Por Galicia Confidencial | Portugal | 17/10/2017 | Actualizada ás 11:39
O ministro dos Negocios Estranxeiros de Portugal, Augusto Santos Silva, afirmou, en Luxemburgo, que a situación é “moi difícil” en Portugal e en Galicia, pero esixiulle ao Goberno galego e ao seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, “unidade e determinación e non queixas recíprocas ou divisións”.
Unhas declaracións que o minsitro fixo tras participar este luns nunha reunión de xefes de diplomacia da Unión Europea (UE) e tras as declaracións da Xunta e de Feijóo criticando ao Goberno portugués por non controlar os lumes no seu territorio e que acaban entrando en Galicia. “De nada serven queixas recíprocas, porque os incendios non coñecen fronteiras”, comentou ao respecto Santos.
Cuestionado sobre o alegado malestar das autoridades galegas coa falta de capacidade de Portugal para apagar os seus lumes que "saltaron o (río) Miño", o 'número dous' do Goberno portugués defendeu que a actual situación "esixe é unidade, e non de divisións".
“Non coñezo esa declaración, por tanto non podo comentar. Agora, nós vivimos, en particular na faixa occidental na Península Ibérica, unha situación moi difícil, mesmo moi difícil, e as situacións moi difíciles esixen de unidade e determinación, e non queixas recíprocas ou divisións”, concluíu.
Protección civil europea
Sobre a ativación do mecanismo europeo de protección civil, Santos Silva confirmou que Portugal “agarda aínda unha resposta, e unha resposta positiva”, mais comprende que “as circunstancias son difíciles para todos”. “Pedimos tamén apoio a varios países. A Italia xa respondeu, facilitando dous medios aéreos. España, Francia e Marrocos están neste momento a afrontar tamén incendios preocupantes nos seus propios países. Por tanto, estamos a tentar mobilizar todos os medios e toda a solidariedade europea necesaria cando enfrontamentos calamidades desta dimensión”, indicou.
O xefe de diplomacia admitiu que o actual mecanismo europeo ten que dotarse de medios que non ten actualmente, porque "as alteracións climáticas existen", unha "consecuencia obvia para todos" é que, cada vez máis regularmente, é necesario lidar con "fenómenos extremos, sexa inundacións, incendios ou outras calamidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.