Situación crítica para os traballadores de El Correo Gallego

Os empregados do histórico xornal da capital galega levan sen cobrar desde febreiro. Algúns mesmo advertiron da necesidade de acudir ao Banco de Alimentos se non reciben os seus salarios. GC falou coa xerencia do medio.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 20/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Seis meses. Ese é o tempo que levan os traballadores de El Correo Gallego agardando a cobrar as súas nóminas. Non é a primeira vez que sofren unha situación semellante. Xa no pasado ano houbo importantes atrasos nos seus salarios que levaron a moitos deles a buscar outras saídas laborais. E todo, pola mala situación económica que está a atravesar esta empresa.

José Manuel Rey Novoa
José Manuel Rey Novoa | Fonte: lacapitalmd

El Correo Gallego leva meses tentando renegociar unha parte da súa gran débeda --que era de máis de 26,8 millóns de euros a decembro de 2015-- cos bancos, nomeadamente con ABANCA e Lico Leasing, para garantir a súa viabilidade. Pero tamén coa Seguridade Social. De feito, o importe chegou a ser de tal importancia que este organismo decidiu proceder a embargar bens de Editorial Compostela, a propietaria do medio.

A falta de liquidez do xornal provocou que iniciara medidas laborais cos seus traballadores para tentar reducir a débeda, ademais de buscar outras alternativas, como a venda de activos e propiedades do grupo. No que respecta aos traballadores, o grupo El Correo propuxo primeiro un ERE parcial, que tiveron que cumprir case a totalidade da plantilla. De feito, algúns deles, no caso de ir ao paro nestes momentos non terían xa posibilidade de subsidio económico.

Posteriormente comezaron os atrasos nas nóminas. Unha situación que provocou a mobilización dos traballadores e a primeira gran protesta pública dos mesmos. A empresa comprometeuse entón a pagar. E fíxoo durante algúns meses... Ata febreiro. Desde entón, volveron os atrasos de varias nóminas, así como unha parte da extra de Nadal que non cobraron todos. 

De feito, é tal a situación de desesperación dalgúns traballadores que algúns deles, segundo puido contrastar GC por varias fontes, dixeron que se vían na necesidade de ir ao Banco de Alimentos. “A empresa xa sabe esa situación e comentoulles que, en todo caso, antes de ir ao Banco de Alimentos, que falen coa dirección para tentar solucionar o tema”, suliñaron fontes consultadas.

Feijóo nunha gala de entrega dos premios Gallegos del Año, organizada polo Grupo Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego
Feijóo nunha gala de entrega dos premios Gallegos del Año, organizada polo Grupo Editorial Compostela, matriz de El Correo Gallego

Algúns empregados mesmo chamaron directamente a este medio para que informemos da súa situación. “Estamos desesperados e non sae publicado por ningún sitio o mal que o estamos pasando. Algúns tivemos que ir a vivir de novo cos nosos pais para poder chegar a final de mes”, apuntaron en declaracións a este medio. GC púxose en contanto con membros do staff directivo do xornal que nos remitiron ao director e ao xerente. Finalmente, puidemos falar co xerente, Ángel Remesar, que declinou dar a versión do medio sobre o que está acontecendo coa situación laboral dos traballadores.

Meses de protestas

A grave situación que atravesa El correo tivo momentos tensos.  De feito, e tras varios comunicados internos do Comité de Empresa, a dirección decidiu mandar outra circular moi dura na que acusaba á representación dos traballadores de “mentiras e acusacións delirantes” e de “entorpecer a busca de financiamento”. 

E isto sucede cando os traballadores levan sufrindo en silencio durante moitos anos e despois de que nas últimas xuntanzas que mantivo o Comité de Empresa coa dirección do grupo, se insistira na necesidade de que se asuma un compromiso de pago destes salarios atrasados. Un compromiso que o xornal é reacio a asumir.

Débedas

ABANCA -a entidade resultante da privatización da nacionalizada Novagalicia Banco- sumaba en decembro de 2015 máis de 16,3  millóns do saldo deudor do grupo editorial, que son en total 22,2 millóns en débedas aos bancos.  Segundo contas da propia empresa isto é “aproximadamente o 85% do pasivo con entidades financeiras”.

Ademais, El Correo Gallego tamén tivo que facer fronte aos embargos por parte da Seguridade Social. Así, pediu que se lle levantara esta prohibición que, finalmente, foi aceptada, tras a concesión dun aprazamento de cuotas. Actualmente, as débedas pendentes con este organismo son de 972.589,52 euros segundo documentación á que tivo acceso GC.

Nas negociacións co seu principal acreedor, Abanca, Editorial Compostela negociou obter unha carencia de 24 meses no pago de intereses, así como conseguir unha rebaixa substancial dos tipos de interese. En 2014, os contables advertían explicitamente que a posición de Editorial Compostela era tan mala que a empresa estaba, en realidade, en situación de disolución.

Aportacións extras

Unha situación que se aliviou en parte en 2015 tras a aportación por parte do principal accionista, a familia Barrera, dun préstamo participativo de 600.000 euros, que aportou algo de liquidez e reforzou o equilibrio patrimonial. Tamén co despido ou a saída voluntaria de traballadores. De feito, a intención da dirección do grupo mediático era desfacerse, a principios de ano, de entre 30 e 40 traballadores dunha plantilla que, na actualidade non chega ás 200 persoas tras os recortes dos últimos anos. Nestes meses houbo despidos pero, sobre todo, saídas voluntarias de traballadores que levaban seis nóminas sen cobrar. 

Ademais, Editorial Compostela tivo que desfacerse da súa sede central, un histórico edificio no centro de Santiago para tentar saldar esas débedas. Actualmente, a sede do xornal atópase nunha nave que se atopa no Polígono Industrial de Costa Vella, ás aforas da cidade.

Publicidade 

A outra gran baza do xornal son os ingresos publicitarios e, especialmente, as subvencións públicas que seguen sendo moi importantes por parte da Xunta de Galicia. De feito, en 2015 obtivo un pequeno beneficio, uns 36.000 euros por “un axuste positivo moi importante ao ter contado neste exercicio con diversas subvencións institucionais”. Unha situación que é completamente diferente por parte do Concello de Santiago que disminuíu enormemente as subvencións a este xornal, a diferencia do que pasou cos gobernos anteriores. Unha situación que motivou un forte enfrontamento, que aínda continúa, entre o medio e o actual rexedor compostelán, Martiño Noriega.

Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com
Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com Antiga sede de El Correo Gallego na céntrica rúa Preguntoiro de Santiago / paxinasamarelas.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta