Estas son as armas da oposición contra Feijóo no inminente debate de Estado da Autonomía

A creación de emprego e a loita contra a precariedade laboral, o declive demográfico e a situación dos servizos públicos son tres dos principais aspectos nos que se centrará a oposición durante o Debate sobre o Estado da Autonomía, que dará inicio o mércores da próxima semana. O PPdeG espera que permita evidenciar que as súas políticas permitiron a Galicia "avanzar na recuperación" e aumentar gasto social.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/09/2017 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

Nesta cita, que abrirá o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cunha intervención na que repasará as consecuencias da súa política durante o último ano, o noveno que afronta como mandatario, os portavoces de todos os grupos parlamentarios terán a ocasión de contrapor a súa visión e de achegar as súas alternativas.

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en el pleno.
El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en el pleno.

PRIORIDADES DE VILLARES, LEICEAGA E PONTÓN

Como representante da segunda forza, o portavoz de En Marea, Luís Villares, aproveitará para denunciar que "a evolución de Galicia desde que Feijóo a preside é a dun país menguante". Tampouco esquecerá --avanzou a Europa Press-- "as promesas incumpridas" no rural, o "descenso demográfico" e os seus "ataques á sanidade pública".

En paralelo, o representante do PSdeG no debate de política xeral, Xoaquín Fernández Leiceaga, tamén reparará en que hoxe Galicia ten menos empregados (uns 121.400) que cando Feijóo se trasladou a Monte Pío, ademais duns 130.000 mozos menos, o que evidencia o "fracaso" das súas políticas.

Pola súa banda, a portavoz do BNG, Ana Pontón, falará dunha Galicia "debilitada" nos terreos económico, social e político a consecuencia das medidas postas en marcha por Feijóo. "Hai un problema grande relacionado coa precariedade e coa emigración, que pon o foco sobre a desigualdade e o malestar social crecente", salientou.

Pleno Del Parlamento De Galicia Del 26 De Abril De 2017
Pleno Del Parlamento De Galicia Del 26 De Abril De 2017

O contrapunto porao Pedro Puy, a voz dos populares no Pazo do Hórreo, quen centrará a súa intervención en demostrar como as decisións tomadas polo goberno de Feijóo "están a permitir a Galicia avanzar na recuperación". E, para que esa mellora económica se traslade aos cidadáns, porá en valor o aumento do gasto social.

"UN DELEGADO DO GOBERNO"

Máis en detalle, para o portavoz do partido instrumental, o primeiro ano da que é a terceira lexislatura de Feijóo á fronte da Xunta deixa a "moita xente decepcionada" xa que, na súa opinión, o líder dos populares galegos "simplemente goberna como un sucursalista do Estado, coma se fose un delegado do Goberno".

"Creo que hai moita xente que, lexitimamente, confiou nas súas promesas electorais porque pensaba que ían garantir servizos como a sanidade ou a educación. Con todo, pasou un ano e vemos que non hai nada, nada de nada", censurou o maxistrado en excedencia.

Por iso, avanzou que a súa formación buscará coas súas propostas deixarlle claro á cidadanía galega que, como "primeira forza da oposición e como forza de goberno", En Marea "é a alternativa" a un PP que, segundo criticou, "só atende ao seu interese particular".

Respecto diso, despois da rifa que protagonizou co presidente na sesión de control da pasada semana, Villares recoñeceu que será difícil que os populares acepten as súas medidas dado que "Feijóo só se escoita a si mesmo". "Está ebrio da súa maioría", sentenciou.

Fronte a iso, pediu a Feijóo que "volva á cordura parlamentaria", ao considerar que "leva un mes instalado na descualificación" e "tentando manchar o pasado doutros portavoces dos que discrepa politicamente", algo que interpretou como "un símbolo de autoritarismo evidente".

"FRACASOS CLAMOROSOS"

Para fixar a postura do PSdeG, Leiceaga chamará a atención sobre "o principal problema" de Galicia, o emprego, particularmente o dos mozos e os parados de longa duración. E, tras apuntar que hai 121.400 persoas menos traballando que en 2009, recalcou que ao ritmo actual a recuperación dos postos perdidos demorarase "máis de oito anos".

Ao "fracaso" da estratexia laboral de Feijóo uniu --en declaracións a Europa Press-- a das súas políticas demográficas, como proba o feito de que hai 130.000 mozos menos en Galicia; e tamén "os fracasos clamorosos" na xestión dos servizos públicos.

"Debería indicarnos como pensa afrontar estas dificultades", incidiu, antes de dar por feito que o presidente sacará "algún coello da chistera" e tratará de "ocultar os problemas de Galicia" valéndose do desafío catalán. "Creo que vai facer a operación de mercadotecnia e propaganda á que nos ten acostumados", concluíu.

Fronte a iso, deixou claro que o seu grupo presentará iniciativas en materia de emprego, de política industrial, sobre os sectores produtivos, de mellora dos servizos públicos e en relación ás peaxes da AP-9.

Finalmente, Leiceaga fixo votos por que o debate sirva para que cada grupo poida explicar a súa visión sobre a situación na que se atopa o país e as solucións de futuro que achega. Trátase, segundo as súas palabras, de que a xente vexa aos deputados "razoar, propor" en lugar de emular a praxe política americana.

GALICIA "DEBILITADA"

En representación do Bloque, Pontón advertirá de que Feijóo "ten raptada a Galicia pola estratexia do PP". "E esta submisión fainos perder oportunidades, vai en contra dos nosos intereses e é un lastre para que podamos avanzar", asegurou, para criticar que a "única maioría absoluta do PP en España supoña a Galicia un recortazo de 400 millóns en investimentos, atrasos no AVE e o veto sobre a AP-9".

É por iso que proporá na Cámara "romper con esa situación" nun momento que considera "histórico". "É evidente que, si ou si, vai abrirse unha reforma do marco territorial, e cremos que Galicia ten que aparecer como nación, defendendo o dereito e a capacidade de decidir sobre aqueles asuntos que son importantes para mellorar a vida dos galegos", sinalou.

Para que "Galicia non se baixe do tren das nacións e que a sitúen no vagón de cola dese rexionalismo que practica Feijóo", o BNG volverá defender outro modelo de financiamento, "apostando pola cota", "medidas a favor da igualdade, a loita contra a violencia de xénero, contra a precariedade e unha aposta polo emprego e o salario digno".

Con todo, recoñece que "sería un milagre" que o PP aceptase "algunha proposta" da oposición, xa que, como lembrou en referencia ao discurso de investidura de Feijóo, o presidente "ofrece diálogo pero despois sempre vota en contra das iniciativas dos demais". "Para el, o diálogo é a imposición das súas ideas", resolveu.

UN CRECEMENTO "RELEVANTE"

Finalmente, Pedro Puy espera que o debate de política xeral sirva para pór de relevo como as medidas impulsadas pola Xunta favoreceron a "superación" da crise.

De feito, como apuntou, a comunidade experimenta xa taxas de crecemento "relevantes", por encima do tres por cento, sen que fose necesario "endebedarse máis" ou incumprir os límites de déficit.

Así é que, aínda que Puy Fraga non quixo augurar se o presidente fará grandes anuncios, recalcou que "a principal noticia é que agora a economía vai cara arriba".

A partir de aquí, toca "ser capaces" de manter ese crecemento e "facer sustentable" o Estado do Benestar, que depende de forma "fundamental" das medidas que se poñan en marcha en cada autonomía.

UN PLENO BRONCO?

En canto á posibilidade de que as tensións vividas no último pleno se reproduzan nesta sesión, o dirixente popular cuestionou "o ánimo dalgúns" de "polarizar" os enfrontamentos dialécticos.

"Nós non afrontamos o debate con ánimo de polarizar, senón de render contas e de buscar acordos, ou propor accións que reúnan o máximo apoio posible", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anti...

O presidente feixon que escolleu outro camiño pra Galiza , a iirelevancia política, social e económica, etc,etc. O narcochofer xuiz fustrado e encufado na administración polo seu padriño político o franquista romay beccaria.