Gravan en Galicia por primeira vez no mundo unha balea con vitilixe

Os científicos do Bottlenose Dolphin Research Institute cualifican de "extremadamente raro" este caso. Tamén avistaron, entre outras especies, un exemplar de Dermochelys coriacea, a tartaruga máis grande do planeta. Vídeo e fotografía do BDRI.

Por Alberto Quian | O Grove | 09/10/2017 | Actualizada ás 12:16

Comparte esta noticia

As augas galegas non deixan de sorprender aos científicos nos últimos tempos. Logo dos sorprendentes avistamentos de baleas azuis nas semanas pasadas, agora un equipo do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) volve aportar imaxes excepcionais, únicas no mundo, dun exemplar de rorcual común (Balaenoptera physalus) con vitilixe, unha afección cutánea que se caracteriza pola presenza de manchas brancas sen pigmento, rodeadas dun bordo de cor normal ou máis escura.

Exemplar de rorcual común (Balaenoptera physalus) con vitilixe
Exemplar de rorcual común (Balaenoptera physalus) con vitilixe | Fonte: BDRI.

As imaxes foron gravadas o pasado 7 de outubro, nunha das saídas do BDRI para o avistamento e rexistro de distintas especies nas augas galegas. Durante a travesía, os científicos identificaron un rorcual "extremadamente raro con vitilixe".

"Polo que sabemos, esta é a primeira balea de aleta con vitilixe gravada e filmada no mundo", anunciaron dende o BDRI.

TARTARUGA XIGANTE

Durante a mesma xornada de investigación de campo houbo outra gran sorpresa: o avistamento dun exemplar de tartaruga mariña de coiro (Dermochelys coriacea), a máis grande das tartarugas no planeta.

Tamén houbo outros avistamentos sorprendentes dunha balea de aleta nova alimentándose na superficie, centos de golfiños comúns, decenas de toniñas comúns e un grupo de arroaces que seguiu ao equipo do BDRI até o porto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta