Relixión e democracia

A recente visita de Bieito XVI a Galicia e a polarización social que provocou, entre os que lle daban a benvida e os que lle dician “eu non te espero” pon, máis unha vez, de manifesto a tensión irresolta pola democracia española entre unha concepción laica, ou mesmo aconfesional, como a Constitución Española sanciona e a concepción de orixe nacionalcatólica do franquismo, que vinculaba estreitamente igrexa católica e estado.

Por Carlos Vázquez Padín | Tui | 10/11/2010

Comparte esta noticia

Por un lado encontrámonos con sectores da igrexa católica, representados na conferencia episcopal, que non queren renunciar ao trato de favor e aos privilexios que o noso estado ainda lle outorga a través do concordato coa Santa Sede e do outro lado, encontrámonos con sectores da esquerda, normalmente á esquerda do PSOE (BNG e Esquerda Unida son dous exemplos) fondamente anti-católicos, e moito máis dispostos a denunciar despropósitos do catolicismo, como os frecuentes casos de pederastia que en demasiadas ocasións teñen contado co silencio cómplice da igrexa, que despropósitos doutras relixións, como a musulmana, e as suas frecuentes condenas de morte a quen eles consideran impíos, e situacións como as lapidacións de mulleres, supostamente adúlteras, nesta situación, dous dogmas da estrema esquerda entran en conflito, o feminismo e o antiamericanismo, como os lapidadores sempre son antiamericanos, certa esquerda tende a facer a vista gorda e a esquecerse do seu feminismo en aras do seu antiamericanismo, para esa certa esquerda os dereitos humanos (invento do liberalismo) nunca foron unha prioridade como demostra tamén o seu apoio a un bo número de ditaduras.

É moi difícil resumir o papel histórico da igrexa no noso País en poucas liñas, no lado positivo mencionaría o maravilloso patrimonio arquitectonico que nos legaron, no lado fundamentalmente negativo estaría o seu posicionamento case sempre en contra das liberdades individuais, sen esquecer o seu activo papel galeguicida tanto nas igrexas como nas escolas, é moito o dano moral que a este País lle fixo a igrexa católica ao contribuir activamente á implantación e extensión do autoodio e do cosmopaletismo.

No que a valores se refire non podemos esquecer que son as sociedades cristáns as que maior grao de desenvolvemento humano teñen alcanzado ata o momento, ainda que dentro destas non son precisamente as católicas a que levan a palma, senón as protestantes, é indubidable que o sistema de valores do cristianismo está detrás da base cultural que facilitou o desenvolvemento dos mercados libres e, polo tanto, do enorme progreso que a humanidade experimentou grazas a eles. E tampouco podemos esquecer que o cristianismo forma unha das bases esenciais que definen a historia e os valores de Europa, as raices cristáns do que hoxe coñecemos como Europa son innegables, creo que é algo que todos podemos recoñecer sen que implique a concesión de privilexios a esa relixión, é ademais algo que nos interesa recoñecer como galegos, algúns que din querere moito a este País esquecen, que a nosa capital é xunto con Roma e Xerusalen unha das tres capitais universais do cristianismo e que ese é un enorme activo para Galicia.

Para os cristáns protestantes o que se faga na vida terrenal repercutirá na outra vida o que segundo diversos autores como Max Weber, no seu famoso “A ética protestante e o espírito do capitalismo” explica a extensión e profundidade do valor da responsabilidade nas sociedades de influencia luterana e calvinista, mentres que para os católicos non importa o mal que se comporten nesta vida que se se arrepinten a última hora serán perdonados o que, obviamente, incita á irresponsabilidade. É inimaxinable que o alcalde de Tui, o señor Rocha ou o seu segundo, Moises Rodríguez, fosen protestantes porque se saberían condenados ao fogo eterno e non é unha brincadeira, nas sociedades protestantes hai menos corrupción que nas católicas.

Sobre como encaixar dous sistemas de valores tan diferenciados como o tradicional católico e os de inspiración marxista, así como outros sistemas de valores que nunha sociedade cada vez máis plural se van abrindo paso, só a democracia liberal fornece unha solución para a convivencia pacífica de cosmovisións tan alonxadas e de diferentes relixións nunha mesa sociedade, Xose Luis Barreiro Rivas, no seu estudo, “Relixión e laicidade dende a política” afirma que “a vida política non é posible se se soborda o máis mínimo a idea de que os seus consensos internos son simplemente iso, acordos de base sobre dereitos e deberes. A partir de aí é onde hai que esixir a liberdade e a cada un esixirlle a súa responsabilidade. Que ten que esixir a igrexa nunha situación como a de España? Absoluta liberdade para seguir facendo o seu labor, para utilizar os seus recursos, para xerar, se quere, as súas estruturas educativas, para todo o que debe seguir sendo a vida da igrexa. E que é o que non ten dereito a facer? Montarse sobre as estruturas do estado e, aproveitando as inercias históricas con certa vantaxe, facer o debate sobre o multiculturalismo e sobre os problemas valorativos para a sociedade non desde a perspectiva dos consensos sociais, non desde a actividade dos cristiáns políticos que fan política, senón desde a perspectiva institucional que nos pontea por riba.

Continua o profesor Barreiro “Temos os cristiáns dereito a loitar contra as leis do aborto, temos os cristiáns dereito a loitar contra a forma en que se están regulando os matrimonios, etc.? Absoluto dereito. Pero, como temos que facelo? Os cristiáns temos que facer iso no marco da acción política. Hoxe non é posible distinguir neste momento a ninguén no marco da acción política. Ninguén confesa a súa fe, ninguén confesa as súas inspironacións morais..”e ai está a grande contradicción, o partido que supostamente defende o sistema de valores cristán na nosa sociedade, o Partido Popular, tampouco modificou a lexislación neste sentido cando tivo mayoría absoluta para facelo entre o 2000 e o 2004, lembremos concretamente que non derogou a lei do aborto.

Os cristáns teñen dereito, como calquera, a se organizar políticamente para defender o seu sistema de valores dentro da democracia pero o que non pode pretender nen o Papa nen ninguén é impor ese sistema de valores desde lobbies como a Conferencia Episcopal, na democracia todas as opinións poder e deben ser defendidas en liberdade e a única forma de xerarquizalas é coa ferramenta dos partidos políticos e do voto, pareceume particularmente desafortunada a mención de Bieito XVI no voo que o traia a Galicia vinculando o laicismo agresivo, que ao seu xuizo, se vive en España, coa situación dos anos trinta do século pasado, un home na sua posición debería ser máis responsable e informarse un pouco mellor, e ter en conta a repercusión que pode ter que alguén da sua importancia vincule a situación actual a unha de preguerra, unha guerra ademáis na que o conflito civil tivo unha das suas principais bases no conflito relixioso.

A miña postura como demócrata liberal entorno á igrexa católica é, desde un profundo respecto pola institución, polos seus valores e polos seus membros, afirmar que nunha sociedade democrática non caben privilexios para ningunha persoa nen institución, nen lobby. En relación a todas as relixións é imprescindible que concibamos a relixiosidade como unha actividade estrictamente ligada á liberdade individual para profesala ou non e como unha actividade que pertence ao ámbito privado das persoas. O que si poden reclamar os individuos e as persoas nunha democracia liberal é un trato xusto, non discriminatorio para ninguén.

Para rematar, gustaríame reafirmarme en que a visita de Bieito XVI foi unha grande noticia para todos os galegos que queren ao seu País e que polo tanto queren que gañe protagonismo internacional para beneficio de todos, crentes e non crentes, tamén debería ser unha boa noticia para todos que as persoas que profesan a fe maioritaria na nosa terra poidan recibir na sua casa á cabeza da sua igrexa, o atitude contraria só podería calificala de sectarismo.

A partir dai, hai que aplicar o sentidiño en relación aos gastos que a administración pública debe ou non asumir nunha visita destas características, por suposto, a seguridade é un dos gastos que un anfitrión debe asumir nun acto destas características, aqueles gastos que aconsella a cortesía para unha persoaxe desta importancia tamén deben ser asumidos, na lista dos que non deben ser asumidos en ningún caso pola administración pública que todos os contribuintes financiamos está un escenario de super luxo como o que se instalou no Obradoiro, ou os gastos de organización, que loxicamente debería ser a propía igrexa e os seus fieis quen os asumise.

Non creo que sexa aceptable nun estado aconfesional que unha administración pública gaste fortunas en publicidade institucional dandolle a benvida ao Papa en xornais que o Papa non lé, 274.000 € segundo o conselleiro Rueda gastaronse en publicidade institucional, se realmente queremos ir avanzando cara o cumprimento da aconfesionalidade do estado que predica a Constitución Española este non é o camiño. Gustoume moito máis o que fixeron os cataláns que consistiu en que personalidades privadas da sociedade civil catalana e de varios partidos políticos (CDC, UDC, PSC e ERC) sufragaron un anuncio (co diñeiro do seu peto e non co de todos como lle gusta facer ao PP) no Corriere della Sera, xornal que hai máis probabilidades de que lea o Santo Padre, dandolle a benvida e explicandolle que chegaba a un País chamado Cataluña, onde por certo, empregará moito máis o catalán que en Galicia o galego, continua o galeguicidio.

O principal capítulo de gasto, un millón setecentos mil euros, foi o da retransmisión do acto cuxas imaxes a TVG distribuiu gratuitamente a máis de cen países, non entendo como podendo cobrar polas imaxes, ainda a costa de perder algo de difusión, non se fixo, onde está a famosa austeridade do señor Feijóo?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA