Antón Arias matiza que a súa chamada á celebración dun referendo pactado en Cataluña foi "unha opinión persoal"

Varias organizacións empresariais provinciais criticarono duramente por apostar pola vía do referendo en Cataluña. Sinala que a Lei de Implantación Empresarial é "positiva" para os intereses do empresariado galego

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2017 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Antón Arias, matizou que a súa chamada á celebración dun referendo pactado como método para abordar a crise aberta en Cataluña foi "unha opinión persoal" e non "institucional" da entidade que dirixe.

Antón Arias, presidente da patronal galega
Antón Arias, presidente da patronal galega | Fonte: Europa Press

Este domingo nunha entrevista en Radio Nacional recollida por Europa Press, o dirixente da patronal galega saíu ao paso das críticas vertidas desde algunhas organizacións de empresarios provinciais logo de que defendese publicamente a celebración dun referendo de independencia pactado en Cataluña.

"Ás veces non escoitarnos ten riscos de mala interpretación. Fixen declaracións a unha pregunta que se me fixo a nivel persoal. Nesa resposta maticei que estaba a falar a nivel persoal", respondeu á pregunta de se rectifica as súas declaracións sobre o proceso soberanista en Cataluña, como reclamaron desde certos sectores do empresariado galego.

Deste xeito, incidiu en que a CEG, como institución, "fixo unha declaración pública" días antes do 1 de outubro na que pedía "respecto á legalidade" e, así mesmo, "abrir un diálogo" para tratar de reconducir a situación."Nesa declaración dixen que a República Catalá era inviable, era ilegal. Dixen simplemente que me parecía que o tema estaba tan polarizado que se non se abría o diálogo e non se buscaba unha saída poderíase enquistar. Ante un problema político, aplicar unicamente a legalidade paréceme que non vai solucionar nada", incidiu Arias logo de remarcar que se trata da súa "opinión persoal".

FUGA DE EMPRESAS EN CATALUÑA

O presidente da patronal galega tamén respondeu ao traslado da sede social de numerosas empresas que a tiñan en Cataluña ante a crise aberta co proceso soberanista iniciado polo Govern.

Deste xeito, negou que existan "contactos" coa CEG por parte das empresas que anunciaron ou estudan o seu traslado de Cataluña, aínda que recoñece que si existen conversacións con certas entidades que "mostran a súa preocupación" pola situación aberta.

Ademais, asegurou que certas operacións de investimento "que estaban en estudo" atópanse nun momento de "impasse". "Está retardado á espera de ver como evoluciona, tanto a proclamación da República catalá, como de que houbese unha resposta do Estado", engadiu. A continuación, afirmou que descoñece a "cuatificación real" dos movementos empresariais que se están dando por mor da situación de "inseguridade" que vive Cataluña.

Ademais, preguntado sobre se o traslado da sede de certas empresas pode acabar afectando os empregados que esas entidades teñen en Galicia, Antón Arias lembrou que "non ten por que ter afección", xa que se trata de "un cambio no centro de decisión" e non un xiro na "actividade económica".

LEI DE IMPLANTACIÓN EMPRESARIAL

Doutra banda, o presidente da CEG indicou que os afiliados da entidade que dirixe ven con bos ollos a Lei de Implantación Empresarial, que comezou o pasado mes a súa tramitación parlamentaria baixo as críticas dos grupos da oposición e de varias organizacións sociais e ecoloxistas.

Na entrevista, Antón Arias expresou o seu apoio ao anteproxecto da citada lei, ao que a CEG presentou "unha serie de medidas" que confía en que sexan incluídas no texto definitivo. Esta futura lei conta co rexeitamento de todos os grupos da oposición na Cámara galega --En Marea, PSdeG e BNG--, así como de varias entidades ecoloxistas e sociais, que a bautizaron como a "Lei de Depredación de Galicia" ao considerar que abre a porta á desregulación e privatización dos recursos naturais de Galicia a través dun "capitalismo de amiguetes".

Cuestionado respecto diso, o presidente da patronal galega indicou que non comparte esta visión da lei, senón que entende que "é positiva" para os "intereses" do empresariado galego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta