiras gandeiras con presenza de máis de 300 reses en Pedrafita do Cebreiro.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 06/09/2017 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

Un total de 300 reses de 40 ganderías procedentes dos Concellos de Pedrafita, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, Samos, Triacastela, As Nogais, Vega De Valcarcel, O Corgo e Cervantes daranse cita o domingo 17 de setembro  no Certame-Exposición de Gando Vacún. Serán reses, tanto de raza Rubia Galega, como Asturiana, das que se valorará a conformación morfolóxica e o potencial de carne e reprodución dos animais. 

Vaca de raza rubia galega co seu cuxo
Vaca de raza rubia galega co seu cuxo

Un dos grandes atractivos da xornada será a poxa de xovencas e xatas preñadas, inscritas no Libro Xenealóxico da Raza Rubia Galega, que presentará ACRUGA. Cada transacción oscila entre os 1.200 ata 2.000 euros por exemplar, posto que estes animais caracterízanse por posuír unha alta calidade xenética e reprodutiva.

Haberá premios aos mellores touros, vacas, xatos e xatas, cunha categoría especial para os exemplares destinados á produción cárnica, así como ao mellor lote de Rubia Galega, ao de raza Asturiana e para a gandeiría que máis animais presente.

A inscrición de máis animais pode facerse dende o día 11 ata o 15 de setembro por teléfono ou no mesmo día ata as 10:00 horas da mañá. Cómpre subliñar que o Concello ofrecerá aos gandeiros unha axuda de 20 euros por animal, ata un máximo de 10 reses, para sufragar os gastos de transporte.

O Deputado de Medio Rural da Deputación de Lugo, Lino Rodríguez Ónega, e o Alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo Magdalena, presentaron este mércores esta nova edición da feira que, como en anteriores edicións, agarda a presenza dunha media de 2.000 persoas na vila. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Loo

A galega sen dubida