Feijóo non ve "unha sorpresa" o novo veto pero tampouco renuncia ao traspaso da AP-9, que seguirá esixindo

Reivindica o "obxectivo conseguido" de que o Goberno asuma as bonificacións das peaxes de Rande e A Barcala

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/09/2017 | Actualizada ás 16:23 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu que a decisión da Mesa do Congreso de volver vetar o debate sobre a transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP-9) a Galicia non lle supón "unha sorpresa" e asegurou que, a pesar das reiteradas negativas do Goberno central, seguirá demandando a transferencia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello | Fonte: Europa Press

"Xa sabiamos que o grupo que apoia ao Goberno non está de acordo con esta transferencia como non o estiveron outros. Non hai ningunha novidade nin ningunha sorpresa", manifestou o xefe do Executivo autonómico, ao termo da reunión semanal do Consello da Xunta.

Contrapuxo que o que si constitúe "unha novidade" é que "a prioridade" da Xunta sexa "eximir aos galegos" de pagar con fondos da comunidade as bonificacións das peaxes de Rande e A Barcala, que asumirá o Goberno central.

"É unha novidade que aprobou o Consello de Ministros e espero, nos próximos meses ou semanas, concretar definitivamente un acordo que suporá un aforro para a comunidade", remarcou Feijóo.

"NON IMOS A CAMBIAR DE OPINIÓN"

Feijóo subliñou que lograr que Galicia deixe de pagar "algo que non é" dos galegos --en alusión ás bonificacións das peaxes-- é xa "un obxectivo conseguido", pero recoñeceu que falta o traspaso. "Son os dous ítems, conseguimos o primeiro de momento", incidiu, antes de engadir que "a lexislatura aínda non terminou".

A continuación, asegurou que continuará polo "camiño" iniciado e seguirá demandando a transferencia da AP-9. "Non imos cambiar de opinión porque é unha opinión referendada nas urnas e, mentres non consigamos a transferencia da AP-9, seguirémola demandando de forma clara", resolveu.

NOVO VETO AO DEBATE

A Mesa do Congreso acordou de novo que non procede a toma en consideración polo pleno da proposición de lei orgánica de transferencia da titularidade e das competencias da autoestrada AP-9 a Galicia, presentada polo Parlamento autonómico.

A decisión foi adoptada na reunión da Mesa do pasado martes 5 de setembro, e remitida este xoves (nove días despois) á Cámara galega.

Nunha resolución que asina a presidenta da Cámara Baixa e deputada do PP por Pontevedra, Ana Pastor, a Mesa rexeita que se tome en consideración polo pleno a citada proposición de lei "expresada polo Goberno a súa desconformidade".

De feito, establece que, "de acordo co criterio incluído" no informe que elaborou no seu día o Ministerio de Fomento, "a aprobación desta proposición de lei suporía un aumento dos créditos orzamentarios". Foi por isto polo que o Goberno non prestou a súa conformidade para a súa tramitación, "en virtude do disposto no apartado sexto do artigo 134 da Constitución".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta