O Celta golea o Éibar

Os celestes, con tres tantos a balón parado no primeiro tempo, gañan 0-4 en Ipurua e suman a segunda vitoria da Liga, a primeira lonxe de Balaídos. Reapareceu Guidetti trala súa lesión. O venres, o Girona en Balaídos.

Por gcdeportes | Vigo | 24/09/2017 | Actualizada ás 22:50

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
SD Eibar 0:
Dmitrovic; Capa, Oliveira, Gálvez, Cote (David Juncá, 46’); Dani García , Escalante; Bebé, Charles (Joan Jordán, 62), Inui (Sergi Enrich, 37’) e Kike García.
RC Celta 4: Rubén Blanco; Hugo Mallo, Cabral (Fontás, 64’), Sergi Gómez, Jonny; Lobotka, Daniel Wass, Tucu Hernández (Jozabed, 74’); Iago Aspas, Pione Sisto e Maxi Gómez (Guidetti, 75’).
Goles: 0-1: Cabral (minuto 17). 0-2: Pione Sisto (23’). 0-3: Tucu Hernández (39’). 0-4: Daniel Wass (72’).
Árbitro: David Fernández Borbalán. Amarelas a David Escalante (11’) e Dani García (28’) nos locais e a Gustavo Cabral (18’) nos celestes.
Incidencias: partido da sexta xornada no estadio de Ipurua ante 5.345 espectadores.

Punto de inflexión en Ipurua para mirar cara a arriba. O Celta firmou unha contundente goleada (0-4) na súa visita a Éibar: tres goles a balón parado no primeiro tempo e portaría a cero por segunda vez na Liga. As dúas vitorias celestes (Alavés e Eibar), chegaron coa porta a cero. O Celta suma sete puntos en seis xornadas e afástase dos postos de descenso. O venres, antes do parón polos partidos de seleccións, o Girona visita Balaídos.

Cabral celebra cos seareiros celestes o primeiro gol.
Cabral celebra cos seareiros celestes o primeiro gol. | Fonte: lfp.es

Tras uns primeiros minutos nos que os locais levaban o peso do partido, o Celta golpeou na moral eibarresa: falta lanzada por Pione Sisto que remata coa testa Cabral ao fondo da rede. Primeiro remate entre paus no minuto 17, e 0-1. O Eibar mandou un balón ao pau, pero axiña se repetiu a historia: falta dende un lugar semellante, de novo lanzada por Pione Sisto, toca lixeiramente Sergi Gómez, bota na área pequena e gol. A acta arbitral concedeulle o gol a Pione Sisto. Segundo remate entre paus no minuto 23, e 0-2.

O Eibar puido meterse no partido, cando Escalante rematou un balón ao pau coa testa ou cando Kike García tivo un man a man con Rubén Blanco, titular por primeira vez na Liga, que marchou fóra por pouco. Ademáis, Mendilibar apostou por Sergi Enrich para ter máis remate. Pero apenas dous minutos despois, no 39, o Celta fixo enmudecer Ipurua e sentenciou o choque: centro de Pione Sisto tras un córner e remate só de Tucu Hernández no segundo pau.

David Juncá saiu no descanso para buscar a proeza que necesita o Éibar, pero os celestes manexaron ben a renda e sen demasiados apuros. Fontàs entrou por Cabral, que tiña unha amarela dende a celebración do seu gol cos seareiros celestes. Segundo ían pasando os minutos, os eibarreses perdían as poucas esperanzas que lles quedaban, e máis aínda cando Daniel Wass marcou o 0-4 no minuto 72 tras centro dende a dereita de Hugo Mallo. Nos últimos quince minutos, outra boa nova para o Celta: a estrea de John Guidetti na Liga tras recuperarse da súa lesión no ombreiro.

A afección celeste celebra a vitoria do Celta en Ipurua.
A afección celeste celebra a vitoria do Celta en Ipurua. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Julen

Lamentablemente non puiden ver o xogo, tiven que conformarme con recibir as notificaciones no traballo grazas á aplicación MARCA para Android. Boa sorte que puiden descargar a MARCA APK ( https://apkrules.com/marca/ ) no tempo, se non, perderi o gol marcado por Wass. Incrible !!