Facenda verá se a situación catalá reduce máis a alza do PIB, pero tampouco descarta que suba "superado o atranco"

O Goberno galego fará un seguimento "semana a semana" dos efectos que a situación catalá poidan ter na economía por se fose necesario rebaixar máis a previsión de crecemento económico para 2018 --fixada no 2,5% fronte ao 2,7% anunciado cando se presentou o teito de gasto no verán--, pero tampouco descarta que, "superado o atranco", a alza poida ser finalmente "superior".

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2017 | Actualizada ás 13:03 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Goberno galego fará un seguimento "semana a semana" dos efectos que a situación catalá poidan ter na economía por se fose necesario rebaixar máis a previsión de crecemento económico para 2018 --fixada no 2,5% fronte ao 2,7% anunciado cando se presentou o teito de gasto no verán--, pero tampouco descarta que, "superado o atranco", a alza poida ser finalmente "superior".

Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda da Xunta
Valeriano Martínez, conselleiro de Facenda da Xunta | Fonte: Europa Press

Así o manifestou o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, durante a presentación no Parlamento galego da lei de orzamentos para o próximo exercicio aprobada polo Consello da Xunta este xoves. O Executivo decidiu esgotar o teito de gasto, de forma que o gasto non financeiro sitúase en 9.487 millóns de euros e tradúcese nun aumento do gasto do 2,9% en relación cos orzamentos en vigor.

Preguntado acerca de se a evolución da situación política de Cataluña podería provocar unha rebaixa maior da previsión da alza do PIB galego despois da baixada de dúas décimas anunciada este xoves, Martínez subliñou a "importante" incidencia deste conflito "desde o punto de vista político e de convivencia", pero tamén o seu reflexo "clarísimo" na economía.

A continuación, aludiu a que a incidencia en Galicia "en termos medios" é inferior ao impacto na economía española --a previsión de crecemento en España reduciuse recentemente en tres décimas, do 2,6% ao 2,3%--. "Cremos que aquí a incidencia será un pouquiño menor", remarcou, antes de aludir tamén á "parálise institucional" que supón a "non activación" do orzamento estatal.

Fronte a iso, destacou que en Galicia, "o principal actor público" que é a Xunta si terá orzamento, o que permite dotar de "estabilidade" e fomentar o "crecemento" da sociedade.

PRUDENCIA E RATIFICA A PREVISIÓN DE 2017

"Agora estamos na previsión de crecemento do 2,5% para 2018, pero imos ser prudentes. Seguiremos analizando semana a semana se a situación catalá ten unha incidencia maior, pero non descartamos tampouco que, unha vez superado o atranco, a economía galega poida crecer por encima do 2,5%", esgrimiu.

Con datos "obxectivos", tamén reafirmou que a economía galega está nunha taxa interanual de crecemento "do 3,04% ou do 3,05%", o que permitirá pechar o ano 2017 axustándose á estimación prevista dunha alza "do 3,1% ou 3,12%".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta