Investigadores analizan parásitos autóctonos e biocidas para combater a velutina e estudan o seu impacto económico

O traballo inclúe un sistema para prever a evolución da especie na xeografía galega

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2017 | Actualizada ás 15:25 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Unha investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), financiada pola Deputación da Coruña, analiza parásitos autóctonos e biocidas para o combate eficaz da avespa asiática. Ademais, estuda por primeira vez o impacto económico desta praga nos produtores galegos e inclúe un sistema para prever a evolución na xeografía galega.

Nota Prensa Usc E Foto.
Nota Prensa Usc E Foto. | Fonte: Europa Press

Os primeiros resultados deste traballo foron presentados este xoves polo reitor da USC, Juan Viaño; e o presidente da Deputación coruñesa, Valentín González Formoso; nun acto no que tamén participaron os investigadores Ana Isabel García Arias, Xesús Feás Sánchez, Luís Rodríguez Lado e Xulio Maside Rodríguez.

Neste escenario, Maside explicou que a investigación conclúe que o produtor é o que asume todo o custo da loita contra esta praga e "dunha forma non ben cuantificada". "É dicir, están a cambiar as prácticas habituais de xestión das colmeas e están a asumir o combate sen contabilizar os gastos que iso supón", manifestou para destacar que este é o primeiro informe que cuantifica o esforzo que esta especie supón para as explotacións galegas.

Así mesmo, detallou que a investigación desenvolve un sistema baseado na análise informática de diversos parámetros que determinan a densidade que vai ter a poboación da avespa velutina no futuro así como a súa distribución xeográfica. "As estimacións deses factores poden predicir cal vai ser o comportamento da especie no ano seguinte e esa é unha ferramenta totalmente esencial para a boa xestión dos recursos que se destinen a erradicala", subliñou.

PARÁSITOS E BIOCIDAS

Ademais do impacto e a previsión da evolución, a investigación, na que a Deputación da Coruña investiu 137.000 euros, inclúe a análise de parásitos autóctonos que permitan retardar ou combater a expansión da velutina en Galicia.

Segundo destacou Xulio Maside, "cando hai unha investigación, o habitual é buscar patóxenos no seu lugar de orixe e traelos". "Iso non o queremos facer, sería ter patóxenos asiáticos que non habería forma de controlar e que se poderían expandir a outras especies e causar moito máis dano do que fai a propia velutina".

Por último, o estudo tamén contempla a análise de biocidas que poidan ser utilizados de forma segura polos apicultores, que, conforme advertiu o investigador, actualmente empregan produtos que poden ser prexudiciais tanto para eles como para o medio ambiente "sen ser conscientes da súa toxicidade".

DEPUTACIÓN E USC

Na presentación destes datos, o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou o "liderado" da Universidade de Santiago de Compostela no combate dun problema de "enorme envergadura" e que "ten unha dimensión europea".

Ata o momento, conforme sinalou, cada afectado habilitaba para a súa erradicación "os recursos que se lle ocorrían" sen que houbese unha "dirección facultada para establecer as liñas estratéxicas básicas para o combate con seguridade". "Estamos moi preocupados pero esperanzados porque a ciencia galega pode estar a dar resposta a un problema europeo".

Ademais, aproveitou para criticar que "as autoridades competentes" na materia non puxesen en marcha medidas para paliar os danos que causa esta especie. "Criamos que iamos ser convidados de pedra neste problema e que iamos facer unha pequena achega pero atopámonos con que non hai achega de ninguén máis", censurou.

Por último, o reitor destacou os avances que supón esta investigación nun problema no que se "partiu de cero" e agradeceu a achega da deputación para poder levar a cabo este estudo.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta