Por gcdeportes | Compostela | 24/10/2017 | Actualizada ás 08:59
A futbolista galega do PSG Vero Boquete ven de anunciar o seu compromiso con Common Goal, proxecto liderado por Juan Mata que invita a xogadores e xogadoras de todo o mundo a doar o 1% do seus salarios a proxectos solidarios. “Creo no poder do deporte en xeral e do fútbol en particular para liderar o cambio social. Por iso comprométome con Common Goal, creo que podemos ser un exemplo para que nos sigan moitas máis”, apunta Vero Boquete.
Xunto a Vero, están xa dentro do mesmo equipo solidario Olga García (FC Barcelona), Heather O’Reilly (Arsenal), Pauline Bremer (Manchester City), Jean Sseninde (Crystal Palace) e Nicole Regnier (América de Cali), representantes de cinco países distintos e catro continentes.
“A incorporación de seis xogadoras de cinco países distintos e catro continentes, todas elas coa coraxe para liderar o movemento nas súas respectivas rexións do mundo, é un momento de gran orgullo para min e para o resto do equipo”, asegura Juan Mata, futbolista do Manchester United, alma máter do proxecto. Con Nicole Regnier e Jean Sseninde, o proxecto alcanza por primeira vez Sudamérica e África.
Vero Boquete, con 30 anos, é unha estrela do fútbol feminino tras ser a primeira española en gañar unha Champions, embaixadora da UEFA e da LFP, e unha loitadora pola igualdade de xénero no fútbol, coa petición para que houbese xogadoras no popular videoxogo FIFA. “Creo que é importante que as futbolistas estean ben representadas no equipo de Common Goal no arrinque do proxecto, e é por iso polo que me uno ao movemento xunto a esta mestura internacional de xogadoras”, explica a galega.
Common Goal é un proxecto de streetfootballworld, organización internacional de fútbol para o desenvolvemento que apoia a máis de 120 ONG en 80 países, proxecto recoñecido pola UEFA, a UE e o Foro Económico Mundial. Juan Mata foi o primeiro futbolista en comprometerse o pasado mes de agosto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.