Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/10/2017 | Actualizada ás 14:06
Cómpre lembrar que aproximadamente uns 200 policías e gardas civís galegos están servindo en Cataluña ao fío do referendo de independencia.
UNIDADE SINDICAL
As concentracións de hoxe están convocadas por parte de case todos os colectivos da Policía Nacional: SUP, CEP, UFP, SPP e ASP. Reclaman, enarborando a unidade de acción, unha “resposta contudente do Estado ante o maior atque sufrio pola Policía Nacional nos máis de 150 anos de historia ao servizo dos españois”.
Os sindicatos advirten que se deben tomar medidas urxentes contra a “persecución e sinalamento” que din están a sufrir os policías en Cataluña. Cómpre lembrar que o presidente da Generalitat pediu este luns a retirada das forzas desprazadas co gallo da consulta despois da súa actuación, que deixou centos de feridos.
A vicesecretaria do SUP Galicia, o sindicato máis numeroso na policía en Galicia, indica que os policías “están facendo o seu traballo e cumprindo un mandato xudicial”. Sandra Castro argumenta que as cargas producíronse porque hai resolucións xudiciais que din que “non se podía votar, non se podía facer eleccións”.
Castro, en declaracións a RNE, critica a labor dos Mossos ao lembrar que os policías “non contaban co apoio de todos os que tiñan que estar presentes, e continúan sen telo”. De non tomaren medidas, os policías din que pedirán a dimisión do seu director, do Ministro do Interior e incluso do Presidente do Goberno.
SANTALICES PIDE RESPECTO Á LEI
Por outra banda, o presidente do Parlamento Galego pronunciouse hoxe en contra dos pasos cara a independencia consumados pola cámara catalana e a Generalitat. “Sobre os servidores públicos recae un especial responsabilidade de respetar as leis” dixo Miguel Santalices. O deputado do PPdeG alertou que “á marxe do dereito só queda a arbitrariedade e o totalitarismo”.
“NON QUITARLLE NADA A NINGUÉN PARA DARLLO A GALICIA”
Sobre unha eventual negociación que redefina o mapa de España, o vicepresidente da Xunta dixo esta mañá que o goberno galego estará “atento”. Alfonso Rueda presumiu que “seremos os primeiros en defender aquelo que lle corresponde a Galicia, pero non contra ninguén, non para sacarllo a ninguén e darllo a Galicia”. O número 2 do PPdeG recoñeceu que era inevitable que o tema catalán se aborde no Debate de Estado da Autonomía, que comeza mañá.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.