A resaca da folga xeral

Despois do 29 de Setembro, Zapatero tiña dous problemas.Ademais da inmisericorde pingueira de estatísticas negativas que destila dende hai meses a crise económica, o máximo dirixente do PSOE debía xestionar a resaca dunha folga xeral que, a pesar de non ter a dimensión desexada polos seus convocantes, representaba unha indiscutíbel demostración de malestar e desafección nunha parte relevante da base electoral que lle permitiu o acceso á Moncloa nos anos 2004 e 2008.

Por Xesús Veiga | Santiago | 25/10/2010

Comparte esta noticia

Necesitaba practicar a vella máxima lampedusiana de cambiar algo para que todo siga igual.Non podía reducir a lista de altas gobernamentais á persoa substituta do superamortizado Corbacho.Tampouco podía xubilar aos mais directos executores da política económica para non provocar desconfianza nas autoridades de Bruxelas e nos mercados financeiros.Con eses limites, estaba obrigado a preparar un cóctel variado que lle permitira tomar a iniciativa no decisivo territorio da imaxe e colocar ao PP na tesitura de reconstruír parcialmente o seu argumentario.A dupla circunstancia de que o novo ministro de Traballo sexa un dos manifestantes contabilizados na xornada do 29-S e de que a sucesora de Julio Anguita na alcaldía de Córdoba asuma unha carteira ministerial resulta suficientemente ilustrativa a respeito do obxectivo central da remodelación:buscar a reconciliación cos segmentos do electorado que, a día de hoxe, están dubidando entre a abstención ou o desprazamento cara outras opcións que consideran ubicadas no universo da esquerda.

Nesta operación cosmética, Rodríguez Zapatero paga algunhas peaxes simbólicas non previstas na súa inicial folla de ruta presidencial:a redución do número de mulleres no gabinete, a devaluación formal do departamento de Igualdade e o regreso triunfal da xeración felipista.A cambio, aproveita esa singular “caixa B” que posúe dende hai anos o Partido Socialista no vello PCE e consegue incorporar a Rosa Aguilar a pesar da nula fasquía socialdemócrata das medidas que conforman, neste momento, a axenda económica gobernamental.

Co que agora está chovendo, a recomposición da base electoral do ano 2008 semella misión imposíbel.O gran mudo Rajoy confía nos efectos demoledores da contundente taxa de paro e na fidelidade dos seus votantes, capaces de aguantar a corrupción do Gürtel e as noxentas arroutadas de todos os alcaldes de Valladolid que habitan na galaxia do PP.O único problema para D. Mariano é se a dose exhibicionista das miserias do seu partido resucita aos desencantados co goberno Zapatero.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.