Cal é o plan da Xunta para controlar os alimentos que consomen os galegos?

Deseña un documento que pretende manter baixo vixilancia todos os sectores e etapas da cadea de produción de pensos e alimentos, así como a etiquetaxe, a hixiene e o benestar animal e sanidade vexetal.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/09/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Os distintos problemas de calidade alimentaria xurdidos en distintos espazos públicos e privados puxeron en alerta á Xunta sobre a necesidade de aprobar un protocolo de actuación. Un protocolo que ven sendo demandado por distintos sectores e que servirá para planificar, controlar e regular os produtos alimentarios, desde a súa orixe ata a súa consumición.

Carne da IXP de Ternera Gallega
Carne da IXP de Ternera Gallega

Este protocolo será a base do futuro Plan de control da cadea alimentaria en Galicia e un dos seus principais obxectivos é verificar que os operadores comerciais que interveñen na cadea alimentaria, desde a granxa á mesa, cumpren cos requisitos que establece a normativa vixente no eido da seguridade alimentaria. Isto inclúe pensos, alimentos e benestar dos animais, como garantía de que os produtos postos a disposición do consumidor son seguros e conteñen toda a información obrigatoria, o que supón un elevado nivel de protección da saúde. 

Por iso, a Xunta pretende controlar todos os sectores e etapas da cadea de produción de pensos e alimentos. Isto inclúe aspectos relacionados coa seguridade alimentaria, a hixiene, a calidade e os requisitos de composición, a etiquetaxe e a protección das indicacións xeográficas das denominacións de orixe e da agricultura ecolóxica, así como os relacionados coa saúde e benestar dos animais e a sanidade vexetal. 

O documento, que xa coñece o presidente da Xunta, foi elaborada de forma conxunta polas consellerías responsables das actividades de control oficial, que son a de Sanidade, a de Economía, Emprego e Industria, a do Medio Rural e a do Mar. O principal interese do Goberno galego é certificar que os alimentos que chegan aos cidadáns son seguros e de calidade e, de paso, facilitar a promoción da industria agroalimentaria. Tamén tentar reducir os riscos presentes nestes alimentos e garantir, a través de ensaios de laboratorio, que a información facilitada ao consumidor por calquera soporte sexa veraz. 

Riscos alimentarios

O plan establece unha frecuencia dos controis sanitarios e unhas prioridades, baseándose nos riscos vinculados aos establecementos alimentarios e aos produtos alimenticios destinados ao consumo humano. Distingue entre risco xenérico, aquel inherente ao establecemento polo tipo de categoría e actividade que desenvolve e ao sector a que pertence, e específico, o asociado a un establecemento en particular polo tipo de produtos que pon á disposición do consumidor, polo seu funcionamento ou o polo resultado das inspeccións e auditorías. 

Produtos nun supermercado
Produtos nun supermercado

O documento, tal e como recolle o DOG,  inclúe unha organización das distintas autoridades competentes que interveñen no control oficial de pensos e alimentos e unha relación dos recursos humanos e materiais con que contan as unidades responsables do control para desenvolver as súas tarefas.  No que atinxe á coordinación, nas actividades de control oficial da cadea alimentaria interveñen unidades encadradas en distintas administracións (nacional, autonómica, local) e dispersas, moitas veces, en distintas dependencias (ministerios, consellerías etc.), polo que, para a Xunta, “a cooperación é unha ferramenta imprescindible”.

O plan inclúe, polo tanto, un apartado cos instrumentos de coordinación que existen entre as distintas consellerías con competencias na cadea alimentaria e defensa dos consumidores, así como coa Administración xeral do Estado e os corpos e forzas de seguridade, como a Mesa de Coordinación do Control da Cadea Alimentaria ou os distintos órganos de coordinación existentes na Aecosan para o tratamento de temas relacionados coa seguridade alimentaria. 

A Xunta ten a intención de desenvolver este plan ao longo de catro anos. A súa revisión farase no ano 2020 coa avaliación dos seus resultados e a comprobación do grao de cumprimento do planificado e da eficacia do sistema. 

Produtos dunha froitería
Produtos dunha froitería
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta