Temas: FARMACIA XUNTA

Como será o novo mapa farmacéutico?

A Xunta autoriza a apertura de 41 novas farmacias. Situaranse en parroquias que carecen de oficina de farmacia ou naquelas que, contando con ela, a proporción de habitantes por oficina incluída a nova, supere nun 25% a poboación existente na parroquia de maior poboación que non a teña.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/10/2017 | Actualizada ás 09:40

Comparte esta noticia

A Xunta acaba de dar o visto e bo ao novo mapa farmacéutico de Galicia que determina a necesidade da apertura de 41 novas oficinas de farmacia. Unha situación que explica pola modificación das cifras poboacionais do padrón de habitantes e a apertura de novos establecementos sanitarios que “mudou significativamente” dende o mapa vixente, de hai quince anos.

Farmacia, farmacias, medicamento, medicamentos, medicamento, medicamentos
Farmacia, farmacias, medicamento, medicamentos, medicamento, medicamentos

A partir de agora ábrese un proceso de adxudicación a través de concurso público das novas oficinas de farmacia coa convocatoria a un acto público ao que están chamados a concorrer todos os participantes, e no que cada un deles se presentará a todas as oficinas convocadas.

O novo mapa farmacéutico inclúe a relación de zonas farmacéuticas urbanas, semiurbanas e rurais existentes en Galicia. Así, nas zonas urbanas debe haber unha oficina por cada 2.800 habitantes, nas zonas semiurbanas por cada 2.500 habitantes, e unha apertura por cada 2.000 habitantes nas zonas rurais. En cada municipio poderá haber, polo menos, unha oficina de farmacia.

Desta forma, do total de 41 novas oficinas de farmacia incluídas no anexo do decreto, sete están situación en zonas urbanas (Arteixo, Oleiros, Narón e Ames), 14 en áreas semiurbanas (Cambre, Culleredo, Sada, Verín, Poio, Ribeira, Teo, Baiona, Cangas, Moaña, e Ponteareas); e as 20 restantes irán a zonas rurais que por poboación precisan estes establecementos.

Co novo decreto,  Sanidade pretende “mellorar”as condicións de acceso da poboación á atención farmacéutica, ao mesmo tempo que garante que no nivel asistencial de atención primaria a cidadanía dispoña do número necesario de farmacias “cun acceso rápido, oportuno e equitativo”. “Tamén contribúe a garantir o dereito de libre elección de oficina de farmacia por parte da cidadanía, na medida en que se mellora a oferta e se adecúa ás circunstancias poboacionais existentes na actualidade, así como a recibir a atención farmacéutica que se precise coa maior inmediatez e proximidade”, engade a Xunta.

Dispensando medicamentos nunha farmacia
Dispensando medicamentos nunha farmacia | Fonte: snarc

Delimitación territorial Delimitación territorial

O texto do proxecto de decreto que agora vai a Consello Consultivo fixa, ademais, a delimitación territorial concreta na que poderán establecerse as novas oficina de farmacia en cada zona farmacéutica da nosa comunidade. Realizarase tendo en conta a densidade demográfica, características xeográficas e dispersión da poboación, convistas a garantir a accesibilidade no servizo, e a suficiencia na subministración de medicamentos.

A poboación mínima para a apertura de oficinas de farmacia será, con carácter xeral, de 2.800 habitantes por establecemento e a distancia mínima entre oficinas de farmacia tendo en conta criterios xeográficos e de dispersión de poboación será con carácter xeral de 250 metros. O cómputo de habitantes de zonas farmacéuticas efectuarase con base no padrón municipal vixente.

Esta delimitación territorial, segundo a Xunta, realízase en aplicación dos principios de cobertura e accesibilidade ao servizo farmacéutico. Así, as novas oficinas de farmacia situaranse en parroquias que carecen de oficina de farmacia ou naquelas que, contando con ela, a proporción de habitantes por oficina incluída a nova, supere nun 25% a poboación existente na parroquia de maior poboación que non a teña. A distancia e a dificultade de comunicación entre os núcleos de poboación tamén poderán ser motivo para a localización dunha nova oficina.

Temas: FARMACIA XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta