A Xunta confía en que Galicia conte en 2018 cun novo modelo de emerxencias "profesional" e "estable"

Unha comisión integrada por todas as administracións traballará nun novo sistema para dar "cobertura total" a todo o territorio galego

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2017 | Actualizada ás 15:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A Xunta, as deputacións e as administracións locais traballarán na creación dun novo modelo de emerxencias "profesional" e "estable" que sexa capaz de achegar unha cobertura "do cento por cento" do territorio galego "nun tempo razoable".

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press

Así o avanzou o vicepresidente galego, Alfonso Rueda, ao termo da reunión da Comisión Galega de Protección Civil celebrada este luns na sede da Escola Galega de Administración Pública, en Santiago.

Nela acordouse a creación dun grupo de traballo para a creación do "novo mapa de emerxencias de Galicia" que terá un obxectivo claro: "que todo o territorio galego teña unha cobertura de emerxencias profesional e nun tempo razoable", segundo relatou Rueda.

A comisión, que empezará a reunirse "nun prazo relativamente curto", estará formada por sete representantes da Xunta, outros sete das administracións locais, catro das deputacións e tres designados entre todos os concellos.

Deste xeito, no último trimestre do 2017 comezará a definirse un novo modelo que Rueda confía en que estea listo para o próximo ano, á vez que celebrou a boa acollida que tivo a medida entre as diferentes institucións implicadas.

"Pódense chegar a acordos deixando ao carón diferenzas políticas que todos podemos ter pero que en materia de emerxencias ese non debería ser o criterio", apostilou, para logo remarcar as emerxencias implican "esforzos orzamentarios" que todas as administracións deben afrontar.

Así, como apuntou, o arranque deste grupo de traballo coincide cun momento no que tanto a Xunta como os concellos se atopan en proceso de elaboración dos orzamentos para o próximo ano, polo que algúns "temas" do novo modelo poderían contar xa cunha partida nas contas para 2018, ano no que o sistema debería estar "xa definido e cos compromisos que debe asumir" cada ente implicado.

PARQUES DE BOMBEIROS

"Hai temas que xa están bastante discutidos, non son algo novo pero faltaba tomar decisións executivas. Non pretendemos solucionar en tres meses o que leva 15 anos discutíndose. Pero temos esa vantaxe, como hai temas que xa coñecemos, que vaian rápido", declarou.

Entre estas cuestións está, segundo Rueda, que os parques de bombeiros das cidades galegas tamén se encarguen de atender as emerxencias que xurdan nos municipios da súa contorna "sen descoidar" a atención dos seus propios concellos.

"Un dos obxectivos do grupo de traballo é expor ás cidades este modelo. É algo do que se leva falando moito tempo", remarcou, para logo engadir que confía en "dar estabilidade" á 'comarcalización' dos parques das cidades.

"CAMBIOS AMBICIOSOS"

Lograr un novo modelo "profesional", "estable" e que cubra todo o territorio de Galicia require, para Rueda, "un asesoramento técnico" e "vontade política" para afrontar "cambios ambiciosos" respecto do que "se está facendo agora" .

Por outra banda, a reunión ordinaria do Consello da Comisión Galega de Protección Civil celebrada este luns tamén aprobou a creación de plans para empresas con risco na súa actividade, así como programas de actuación para concellos con risco de inundación por estar situados nas proximidades de encoros.

Así mesmo, tamén se deu luz verde aos plans de emerxencia para atallar grandes incendio forestais que afecta a "varios concellos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta