Protestas en Galicia polo abandono dos refuxiados

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas convoca concentracións diarias para pedir que se cumpran os plans de acollida a persoas que foxen por mor das guerras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/09/2017 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O pasado ano tan só chegaron a Galicia 88 dos 1.600 que chegaron ao Estado durante o 2016.  En dous anos, España só acolleu a 1.983 persoas refuxiadas de máis de 5.500.000 persoas vítimas da guerra que tiveron que saír do seu país e piden refuxio.

Unha nai sostén o seu fillo tras unha tormenta que arrasou o campo de refuxiados de Idomeni
Unha nai sostén o seu fillo tras unha tormenta que arrasou o campo de refuxiados de Idomeni | Fonte: Miguel Núñez.

Por iso, e ante a falta de compromiso das autoridades, a Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas anunciou a convocatoria dunha concentración diaria na Praza do Toural en Santiago de Compostela ás 20 horas, desde o martes 19 ao día 26 de Setembro. Segundo apuntou esta entidade, cada día soará unha alarma e leerase un manifesto. O deste luns contará  coa presenza de Marilar Aleixandre e o do martes, día 26, con Carlos Blanco.

Desde a Rede destácase que 1.983 persoas é “unha cifra miserable, ridícula” para as capacidades de acollida dun Estado como o Español, que recibe anualmente máis de 60 millóns de turistas e cun potencial demográfico de máis de 45 millóns de habitantes. Considera “totalmente inxustificable a desidia máis absoluta, a falta de humanidade do goberno español, diante ademais dunha importante resposta solidaria por parte da sociedade civil”.

“Impresentable” o trato con Turquia

Tamén cualifica coma “impresentable” o acordo da Unión Europea con Turquía (asinado en marzo do 2016). “Os europeos pechamos as nosas fronteiras e enviamos de maneira forzosa á xente para Turquía, a campos de concentración de onde non poden saír. Consideran que desta maneira estableceuse unha fronteira terrible (un inmenso campo de concentración de persoas) nun país alleo á U.E. e no que as garantías democráticas están seriamente comprometidas”, indica nun comunicado.

Neste sentido, lembra que as fronteiras que provocan mortes tamén as hai no Estado Español, e, di, “son responsabilidade dun goberno que ademais, coma outros europeos, orixina as situacións de guerra, morte e miseria coa súa propia política exterior , dos países da U.E. e do chamado Mundo Occidental”.

A Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas está conformada por máis de 70 colectivos sociais e ONGs, e leva case dous anos denunciando esta situación e defendendo de “rachar as fronteiras e rexeitar a guerra”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 anonimo7392

Pregunta: ¿a cuántos refugiados acogen en sus viviendas los integrantes de esa Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas? Ya lo dice el refrán, una cosa es predicar y otra dar trigo.

1 Anónimo7391

Non te preguntes a cantos refuxiados acollen eses integrantes, pregúntate, a cantos refuxiados acolles ti?